A Xunta quere potenciar a Atención Primaria con máis autonomía para cada área sanitaria

Aproba a nova estrutura organizativa da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2019 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este xoves a nova estrutura organizativa da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que inclúe a creación de direccións de Atención Primaria en cada área.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Feijóo explicou que a nova regulación permitirá unha maior adaptación ás actuais necesidades asistenciais e responderá os compromisos adquiridos para potenciar a atención primaria con máis autonomía e máis capacidade de xestión.

E é que as medidas adoptadas polo Goberno galego derivan das reunións mantidas meses atrás entre a Consellería e os profesionais e colectivos sanitarios tras as protestas rexistradas na Atención Primaria.

En concreto, a Xunta informou de que se establecerá unha estrutura directiva diferenciada entre a atención primaria e a atención hospitalaria para, sen perder a coordinación en material asistencial, abordar de forma específica as necesidades concretas dos centros de saúde.

Así, cada unha das áreas de saúde contará cun director de atención primaria e cun director de atención hospitalaria. Tamén se contempla a creación dunha dirección de enfermaría e outra de procesos de soportes.

COMISIÓN DE ATENCIÓN PRIMARIA

O presidente da Xunta tamén explicou que se creará unha Comisión de Atención Primaria en cada área sanitaria, na que estarán todos os xefes de servizo ou coordinadores de todas as unidades.

Estes serán convocados polo xerente da área para concretar cuestións como o plan estratéxico, os obxectivos e os plans económicos, o equipamento e recursos humanos e propor e detectar as oportunidades de mellora.

Con respecto á estrutura das áreas, o Executivo autonómico destacou que se incrementa a participación dos cidadáns coa creación dos órganos colexiados do Consello Asesor de Pacientes de Área e do Consello de dirección da área en cada unha delas. Deste último, formarán parte catro vocais representantes dos concellos da zona, que serán designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

En relación á modificación da estrutura do Sergas, Feijóo indicou que se creará, por unha banda, unha Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía e unha Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación. Por outra banda, na Dirección Xeral de Recursos Humanos crearase unha Subdirección Xeral de Desenvolvemento Profesional e un Servizo de Planificación Normativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta