Os consulados e oficinas habilitadas para o voto en urna abrirán de novo sábado e domingo

O BNG pediu un prazo extraordinario para os electores residentes no exterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

Os consulados e oficinas consulares habilitadas para o voto en urna nas eleccións xerais deste 10 de novembro deberán abrir de novo o sábado e o domingo, segundo unha resolución da presidencia da xunta electoral central deste mércores.

Respecto diso, o BNG solicitou a apertura dun prazo extraordinario para o depósito do voto nas oficinas consulares polos electores residentes no exterior.

A resolución da xunta electoral tómase "visto o informe favorable da Dirección Xeral de Españois no Exterior e de Asuntos Consulares" e "tendo en conta as dificultades que se expuxeron respecto da tramitación deste voto en anteriores procesos electorais", coa finalidade de facilitar "ao máximo" o exercicio do dereito de sufraxio dos cidadáns que residen fóra de España.

Así as cousas, concluído o prazo do depósito do voto en urna nos consulados este venres 8, deberán abrir de novo o sábado 9 e o domingo 10 "a efectos de recibir tanto os votos por correo remitidos ata ese momento, como aqueloutros que poidan presentar os electores dentro deste prazo extraordinario".

"Dita apertura non poderá estenderse máis aló da hora prevista para o peche dos colexios electorais na península, isto é, ás 20 horas do domingo 10 de novembro", apunta a resolución.

ESCRUTINIO O MÉRCORES 13

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Españois no Exterior e de Asuntos Consulares deberá tomar "todas as medidas necesarias" para procurar que os sobres cos votos dos electores poidan estar a disposición da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos antes das 16 horas do martes 12 de novembro, de maneira que esta poida realizar a entrega ás respectivas xuntas electorais provinciais antes das 8 da mañá do mércores 13 de novembro, para o seu escrutinio.

Por último, as xuntas electorais provinciais, no momento de proceder ao escrutinio do voto dos electores inscritos na CERA, deberán considerar como válidos os votos por correo dirixidos ás oficinas consulares nos que conste o seu envío non máis tarde do sábado 9 de novembro.

Papeleta
Papeleta | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta