O do Barbanza, primeiro hospital comarcal galego con unidade de rehabilitación cardíaca grazas a un empresario

Ramiro Carregal, ao igual que Amancio Ortega (Inditex), é un empresario que donou fondos para a sanidade pública galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2019 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

A área sanitaria compostelá puxo en marcha a unidade de rehabilitación cardíaca no Hospital do Barbanza, que se converte así no primeiro hospital comarcal galego e un dos poucos de España en contar con esta prestación.

A área sanitaria compostelá pon en marcha o programa de rehabilitación cardíaca no Hospital do Barbanza
A área sanitaria compostelá pon en marcha o programa de rehabilitación cardíaca no Hospital do Barbanza | Fonte: Europa Press

Así mesmo, amplíase a capacidade do ximnasio de RhC do Hospital Clínico de Santiago para poder incluír enfermos con outras patoloxías cardíacas. A compra dos aparellos necesarios para estas dúas iniciativas realízase con fondos doados polo empresario Ramiro Carregal.

Esta mañá, o empresario acudiu ao Hospital do Barbanza para a presentación do programa, nun acto que estivo presidido pola xerente da área de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, acompañada polo director do Distrito Sanitario de Barbanza, Salvador Mariño, ou o xefe do Servizo de Cardioloxía, José Ramón González-Juanatey, entre outros.

O Hospital Clínico conta cunha unidade de Rehabilitación Cardíaca desde 2015 e, tras a experiencia acumulada, aposta por achegala á contorna máis próxima aos enfermos. Estímase que os programas de rehabilitación cardíaca reducen a morbimortalidade en case un 25%, destacou a Xunta.

O Programa Multidisciplinar de Rehabilitación Cardíaca da sanidade pública compostelá valorou a máis de 2.000 pacientes desde a súa posta en marcha en 2015. Trátase de enfermos que presentaron un infarto agudo de miocardio aos que se lles valoraba como candidatos para incorporalos nun plan de prevención que busca diminuír o risco que teñen de volver presentar eventos cardíacos, calculado en preto dun 10%. Durante o ano 2018 participaron no programa de rehabilitación cardíaca máis de 400 pacientes.

Como novidade, neste ano, ademais dos pacientes que sufriron infarto agudo de miocardio, incluíronse no programa pacientes con insuficiencia cardíaca, hipertensión pulmonar primaria, pacientes con cancro de mama en tratamento con quimioterapia e pacientes intervidos de estenosis valvular aórtica.

A doazón do empresario Ramiro Carregal permitiu dotar de tres postos de adestramento no Ximnasio de Rehabilitación do Hospital de Barbanza e outros tres postos no Ximnasio de Rehabilitación Cardíaca do Hospital Clínico de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta