Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 16:30
Os forenses centraron a terceira xornada do xuízo polo crime de Ponte Caldelas, celebrada este mércores na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra, onde aseguraron que o procesado minguou a "capacidade de defensa" da vítima.
Os médicos que realizaron as autopsias ao cadáver da vítima deste crime, Manuel Rivas Muiños, explicaron que este morreu desangrado a consecuencia das hemorraxias producidas polas múltiples coiteladas "moi simultáneas" que recibiu.
En virtude do seu exame forense concluíron que o falecido tiña "minguada a súa capacidade de defensa" no transcurso da agresión con arma branca que recibiu de Marcos V.G., autor confeso das navalladas.
Segundo explicaron ao tribunal do xurado, a vítima presentaba unha ferida de "contención" no ombreiro dereito causada por un xeonllo ao ser inmobilizado. Ademais o falecido tan só sufriu feridas de defensa na man esquerda, porque era a única que tiña libre.
Outro detalle sinalado polos forenses fixo referencia a que a agresión se produciu cando o agresor e a vítima estaban no chan, como revela a ausencia de salpicaduras de sangue na parede.
Ademais dos cortes de carácter defensivo producidos na man esquerda, o corpo da vítima tiña máis de vinte coiteladas, a maioría no tórax excepto tres que tiña no pescozo e cuxo carácter non era mortal, e unha ferida nas costas que "probablemente" foi a última debido ao pouco infiltrado hemorrágico que presentaba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.