O BNG chama á mobilización masiva e lembra que "os escanos se gañan en urnas, non en enquisas"

Ana Pontón anima a "concentrar" o voto no Bloque Nacionalista Galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2019 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu chamar á "mobilización masiva" de todos os que queren que "Galicia exista" no Estado, animou a "concentrar" ese voto no BNG e, a pesar de confiar nos bos resultados, lembrou que "os escanos se gañan nas urnas, non nas enquisas".

Mitin do BNG en Pontevedra
Mitin do BNG en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Este domingo, nun mitin do Bloque en Pontevedra, a líder nacionalista referiuse ás sondaxes electorais das últimas horas. Mostrouse convencida de que "desta vai", pero non dá nada por feito "porque as enquisas, enquisas son, deixan claro que estamos á alza pero necesitamos movernos e falar con todo o mundo", porque o BNG "non está nos estudos de televisión", salientou.

No seu discurso apelou a todas aquelas "persoas encabuxadas co espectáculo estatal", ás que están "decepcionadas" coa "discriminación e ninguneo a Galicia", así como as que non aceptan "a Lei Mordaza ou as contrarreformas laborais que trouxeron precariedade". A todas elas pediulles que se mobilicen e vaian ás urnas a votar ao BNG.

Asegurou que desta maneira, "Galicia recuperará voz en Madrid". "Sobran os motivos" para que iso suceda, insiste. Entre esas razóns puxo en valor os intereses que a candidata do partido ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, defenderá na Cámara despois do próximo 10 de novembro.

"Queremos pór fin ao silencio destes anos, a esa inmoral prórroga de Ence" e, ao mesmo tempo, "facer realidade unha das máis sentidas demandas da cidade: o traslado de Ence fóra da ría", proclamou.

Pontón pediu que a cidadanía tome como referencia o proxecto do alcalde do Bloque pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores. Neste sentido, Da Silva subliñou que o seu "compromiso" é "traballar coa mesma ilusión e intensidade no Congreso, levando alí a voz de Pontevedra, que ata agora estivo muda e cos seus proxectos pendentes metidos en caixóns de forzas políticas madrileñas".

CONDICIONAR A POLÍTICA DE ESTADO

A máxima líder nacionalista galega destacou que Galicia debe "condicionar a política do Estado" a favor da súa cidadanía. "Hai que pasar páxina do agravio das forzas estatais" e os próximos comicios son a oportunidade para "dar a resposta que se merecen da man dun BNG que nunca lle fallou" a Galicia.

Fronte á "'procesión dos caladiños' dos 23 deputados" galegos que, a día de hoxe, representan a outros partidos a nivel estatal no Congreso, atópase a fórmula de Bloque, que "será exemplo doutra maneira de facer política", que non "obedece aos xefes de fila de Madrid".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta