Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 14:10
A Feira do Cocido de Lalín (Pontevedra) foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional, segundo a resolución do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que publica este martes o Boletín Oficial do Estado (BOE).
Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode alcanzar neste ámbito e, neste caso, trátase da primeira festa gastronómica en logralo en todo o Estado, unha tradición que se remonta a hai máis de 50 anos na comarca do Deza.
A 52ª edición da Feira do Cocido de Lalín celebrarase este domingo, 16 de febreiro, e contará coa xornalista Sonsoles Ónega de pregoeira. Este ano recupera a figura do comendador coa presenza, entre outros, da actriz gañadora dun Goya Benedicta Sánchez; o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida; e o líder de Los Suaves, Yosi.
Esta distinción xa fora avanzada na última feira de turismo de Fitur pola secretaria de Estado de Turismo, Osabel Oliver, ao titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, e ao alcalde do municipio, José Crespo.
Esta declaración supón a culminación dun proceso que a Xunta apoiou nos últimos anos e que ocupa un lugar destacado no modelo turístico galego, a enogastronomía, que conta coa súa propia folla de ruta a través da iniciativa 'Galicia Sabe'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.