Inés Arrimadas súmase na Coruña ao discurso crítico da dereita pola exhumación de Franco

A deputada insta a que un Pedro Sánchez "pendente de Franco" se dea o "trompazo" nas eleccións e erixe o seu como o único partido capaz de "facer fronte" á "cesión constante aos nacionalistas".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/10/2019 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

A candidata de Ciudadanos ao Congreso por Barcelona, Inés Arrimadas, instou ao electorado a facer "todo o posible" para que o candidato socialista á Presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, "se pegue un trompazo" nas eleccións xerais do 10 de novembro, á vez que proclamou á formación laranxa como "a única garantía de cambio".

Inés Arrimadas
Inés Arrimadas | Fonte: RTVE.

"O único voto que vale triplo, que vale para desbloquear a situacion política; reformar este país e garantir a igualdade de todos os españois e loitar contra o nacionalismo é Ciudadanos", expuxo nun acto na Coruña, xunto á candidata desta formación por esta provincia, María Vilas.

No encontro 'Vamos de cañas con Inés Arrimadas', celebrado nun bar da cidade e coa asistencia dunha trintena de persoas, Arrimadas erixiu tamén a Ciudadanos como o único partido capaz de "facer fronte" ao que cualificou como "unha cesión constante aos nacionalistas".

Sobre estas eleccións xerais, dixo tamén que España "se xoga moito" e remarcou que, con excepción de Sánchez, "ninguén quería" a súa celebración.

Respecto desta convocatoria, cualificou de "imposible" poder chegar a un acordo co candidato socialista, a pesar de que asegurou que sería "moi doado" se aceptase as propostas de Ciudadanos. "Non subir os impostos a autónomos e clase media, un goberno constitucionalista en Navarra e unha mesa de diálogo entre constitucionalistas", dixo sobre a situación en Cataluña e ante a sentenza do 'procés'.

SITUACIÓN EN CATALUÑA

Á situación en Cataluña, referiuse tamén noutra parte da súa intervención asegurando que os incidentes que se rexistraron afectan non só a esta autonomía senón tamén "á imaxe de España e á súa competitividade". Así, arremeteu contra o Goberno en funcións, do que dixo que só está "pendente de Franco e de que non se molesten os seus socios nacionalistas".

Neste sentido, lamentou que se estea "todo o día" falando do ditador en lugar de abordar outras cuestións. "Á xente preocúpalle máis o futuro que o pasado, o traballo dos seus fillos e dos seus netos, que falar do que pasou fai 70 ou 80 anos", apuntou sobre a Guerra Civil.

"Non debería defender a España ante o Brexit, ante os aranceis aos produtos españois", cuestionou a candidata de Ciudadanos sobre o que, ao seu xuízo, debe facer o Goberno. Por iso, asegurou que o país necesita un executivo que "pacte cos constitucionalistas" fronte a aqueles que consideran a España "unha porcallada".

ELECCIÓNS, UNHA "OPORTUNIDADE"

Ademais, recalcou que estas eleccións son "unha oportunidade para non ter sempre o mesmo", sinalou sobre o bipartidismo PP e PSOE e fronte a unha proposta de país "con territorios de primeira e de segunda".

"Non me gusta que o meu goberno non entenda que temos que ter as mesmas oportunidades e dereitos e a única oportunidade de que isto cambie é que Ciudadanos goberne", insistiu Arrimadas, quen reclamou para Galicia a chegada do AVE ou a conexión dos seus portos co ferrocarril.

Por outra banda, apelou á experiencia de Ciudadanos en gobernos autonómicos como o de Andalucía (onde pactaron co partido de ultradereita Vox e o PP), á vez que se reivindicou como un partido "humilde", "moderado" e que "aprendeu do seu paso polas institucións".

"Agora tócanos gobernar", defendeu Arrimadas para quen "a única garantía de cambio é que Ciudadanos estea forte, senón será o de sempre, as grandes reformas nun caixón", indicou ao demandar un pacto pola educación, contra a corrupción ou polo emprego, así como medidas contra o despoboamento.

DIFERNCIAS CON VOX

"Mentres gobernen o PP ou o PSOE co apoio dos nacionalistas, estas reformas estarán no caixón", insistiu. Por outra banda, asegurou que non só fronte ao bipartidismo senón fronte a unha formación como Vox a alternativa é a formación laranxa, obviando os acordos aos que chegou Ciudadanos coa ultradereita en varios puntos de España.

"Con Vox compartimos a idea da unión de todos os españois, pero é mellor que defenda España Ciudadanos, un partido que pensa no futuro, un partido moderno e que pensa no século XXI ou un partido que pensa no pasado, que enfronta aos cidadáns e que quere volvernos ao século XIX en moitas cousas", expuxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Se alguén dubidaba que Ciudadanos é a ultradereita, a confirmación vai chegar, ao parecer e por desgraza, o 10N. Os fascistas de vox ameazan con 36 escanos, por menos da metade para Rivera e Arrimadas. Dá miedito. https://electomania.es/ep25o/

1 Moine

Esta filha dum polícia de la social, la Polícia política del franquismo, especializada em torturas e em perseguiçom de todo aquele que fosse o cheirasse a democrata. Como nena mamou este ambiente franquista e de barbárie, está no seu ADN; pois nom renegou das actividades realizadas polo seu pai, e nem pediu perdom aos seus danificados. E atrevesse a dar liçons de democracia, manda caralho! , e o pior é que há gente que a vota.