Usarán técnicas de cetraría con aguias en Ourense para botar os estorniños da cidade

A presenza dos estorniños irase incrementando ata o mes de marzo, polo asentamento de máis aves que emigran desde o norte de Europa atraídas pola calor, a existencia de espazos protexidos e a luz artificial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2019 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense puxo en marcha unha campaña para facer fronte á invasión de 10.000 estorniños, entre autóctonos e foráneos, na cidade mediante o emprego de técnicas de cetraría con aguias Harris. Así o explicou este venres o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado do responsable da empresa Larus Control, Juan Fraga.

A campaña, segundo explicou o rexedor, aposta por "un método innovador" para pór fin ás molestias que a proliferación destas aves ocasiona á cidadanía como son os seus excrementos e ruídos. "O obxectivo da campaña non é eliminar estes animais, senón desprazalos da cidade", explicou Juan Fraga. Deste xeito, a intención é facer que os estorniños "non se atopen a gusto para pasar a noite nas zonas verdes da cidade".

A presenza dos estorniños irase incrementando ata o mes de marzo, polo asentamento de máis aves que emigran desde o norte de Europa atraídas pola calor, a existencia de espazos protexidos e a luz artificial. Deste xeito, a primeira parte dos traballos centrarase na elaboración dun censo coas zonas verdes máis conflitivas da cidade das Burgas, tales como o parque do Pavillón dos Remedios.

A partir de aí comezarase coas intervencións, en horario nocturno, cando os estorniños descansan. Desta forma, soltaranse aguias Harris, especie procedente do norte de América e depredadora natural, que asusten e incomoden aos estorniños. O responsable da empresa Larus Control tamén incidiu en que estas aguias Harris son "inofensivas para a especie humana".

Unha vez finaliza a primeira fase, empregaranse tamén outras técnicas como o uso de sons, luces ou efectos ópticos. Os traballos terán continuidade durante varios meses, posto que o obxectivo non é só que desaparezan as aves que xa se atopan na cidade, senón evitar que cheguen a establecerse novos exemplares.

Rolda de prensa do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
Rolda de prensa do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta