Coruña Dixital diversifica as súas actividades e aposta pola edición dixital transmedia

A cuarta edición de Coruña Dixital segue apostando por achegarlle á cidadanía a cultura dixital, centrándose nos colectivos dos maiores, a mocidade e as familias.

Por D.J. | A Coruña | 24/10/2019 | Actualizada ás 23:21

Comparte esta noticia

Coruña Dixital, coordinado por Sergio Lago, amplía os seus horizontes con novas actividades, congresos e coa reactivación do Laboratorio de Innovación e Creación, un ciclo de encontros arredor da cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital.

Teclado dun ordenador
Teclado dun ordenador

O encontro pretende integrarse co tecido innovador da Coruña apoiando dende o mes de novembro distintas iniciativas impulsadas por colectivos e entidades que traballan no ámbito das TIC. Unha desas novidades será o AtlánticaConf, un congreso de divultación tecnolóxica coordinado por profesionais da cidade co apoio de empresas e da Universidade da Coruña.

A Domus tamén acollerá, o 9 de novembro, a oitava edición da Feira de Tecnoloxías Libres OSHWDem, organizada polo colectivo Bricolabs, un evento xa de referencia para o mundo maker. Nese mesmo mes, os días 22 e 23, celébrase o sexto congreso TADEGa, dirixido ao ámbito educativo, e centrado na tecnoloxía e a atención á diversidade.

Na presentación esta semana do encontro, o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, destacou a intención do concello de "contribuir a dar resposta ás novas demandas culturais dunha parte da cidadanía" cun programa dinamizador e que fomenta a participación activa da veciñanza.

O mes de decembro tomará protagonismo o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, o #LAIC, un ciclo de encontros arredor da cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital. Na edición de 2019, a protagonista será a edición dixital transmedia: narrativas para distintos formatos e dispositivos cunha participación activa pro parte das audiencias. Sergio Lago, comisario do programa, sinala que o #LAIC "estará moito máis vinculado á creación dixital transmedia e traballará coa comunidade técnica da cidade adicada á creación audiovisual, á programación informática e aos novos escenarios de realidade virtual, xa que temos grandes referencias na cidade neste ámbito".

A primeira das sesións terá lugar a mediados de decembro e continuará logo do Nadal, no centro Ágora, con actividades semanais ata finais de marzo.

En 2020 o programa continúa con máis iniciativas, entre as que cabe salientar un encontro galego sobre creación e narrativas dixitais no ámbito educativo e sociocultural. Para fomentar este sector, Coruña Dixital pon a disposición dos profesionais da docencia e o activismo social o seu Kit de Activación Dixital, que pode descargarse en kit.corunadixital.gal. Na web tamén se recollen entrevistas e arredor de 50 experiencias inspiradoras, que se irán ampliando ao longo do curso a través dunha convocatoria aberta. Outro ámbito de reflexión, en colaboración con outras entidades como as Bibliotecas Municipais da cidade, será o impacto da tecnoloxía sobre a sociedade actual.

A información sobre todas estas actividades, así como os recursos didácticos, publicarase tanto na web de Coruña Dixital (www.corunadixital.gal) como nas súas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta