Detida unha moza por extorsionar unha escritora para recuperar un borrador de libro

A moza foi arrestada 'in fraganti' cando pretendía entregar á denunciante un pendrive cos arquivos da súa obra literaria.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/02/2020 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo unha moza veciña de Pontevedra cando pretendía cobrar a recompensa económica que ofrecera unha escritora por recuperar un portátil que lle subtraeron recentemente en Lourido, no municipio de Poio, no que tiña o borrador do seu próximo libro.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos, que ocorreron o pasado luns día 3 na praia de Lourido, foron investigados por efectivos do Posto da Garda Civil de Pontevedra por mor da denuncia formulada por unha moza escritora, despois de que lle subtraesen un bolso que contiña un computador portátil e dous teléfonos móbiles.

A propietaria do portátil mostrou desde o principio "unha especial preocupación pola perda duns arquivos que almacenaba no computador, relacionados co borrador dun libro que tiña previsto publicar en breve", concretaron as mesmas fontes.

Esta circunstancia propiciou, posiblemente, que a denunciante difundise a través das redes sociais a intención de pagar unha recompensa económica pola recuperación dos efectos que lle subtraeron, abundou a Benemérita.

En resposta a este anuncio unha moza púxose en contacto con ela para ofrecerlle a devolución dos arquivos previo pago da recompensa. A cita, que se levaría a cabo nun establecemento comercial de Poio, foi cuberta a través dun dispositivo especial de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Pontevedra.

Deste xeito, a moza foi detida 'in fraganti' cando pretendía entregar á denunciante un pendrive cos arquivos da súa obra literaria.

A detida é unha moza de 18 anos veciña de Pontevedra, con antecedentes policiais, arrestada como presunta autora dos delitos de furto e extorsión. Foi posta a disposición do xulgado de Instrución de garda de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

A investigación continúa aberta para recuperar a totalidade dos efectos subtraídos.

Pen drive co borrado do libro dunha escritora á que extorsionó unha moza de Pontevedra para recuperalo.. GARDA CIVIL
Pen drive co borrado do libro dunha escritora á que extorsionó unha moza de Pontevedra para recuperalo.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta