Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2019 | Actualizada ás 19:25
A Consellería de Medio Rural proporá en breve levantar a prohibición en nove municipios das provincias da Coruña e Pontevedra para poder volver plantar pataca tras dous anos de veto pola aparición da praga da couza guatemalteca.
En concreto, os nove municipios que poderán volver plantar pataca, se obteñen luz verde, son: os lucenses de Ourol e Abadín, así como os coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes.
A Xunta constata unha evolución "moi positiva" na redución de capturas en todos os municipios, pero neste nove non houbo ningunha nos dous últimos anos, polo que defende levantar a restrición para que estes concellos pasen de zona infestada a zona tampón.
O director xeral de Agricultura, José Balseiros, presidiu este mércores a comisión de seguimento da couza guatemalteca. Alí, acordouse trasladar esta proposta a comezos de xaneiro en Madrid a responsables do Ministerio de Agricultura. Neste encontro participaron, entre outros, técnicos de Medio Rural, do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, así como representantes da Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) e da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.
SITUACIÓN EN BERGANTIÑOS
Nun comunicado, a Xunta informa ademais de que se actúa en tres zonas infestadas nos municipios de Carballo e A Laracha, na comarca produtora de Bergatiños, onde xa se retiraron nove toneladas de patacas de diversos almacéns. No caso de Carballo e A Laracha tamén se procedeu á destrución das patacas infectadas, á vez que se colocan trampas para a captura de couzas e refórzanse os labores de inspección. Xunto a isto, levan a cabo encontros formativos para informar os veciños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.