O Defensor do Paciente pide a Fiscalía unha investigación pola morte "indigna" dun paciente nun corredor do CHUS

O'Mega estuda recorrer á vía penal pola "sexta morte desde 2011" nesta situación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A Asociación O Defensor do Paciente pediu á Fiscalía Superior de Galicia unha investigación de oficio en relación á morte "indigna" dun paciente octoxenario nun corredor de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago, que a xerencia sanitaria asegura que se confirmou na Unidade de Críticos.

A través dun escrito remitido á Fiscalía, recollido por Europa Press, a presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, lamentou que "a masificación, falta de persoal e de medios non pode levar a outra cousa que non sexa este resultado".

Por iso, solicita á Fiscalía "unha investigación de oficio para depurar responsabilidades" que, sostén, "deben ser de quen nin contratan nin pon os medios para a atención que a Constitución proclama". "Intimidade e dignidade que non se dan nin neste hospital nin en ningún de Galicia", sentencia esta asociación.

En concreto, o sindicato médico O'Mega denunciou a morte dun octoxenario a semana pasada nun corredor de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago e estuda recorrer á vía penal pola "sexta morte desde 2011" nesta situación.

Pola súa banda, fontes do centro hospitalario compostelán indicaron que "se confirmou" o falecemento deste paciente na Unidade de Críticos tras sufrir "unha deterioración da súa saúde" cando esperaba localización nun box a tarde do pasado xoves 30 de xaneiro.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta