As universidades insisten nas súas propostas de graos abertos para o vindeiro curso e evitar o "abandono"

Permitirase cursar unha titulación combinada antes de escoller a que consideren que responda aos seus intereses. Busca ofrecer unha maior flexibilidade á hora de estudar o grao.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2019 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O prazo para que o tres universidades galegas presenten as súas propostas de graos abertos para o curso 2020-21 abre este mércores, 20 de novembro, ata o 31 de xaneiro. Avanzouno este martes a conselleira de Educación, Carmen Pomar, nunha visita á Escola Politécnica Superior de Lugo, na que se imparte o grao de Robótica.

A conselleira destacou que esta medida "vai ser algo importante para os tres campus" para combater as taxas de abandono. A nivel estatal, un de cada tres alumnos abandona o grao no que se matricula nos dous primeiros anos, ben sexa porque se cambia ou deixa os estudos universitarios.

Carmen Pomar subliña que os estudantes van poder "cursar durante un tempo unha titulación combinada antes de escoller a que consideren que mellor responde os seus intereses". A publicación deste anuncio farase na web de Educación. As universidades deberán facer chegar as súas propostas á Secretaría Xeral de Universidades, que será o órgano encargado de avalialas para a súa aprobación e elevación á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Con esta iniciativa Educación busca por incrementar a flexibilidade nos estudos universitarios e ampliar as posibilidades de elección do alumnado, á vez que se pretende reducir as taxas de abandono ou de cambio de estudos nos primeiros anos de vida universitaria.

REQUISITOS

Entre os requisitos que deben cumprir as propostas presentadas está que cada programa de grao aberto debe combinar materias de como mínimo tres graos que deben pertencer á mesma rama de coñecemento. O número de prazas ofertadas será dun máximo de 25.

As universidades deberán garantir que o alumnado matriculado nestes programas poidan cursar un máximo de 90 créditos; ofrecerlles un proceso continuo de tutorización; e recoñecerlles a maioría dos créditos cursados no grao finalmente elixido. Para acceder aos graos abertos, o alumnado deberá contar cunha nota de acceso como mínimo, igual á máis alta de todas as titulacións de grao integradas no programa.

A conselleira de Educación co delegado da Xunta en Lugo.
A conselleira de Educación co delegado da Xunta en Lugo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta