Veciños de Eirís denuncian que souberon pola prensa e as redes que van ser expropiados para a ampliación do CHUAC

Din entender a necesidade da obra, pero alertan de que as propiedades expropiadas serán máis que as anunciadas pola Xunta e aseguran que se pode acometer a reforma sen expropiar.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/02/2020 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Os veciños de Eirís están preocupados polo impacto que terá neles a ampliación do Hospital da Coruña, o CHUAC. O pasado 29 de xaneiro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, facía unha presentación mediática da ampliación e anunciaba a expropiación de 19 vivendas que, "en realidade, son un mínimo 23 e outras tantas fincas na parte de Eirís contigua, O Castaño de Eirís e Curramontes", alertan os veciños, que lamentan que non se lles informou oficialmente.

Xuntanza de veciños de Eirís (A Coruña).
Xuntanza de veciños de Eirís (A Coruña).

"Veciñas e veciños de Eirís, soubemos que as nosas vivendas ían ser expropiadas pola prensa e polas redes sociais", censuran.

Ante esta situación, decidiron manter unha primeira xuntanza de afectados, na que decidiron constituír unha plataforma para defender que esta ampliación, que entenden "necesaria", se faga "da maneira máis sensata posible e minimizando ó máximo os danos que se poidan causar na veciñanza".

"A ninguén se lle escapa xa que o edificio actual non está a pleno rendemento, nin a falta de persoal, nin todas as carencias de atención primaria que abocan a un maior uso hospitalario", explican.

Con todo, tamén consideran que "é evidente que a ubicación para a ampliación foi escollida sen pensar para nada na contorna, nos danos á veciñanza, e en que podía haber solucións menos lesivas".

Por iso, esixen ás administracións que lles informen do proxecto, e que "senten a valorar o resto de opcións". "Hai terreo suficiente para facer a reforma sen expropiar á veciñanza de Eirís as súas vivendas", defenden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta