A universidade privada de Abanca non iniciará a súa andaina "no mellor dos casos" ata o curso 21/22

Desde a Xunta aseguran que a iniciativa será obxecto ademais de "unha serie longa de informes de órganos institucionais e departamentos" que avaliarán a súa idoneidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2019 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira universidade privada de Galicia, impulsada por Abanca, podería impartir os seus primeiros títulos, "no mellor dos casos", no curso 2021/2022.

Así o indicou este venres José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, que compareceu na Comisión de Cultura do Parlamento para responder a unha pregunta do PPdeG sobre este centro universitario e o estado da súa tramitación.

En relación á súa actividade, Díez de Castro explicou que os trámites e prazos que aínda restan a esta universidade "non se poden acurtar", polo que "no mellor dos escenarios" alongaríanse "dous cursos académicos". "No mellor dos casos, esta universidade podería impartir algún título oficial no curso 21/22", dixo o secretario xeral, que considera "absolutamente imposible" que estea activa para o curso 20/21.

GRAOS

Na súa "solicitude inicial", explicou o representante da Xunta, a universidade promovida por Abanca busca "especializarse en empresa, tecnoloxía e emprendemento", con orientación cara á "formación directiva". Con iso, proponse unha primeira rama de ciencias sociais e xurídicas cun Grao en Administración e Dirección de Empresas e un Grao en Negocios Dixitais e Intelixencia Empresarial e másteres MBA, en Dereito Empresarial e Economía Dixital e en Neuromárketing e Comportamento do Consumidor, ademais dun doutoramento en Economía e Empresa.

Por outra banda, na rama de Enxeñaría e Arquitectura, a proposta inicial abarca un grao en Enxeñaría de Sistemas de Información e Ciberseguridade, un Grao en Enxeñaría Empresarial e Emprendimiento Tecnolóxico e máster en Enxeñaría de Datos e Intelixencia de Negocio, así como un programa de doutoramento en Data Science e Sistemas de Información. Díez de Castro lembrou que a normativa galega esixe a un hipotético novo centro universitario o desenvolvemento de dúas ramas de coñecemento, así como a oferta de oito títulos de grao e máster.

PROCESO "LONGO E COMPLEXO"

O proceso que desembocou na exposición pública do anteproxecto de lei de creación desta universidade, indicou Díez de Castro, arrincou en outubro de 2018 e foi "moi longo e moi complexo". Neste período, mantivéronse distintos encontros e reunións informativas tanto desde os promotores como coa Administración galega, achegando documentación "pormenorizada" do proxecto.

O 10 de xuño deste ano, precisou, a Secretaría Xeral de Universidades emitiu un informe favorable achega do cumprimento deste proxecto dos "requisitos básicos" que se esixen, que van desde a oferta de graos á programación investigadora, o número e cualificación de persoal docente e investigador, as instalacións e medios materiais que vai dispor ou a súa organización interna.

Tras a súa exposición pública, e ata que o proxecto de lei entre no Parlamento para a súa aprobación, se procede, Díez de Castro asegurou que a iniciativa será obxecto ademais de "unha serie longa de informes de órganos institucionais e departamentos" que avaliarán a súa idoneidade.

Economía
Economía | Fonte: Finanzas ABANCA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta