Engano, decepción, desolación

Esta trixésimo terceira entrega de 'Viaxes sen Lee' leva o navegante emocional Gabriel Rei-Doval na procura das Illas Cotovías polo norte do Estado de Washington ata bater con Deception Pass

Por Gabriel Rei-Doval | Deception Pass, Whidbey Island (Washington, USA) | 02/10/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O percorrido por Whidbey Island fora longo e cheo de sensacións diversas; agora, o solpor comezaba a achegarse canda o arribo a Deception Pass e maila transición a Fidalgo Island. Entrementres, o meu maxín sinbad mugardés seguía á procura das Cotovías naquel pacífico enclave do noroeste.

Na procura das Illas Cotovías polo Estado de Washington
Na procura das Illas Cotovías polo Estado de Washington

Aquela costa, poboada durante miles de anos por tribos Salish, enganara durante décadas navegantes e exploradores alleos, que crían estar seguindo unha península cando en realidade circundaban illas de perímetros incertos no Island County: Whidbey, Camano, Baby, Ben Ure, Deception, Kalamut, Minor, Smith, Strawberry... todas elas Illas Cotovías?

A miña busca insular nos lindeiros do Pacífico estadounidense podería acabar no mesmo engano ca o de mariñeiros da Royal Navy tan experimentados coma Joseph Whidbey ou George Vancouver dous séculos antes. Ás veces, amigo Sari, a natureza desatenta esconde pelouros ocultos ó ollo humano na escuridade dos fondos mariños e agacha sereas divinas radiantes de alegría a chamar por un desde prados floridos.

En ocasións, pode un home benintencionado caer no mesmo engano ca o experto mariñeiro Joseph Whidbey, porque as aparencias das cousas con frecuencia son opacas ó corazón e a mente humanas. Entre a lingua do enxeñeiro e navegante Whidbey e a miña variedade mugardesa mediaban dúas verbas por veces mesturadas en falsa amizade: deception e decepción. A primeira -o enganoacontece na lingua de noso cando existe intención de confundir ou levar a porto equivocado a mente e as accións humanas. A segunda é ás veces o estado emocional derivado do engano ou da intensidade e acumulación no tempo de situacións desfavorables. Mais na lingua de Whidbey e Vancouver o engano -deception- é sempre primordial.

Eu, cal Sinbad a chegar por vez primeira a Deception Pass Bridge, sentín de súpeto a forza e intensidade das falsas amizades léxicas a bater con forza no meu Ser. Se cadra foi porque os humanos estamos sen dúbida máis conectados do que a nosa inqueda mente racional ás veces semella percibir. O engano quizais comezase xa en Gormaz, mais a decepción confirmábase alí, no lindeiro entre Whidbey e Fidalgo Island.

Solpor en Deception Pass
Solpor en Deception Pass

Xusto alí, detido naquela ponte finisecular e absorto na contemplación extática da fermosura insular das cotovías do Pacífico, sentín que era tempo de deixar marchar tanta decepción, tomar conciencia do engano previo e, fose Pike ou Whidbey a vía transmisora, dunha vez por todas chimpa-la áncora emocional de Gormaz ó fondo do Deception Pass, convertida nun simple penedo máis a sortear polos mariñeiros destemidos a remuíños costeiros de odiseas estadounidenses. Aquel mércores de setembro tamén eu, querido Sari, decidín deixar de enviar postais, a non ser que batese, sempre por acaso, con Desolation Row.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA