Liberdade sen ira

Nesta trixésimo primeira entrega de ‘Viaxes sen Lee’ a exploración emocional de Gabriel Rei-Doval bate de novo coa liberdade estadounidense, en duelo coa ira que non cesa.

Por Gabriel Rei-Doval | Fremont, Seattle (Washington, USA) | 01/09/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

En Seattle, Chuck e mais eu tivemos un resto da tarde tranquilo e gozamos da costa próxima a Pike Place ata acabarmos no seu barrio favorito, o sempre coqueto e alternativo Fremont, que eu xa coñecía de anteriores visitas.

Entrando en Fremont, no centro do universo
Entrando en Fremont, no centro do universo

A deformación profesional ás veces transpórtame ó pasado dos lugares. En Fremont, coma en Fredonia -lugar de saída do meu periplo en Wisconsin- cavilaba aquel martes de setembro se habería algunha mensaxe encriptada do Grande Espírito empurrándome a segui-la ruta da liberdade. A liberdade sen ira é sempre un vieiro complexo, non apto para tódolos públicos nin exento de pedras no camiño. 

Conta a mitoloxía patria que nos inicios dos Estados Unidos Samuel L. Mitchill quixo levar esa procura liberadora á mesma toponimia nacional, propoñendo con sufixación latinizante renomea-lo país mesmo como Fredonia. Mais, se cadra de forma premonitoria, só conseguiu a adhesión dalgunhas vilas espalladas por Norteamérica, entre elas aquela onde comezou esta miña viaxe.

Poida que o meu periplo comezase en efecto nun ‘lugar de liberdade’ de Wisconsin (Fredonia) e estivese agora entrando noutro lugar libre de Washington (Fremont). A consulta ós oráculos da onomástica e a etimoloxía teimaban porén en Fremont ser de orixe gabacha, e antes xermánica, e en que a etimoloxía estaba, antes ca na liberdade, na paz (fred) e maila protección (mund) que a antano vila, hoxe barrio, de Fremont había de ofrecer.

Seguía absorto entre tales andrómenas filolóxicas cando de súpeto o meu maxín deixou de xirar, e Chuck aínda estaba alí, xunta a ponte de Fremont, que dá acceso ó centro dun universo onde o reloxo corre cinco minutos por diante. Comparti-las miñas cavilacións con Chuck levouno a explicita-la súa necesidade de paz despois dos inenarrables días previos con Rob e asemade a verbaliza-la necesidade de protexer a Jodie da perturbada mente do seu case ex-amigo.

Co camarada Vladimir Lenin en Fremont (Seattle)
Co camarada Vladimir Lenin en Fremont (Seattle)

Hai un tempo na vida en que as procuras máis urxentes son a liberdade e a maxia de conectar con alguén especial. Quizais tales anhelos levasen a Jodie a cruzarse con Rob quince anos antes. Agora as súas necesidades básicas e urxentes eran a protección e maila paz; a última delas revelárase nas últimas semanas como fundamental, tamén para Chuck.

Na nosa incursión en Fremont batemos cun apaixonado das liberdades colectivas, Vladimir Lenin, a quen a progresía norteamericana homenaxeara cunha xigantesca estatua de bronce de cinco metros, preto de Evanston Avenue. Parado onda o xigante Vladimir, e trala preceptiva documentación fotográfica da ocasión, Chuck fitoume con desagrado ante o que denominou unha desproporcionada homenaxe a un iracundo criminal. Comprendín que, baixo a súa epiderme de meditador hippie, latexaba unha forte educación antisoviética e mailo irredutible ADN sociocultural gringo, ningún dos cales lle permitía obvia-la súa inconfesable ideoloxía capitalista, como xa tiña observado noutros membros da comunidade alternativa estadounidense.

Mais en lugar de salientar discordancias separadoras optei por centrarme na dimensión humana, e con empatía retruqueille que a liberdade é un valor absoluto e innegociable cando se implementa sen animosidade. Para os guerreiros da liberdade total, a clave está en non sucumbir nunca ó lado escuro, no que se cadra acabara instalado Vladimir Lenin. 

Quizais esa mesma deriva afastándose da luz e achegándose á dominación, pensei, fora a que tomara tamén o seu amigo Rob. Fitoume e, con pesar e humidade ocular, baixou os ollos. Logo dun prolongado silencio, confesou sentirse decepcionado coma nunca antes na súa vida, e engadiu non comprender como a alma humana, neste caso a dun amigo querido, puidera transformarse de xeito tan radical. Sentía que os afectos sostidos ó longo do tempo foran traizoados por un Rob abducido polo lado máis escuro da súa mente. Un Rob a quen o orgullo e a ira lle secaran o corazón a medida que o amor de Jodie fora retirándose da súa vida. Unha irreprimible conduta controladora, inxectada de velenosa ira, levaba un tempo liquidándoo como ser humano. Non sabía Chuck onde situa-los seus múltiples sorrisos compartidos nos anos mozos mentres se configuraban como adultos.

Rob tiña unha capacidade, probablemente aprendida na infancia, para a manipulación psicolóxica e verbal. Cando a combinaba co retorcemento extremo das palabras e as ideas, calquera intento de procura-la luz era inútil. Pola contra, a animosidade do seu case ex-amigo estaba comezando a afectar á vida tranquila de Chuck. Malia á amizade que os unira durante décadas, cada vez era máis difícil reconcilia-la liberdade daquel coa firmeza deste en mostra-la verdade, con paz e tranquilidade. Chuck, cada vez máis, comezara a apostar por vivi-la vida sen mentiras e en paz. 

Para Rob as cousas eran diferentes. Enfrontarse ás verdades non é doado, sobre todo cando interfiren forzas poderosas coma o medo, a ira e o desamor, que poden ata anúbranno-la vista e abocarnos á maior das escuridades. Cando un amigo comeza a irse, só queda mante-la ollada chantada no presente e agardar sen ira polo inherente cambio da vida. A liberdade, se non a hai, sen dúbida haberaa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA