O PSOE denuncia 160 contratos "a dedo" da Deputación de Ourense por valor de 7 millóns de euros

Trátase de contratos menores de obras, servizos e subministracións de catro empresas nos últimos dous anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2020 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense acusou a Deputación provincial de adxudicar 160 contratos menores de obras, servizos e subministracións "a dedo" para catro empresas. En concreto, os socialistas referíronse a que "só estas catro empresas facturan ao redor de 7 millóns en obras menores nos últimos dous anos".

Pleno da Deputación de Ourense.
Pleno da Deputación de Ourense.

Así o manifestou este xoves o portavoz provincial socialista, Rafael Rodríguez Villarino, que falou dun "total de 160 obras" nos últimos dous anos por parte destas empresas e criticou que "a propia lei establece que só son posibles dous contratos menores na mesma anualidade".

Villarino apuntou que o ente provincial "viola" a Lei de contratos do servizo público e aludiu, en concreto, a "polo menos 15 obras menores superiores a 40.000 euros, o límite que establece a legalidade, e "ata 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros, o outro tope fixado".

Neste sentido, o portavoz socialista confirmou que o PSOE vai denunciar " os feitos" e entregar toda a documentación da que dispoñen ao Consello de Contas de Galicia.

A formación socialista aposta por levar a cabo nos concellos no que están a gobernar proxectos superiores a 40.000 euros, co fin de "favorecer a contratación aberta e evitar sospeitas de contratacións a dedo".

Villarino tamén pediu que "se investigue cal é o vínculo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, con estas catro empresas".

O portavoz socialista incidiu, ademais, en que "case todas as obras adxudícanse sospeitosamente por un mesmo importe" cando se trata de obras de "natureza completamente distinta".

"FRAUDE DE LEI"

Pola súa banda, o deputado socialista Ignacio Gómez criticou que a medida que a lexislación estatal foi reducindo o importe máximo destes contratos menores, o número de contratos por empresa desta Deputación "aumentaba".

Ademais, o deputado sinalou que "algunhas adxudicacións son claramente unha fraude de lei, porque foron outorgadas por importe de 40.000 euros exactos cando a lei di claramente que deben ser inferiores a esa cantidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta