Sanidade nega as denuncias sobre a falta de pediatras en Ferrolterra: "O servizo está garantido"

Asegura que a atención pediátrica nos municipios de Cerdido, San Sadurniño, Moeche e As Somozas "sempre estivo garantida con especialistas en pediatría".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, negou as denuncias dos pais de varios concellos da comarca de Ferrolterra, xa que asegura que a atención pediátrica nos municipios de Cerdido, San Sadurniño, Moeche e As Somozas "sempre estivo garantida con especialistas en pediatría".

Así se expresou Aboal durante a súa intervención na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para responder a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Montse Prado, que se fixo eco das denuncias efectuadas por pais e nais da comarca de Ferrolterra, que mesmo chegaron a gravar un vídeo durante o pasado nadal para denunciar a falta de pediatras en oito concellos da zona.

Aboal recoñeceu que desde xaneiro de 2019 está vacante o posto do servizo de pediatría no centro de saúde de San Sadurniño tras a renuncia da profesional que o prestaba. Este posto, continuou, non foi cuberto polo momento nin en oferta pública de emprego nin por concurso interno.

Con todo, o responsable de Asistencia Sanitaria asegurou que o Sergas "garante a atención pediátrica neste catro concellos" de "luns a venres en horario matinal" a través dun especialista. "Antes tiñan un só día á semana dúas horas, agora ten todos os días en quenda de mañá", remarcou.

Na súa quenda de réplica, a deputada nacionalista expresou as súas dúbidas sobre a resposta ofrecida polo responsable do Sergas e manifestou que ser médico de familia especialista en familia ou realizar un curso de puericultura "non é ser especialista en pediatría".

Deste xeito, Prado cre que a situación denunciada por un colectivo de pais e nais da comarca de Ferrolterra é consecuencia da "falta de planificación" da Xunta, que insistiu en que as dificultades para a cobertura de prazas nos servizos de pediatría se debe á escaseza destes especialistas, unha problemática que "non é exclusiva" de Galicia.

A rapazada de Ferrol ten protagonizado un vídeo para esixir pediatras
A rapazada de Ferrol ten protagonizado un vídeo para esixir pediatras

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta