Galeguízase "Rodríguez López Autos"

No Polígono Industrial de San Cibrao (Ourense) están as naves industriais de Rodríguez López Auto, unha empresa dedicada inicialmente á fabricación de carrocerías para toda clase de vehículos que ten as súas oríxes na década dos anos oitenta. Tempo despois, especializaríanse na fabricación de vehículos de transporte sanitario, tendo hoxe o 70% da cota de mercado español. Carrozan tamén vehículos antidisturbios e de transporte especial para o Corpo Nacional de Policia así como ambulancias para as Forzas Armadas.

Por Xosé Glez. | Redondela | 29/11/2019

Comparte esta noticia
Tiven o pracer de coñecer a Pepe Rodríguez, o fundador da empresa,  e comprobar que era un home  dunhas cualidades excepcionais para os negocios.  Adoitaba falar sempre en galego. A súa antropoloxía cultural que adquirira na súa infancia na aldea,da que se sentía orgulloso, seguía a ser unha compoñente esencial da súa personalidade. Lembro  gratamente aquela reunión que mantivemos no despacho do Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que foi o que nos presentou. Cando lle propuxen incorporarse ao Foro E.Peinador a través dun acto previo de investidura de galeguismo empresarial non o dubidou. E nese proxecto estabamos cando unha súbita doenza acabou fatidicamente coa súa vida.
 
O seu fillo José Enrique Rodríguez Jorge, enxeñeiro industrial, cumprimentou o mandado do seu pai de incorporala ao proxecto galeguizador que lle presentaramos. De aí que agora estea planificando con entusiasmo o proceso de incorporar a lingua galega naquelas actividades da empresa  que non serán poucas, contando colaboración do seu irmán Oscar.
 
O próximo día 13 de decembro celebraremos con solemnidade a Investidura de Galeguidade Empresarial de Rodríguez López Auto, acto que ao seu fundador teríalle gustado presidir. Paralizarase a actividade fabril para que traballadores  e convidados , entre os que se atoparán un número considerable de empresarios sexan testemuñas  dun acto excepcional.  Descubrirase  unha placa que deixará constancia do mesmo e agradecemento ao seu  fundador; a seguir,  nunha nave preparada para a ocasión, presentarase o programa de galeguización que se porá en marcha  ( sinalética, nóminas, negociación colectiva, contratos de traballo, páxina web…) coa  sinatura dun convenio de asistencia lingüística coa Secretaría Xeral de Política. Lingüística. O dúo formado por Emilio Rúa e Rosa Cedrón  deleitarán aos asistentes cunha escolla do seu repertorio musical .
 
É de agardar que o exemplo desta importante empresa sexa secundado polas demais do polígono industrial e doutras latitudes da xeografía galega, porque o ecoar das intencións e intervencións dese día chegarán  a través dos medios de comunicación ben lonxe. Estamos seguros de que así será. A experiencia acumulada durante os vinte últimos anos permítenos albiscar o futuro con  optimismo.Cada empresa galeguizada motiva novas adhesións.
 
Este acto de Investidura de Galeguismo Empresarial é parte dun  amplo  programa que nas próximas semanas desenvolverá o Foro E. Peinador. Comezará o día 10 de decembro coa entrega dos premios á publicidade galega promovidos polo Parlamento de Galicia, Secretaría X. de Política Lingüistica e máis o Foro que serán entregados en sede parlamentaria.
 
O 11 de decembro  conmemoraremos en Lugo o 95 aniversario do 1º Congreso de Economía de Galicia coa exposición de relatorios sobre temas de actuaidade e a homenaxe ao empresario galeguista Antonio Fernández López. Algunhas das súas empresas foron precursoras da Responsabilidade Social Corporativa e  do uso da lingua galega na publicidade; descubrirase un busto seu  ao pé da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Perpetuarase así o exemplo do seu labor no mecenado e compromiso co desenvolvemento económico de Galicia.
 
Días despois,  o 21, entregaranse os premios Bacelos de Prata ás marcas comerciais que etiquetan os seus produtos en lingua galega nun acto público que se celebrará no pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia).
 
E xa, en xaneiro, o día 11, a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (unha póla do Foro E. Peinador), celebrará a magna asemblea anual coa incorporación de novas empresas do sector que apostaron pola galeguización das súas marcas comerciais, e as próximas campañas para fomentar o consumo galeguizado.
 

Ambulancia do 061 de Rodríguez López Autos
Ambulancia do 061 de Rodríguez López Autos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA