En Común critica a Sánchez por unha "repetición inútil" que prexudicou á esquerda

A formación perde máis de 50.000 votos, o 2%. Con todo, destaca que seguen sendo a terceira forza política en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/11/2019 | Actualizada ás 23:29

Comparte esta noticia

A portavoz de En Común-Unidas Podemos, Yolanda Díaz, sostivo este domingo que os resultados das eleccións do 10 de novembro demostraron que esta foi unha "repetición inútil" que en Galicia só serviu para que en Galicia o PP recuperase a posición de primeira forza.

O Secretario Xeral de Unidas Podemos e candidato á presidencia, Pablo Iglesias, levantando o puño esquerdo, xunto á candidata de podemos en Galicia, Yolanda Díaz, durante un acto na Coruña (Galicia), a 3 de novembro de 2019. M. Dylan - Europa Press
O Secretario Xeral de Unidas Podemos e candidato á presidencia, Pablo Iglesias, levantando o puño esquerdo, xunto á candidata de podemos en Galicia, Yolanda Díaz, durante un acto na Coruña (Galicia), a 3 de novembro de 2019. M. Dylan - Europa Press

"Desde o 28 de abril diciamos que esta era a repetición electoral máis inútil e o tempo deunos a razón" en que o PSOE de Pedro Sánchez cometeu unha "irresponsabilidade e inutilidade" xa que non conseguiu mellorar o seu resultado.

Galicia en Común conseguiu reter as dúas actas da Coruña (Antón Gómez-Reino) e Pontevedra (Yolanda Díaz) pero deixouse máis de 50.000 votos polo camiño desde as eleccións do pasado abril e un 2 % dos votos.

Yolanda Díaz achacou este feito á fragmentación da "esquerda" xa que a candidatura de máis País, encabezada en Galicia por Carolina Bescansa, non conseguiu representación electoral pero si recibiu máis de 21.000 votos do espectro da esquerda. "Dixemos en campaña que a fragmentación da esquerda non axudaba" xa que os votos perdidos son os que "conseguen outras forzas que non conseguen representación", remarcou.

Con todo, Díaz celebrou que "afortunadamente o bloque progresista supera ao bloque das dereitas" a nivel estatal a pesar da "moi mala noticia" que ao seu xuízo supón o ascenso de Vox e o "crecemento da extrema dereita" que, tamén foi auspiciado por un "PSOE que quixo polarizar".

AS AUTONÓMICAS

A representante de En Común-Unidas Podemos remarcou que a súa formación é a "terceira forza en Galicia" e ese debe ser un aspecto a ter en conta para as próximas eleccións autonómicas de setembro. Co escenario próximo das eleccións galegas, Díaz ve necesario facer un chamamento ao PSdeG para que tome posicións dentro do seo socialista e non permita acordos coa dereita.

"Se o PSOE decide chegar a un acordo de lexislatura co PP, o PSdeG non vai estar nunha boa posición en Galicia" de cara aos comicios autonómicos, advertiu a deputada electa. Por iso, o desexo de En Común é a conformación dun goberno de coalición que tamén poida trasladarse á Xunta de Galicia o próximo outono.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ramiro de Yoli

Yolanda Díaz se pide o Ministerio de Agricultura e Pesca ( así estará máis preto do marisco )