Por Paco Gallego | Galicia | 27/04/2012 | Actualizada ás 09:19
O Salón Erótico de Ferrol, Venus Galicia 2012, acotado a público maior de idade e logo do pago dunha entrada, tivo que ser trasladado ao veciño concello de Narón por non cumprir os usos urbanísticos do recinto ferrolán onde se ía desenvolver en canto permitía a participación (voluntaria) do público en diferentes actividades de sexo explícito. Unha simulación para TV da rodaxe da película O divino ferrete, primeira produción de cine pornográfica en lingua galega ao longo de todo o proceso, retirado da popular canle Youtube por unha infracción da política de Youtube sobre espidos humanos e contido sexual. Vén sendo como no muro de Pink Floyd, unha cuestión de educación. We don't need no...
GC Tendencias ofertará en exclusiva aos seus lectores/as escenas inéditas da que é, sen dúbida, a primeira produción pornográfica realizada integramente en galego en todas e cada unha das partes do proceso.
Porno en galego
Escena da rodaxe d'O divino ferrete. Totó García con Diana Pastoriza...e viceversa. Imaxe por María Esther Rodríguez de F3vídeo
"Lorena naceu en Bos Aires, e acaba de chegar a Galicia, desta vez para quedar. Ten moitas angueiras por diante: buscar un lugar onde vivir, atopar un traballo, reunirse con vellas amigas e con familiares aos que hai moitos anos que non ve, e até facer de dama de honra dunha voda. Pero sobre todo coñecer xente. Porque Lorena sabe que cando se chega a un novo sitio non é fácil coñecer xente… a non ser que saibas usar ben o móbil". Así comeza o filme galego O divino ferrete. Poucos segundos despois transcorre este diálogo:
LORENA: Non nos descubrirán aquí?
RAPAZ: Se falamos baixiño non.
LORENA: E todo iso é pirola?
RAPAZ: Podes comprobalo ti mesma.
"O divino ferrete", un proxecto nado no seo de GalegoLab, pretende ser o primeiro filme pornográfico feito en lingua galega en todas e cada unha das súas etapas. O certo é que xa existe unha obra titulada Sexo no Eixo Atlántico (2008), de Fernando Fernández, pero sen entradas de diálogo entre actores.
O divino será distribuído en rede e de balde, terá unha licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Xenérica e contará con dúas versións, unha de porno duro e outra de porno suave. Chegaron a barallarse diferentes títulos, en homenaxe a obras das nosas letras. Un deles foi o rosaliano Fodas novas. Escolleuse ironizar c' O divino sainete. Ai, se o liberal Curros erguese a cabeza...
Pasa por ser a primeira película porno en galego, iso si, co permiso de Sexo no Eixo Atlántico, premiado filme de Fernando Fernández. N'O divino contamos coas interpretacións de Totó García e Diana Pastoriza (nas imaxes), Yara Lamas e Monti Castiñeiras, como narrador.
Ao redor deste proxecto contamos con algunhas figuras da nosa literatura, tanto procedentes da prosa como da poesía. O seu guión colectivo, dividido en cinco partes ou esceas, estivo elaborado por Diego Ameixeiras, Xabier Cid, Begoña Paz, Alejandro Tobar e Iolanda Zúñiga, nada máis e nada menos. Pero é que, ademais, desenvólvese unha actividade paralela onde outros recoñecidos autores suben de balde os seus textos eróticos. Entre eles, Xabier Docampo, Chelo Suárez, Paco Martín ou Francisco Castro, co apoio nas ilustracións de xente como Cristina Brea Lodeiro e Xosé Cobas.
Actores d'O divino ferrete. Imaxe por María Esther Rodríguez de F3vídeo
Esta iniciativa conta ademais cunha tenda virtual onde poder adquirir produtos relacionados co filme. Así, segundo nos explican, os beneficios derivados da venda destes produtos irán destinados ao desenvolvemento do filme, sen intermediarios, comisións ou filtros. Ademais, coa compra de calquera dos paquetes de apoio, o nome do comprador aparecerá (quen non desexe que así sexa, só ten que indicalo) na listaxe de coprodutores, nos créditos da fita.
Na páxina de Toupa, colaboradora deste proxecto, os produtos á venda están detallados debidamente. Camisolas, chapas e mesmo un libro con ilustracións orixinaios editado por 2.0 Editora. Animádevos. O filme está á espera de sumar novos apoios económicos!!!
Pola nosa banda, queremos dar as grazas á xente de F3vídeo, en especial a María Esther Rodríguez, autora das imaxes que vos ofertamos, e que xa apareceron na web para adultos Placeres Virtuales. Lembrade seguirnos no twitter @GcTendencias e no facebook GC Tendencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.