A vida, esa historia de batifondo e furia

A vida dunha muller escocesa que, con 16 anos é pechada nun psiquiátrico, centra 'A desaparición de Esme Lennox', unha obra de Maggie O'Farrell, traducida por Manuel Xestoso, e editada por Galaxia.

Por Armando Requeixo | Ames | 18/04/2012 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

Título: A desaparición de Esme Lennox

None

Tradutor: Manuel Xestoso

Editorial: Galaxia

Lugar: Vigo

Ano: 2011 (novembro)

Páxinas: 241

 

 

¿Pode condenarse a perpetuidade a felicidade? ¿Hai modo de soterrar nos abismos a alegría de vivir? ¿É posible disolver en ácido a esperanza contaxiosa da ledicia?

 

A fórmula perversa de tan demoníaca anguria existencial revélanola Maggie O’Farrell na recente A desaparición de Esme Lennox, novela subxugante que garda no seu interior unha mensaxe tan sinxela coma revolucionaria, radicalmente subversiva: nada nin ninguén ten dereito a roubarnos a felicidade.

 

Escocia. Anos 30 do pasado século. Unha fermosa rapaza de boa clase vive allea ás ríxidas normas da convención social: baila en lugares desusados, ri decote —e, polo mesmo, moitas veces a destempo—, non lle importa ren a etiqueta e ama e bica a quen desexa, sen pensar nas consecuencias de tales actos.

 

Este proceder, absolutamente natural, é considerado indecoroso polos seus familiares, que deciden ‘eliminar’ o problema. Conclusión: a radiante Esme Lennox, cos seus inxenuos dezaseis anos, será recluída nun psiquiátrico en Cauldstone e alí… permanecerá durante as seguintes seis décadas.

 

Ata que un día Iris Lockhart, unha sobriña neta, reciba unha inesperada chamada dos responsables do sanatorio anunciándolle que este pecha as súas portas e que, con tal motivo, deberá facerse cargo da súa, ata entón, perfectamente descoñecida familiar. Ábrese así un dilema ante a confusa Iris: abandonar a Esme á súa sorte ou coidar dela, como xa fai coa súa irmá Kitty, a avoa internada nunha residencia onde velan por ela e o seu alzheimer.

 

Este é o punto de arranque dunha novela de personaxes, na que o papel dos sentimentos e a loita entre as liberdades individuais e as renuncias sociais centran un debate de fondo calado revestido dunha trama delicada, onde a memoria, o (des)amor e a chamada do sangue o son todo.

 

De por parte, A desaparición de Esme Lennox é tamén un habelencioso exercicio narrativo e estrutural, pois fai alternar diversas voces nun fluír polifónico no que o presente de Iris e os pasados-presentes da lúcida Esme e a nebulosa Kitty se suceden de modo por veces deliberadamente inconcreto, dando paso a reveladores diálogos co medio irmán de Iris ou co seu amante casado, insatisfactorias compañas ás que só o seu fiel can é quen de dar honorable réplica.

 

Narrada cunha prosa moi coidada, rica en rexistros e estilos, esta interesante novela fala agora o noso idioma grazas ao labor de Manuel Xestoso, quen acomodou dende o colorista inglés orixinal este texto a un galego acaído que se le con agrado, malia algúns castelanismos e, sobre todo, o emprego errático de certas solucións pronominais.

 

Non deixen de facerse con este libro de Maggie O’Farrell publicado pola Editorial Galaxia na súa xa ben asentada Biblioteca Compostela. Non por casualidade o lectorado de noso concedeulle o Premio de Novela Europea ‘Casino de Santiago’. Un acerto que nos trae a voz fresca e orixinal desta escritora de Irlanda do Norte, quen consegue articular un relato fascinante cun final de todo punto sorprendente.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta