O glifosato, o axente tóxico que divide aos agricultores e que a UE busca retirar

A Unión Europea puxo o 2022 como límite da moratoria para empregar o glifosato no seu territorio. Este herbicida está no centro dunha polémica sobre o seu uso que enfrenta gobernos con asociacións agrarias, ecoloxistas e sociais. Tamén hai quen dentro da agricultura defende o seu uso responsable, considerando que de non facerse os custes de produción agraria dispararíanse.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O uso de glifosato ten aberto un debate moi pronunciado dentro da Unión Europea. Mentres que países como Italia ou Francia, piden a súa eliminación do mercado, doutra banda hai países con posturas ambiguas e quen defende o uso baixo premisas de seguridade. En tal caso, o debate se se traslada ao contexto agrario tamén abre un serio debate sobre a conveniencia ou non deste biocida. En contra están quen falan de efectos secundarios para a saúde das persoas e contaminación do medioambiente. A favor quen ve neste produto unha maneira de aforrar custes dentro da produción agraria, pois reduce en boa medida a eliminación mecánica (rozas, uso de maquinaria especial para tratar malas herbas).

Aplicación de glifosato
Aplicación de glifosato | Fonte: AFP

POSTURAS

A maior polémica xurde cando desde a Organización Mundial da Saúde (OMS) se declara o glifosato como probable axente canceríxeno. Con anterioridade, a empresa comercializadora foi acusada de ter mentido e ocultado probas sobre efectos secundarios do herbicida tanto en persoas como no medio ambiente. Desta maneira, numerosas voces acusaron á comercializadora do produto, Monsanto, agora propiedade da alemá Bayer, de presionar á clase política en Estados Unidos e Unión Europea (UE) para que o seu biocida se puidese seguir comercializando.

O Parlamento Europeo estudou unhas mostras recollidas entre persoas e acabou concluíndo que tiñan rastros de glifosato na ouriña” di Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Nós non podemos apoiar ou ratificar unha substancia que teña esa cualificación de probablemente canceríxena”. José Ramón González, de Unións Agrarias (UUAA) mantén que “o glifosato si, porque usado dentro dos parámetros marcados pola UE, tal e como recolle tamén a lexislación española”. González considera necesaria a aplicación do herbicida por non haber a día de hoxe unha alternativa clara ao seu uso.

Existen produtos no mercado que levan compoñentes do glifosato e que son empregados para tarefas como xardinaría ou limpeza de vías ou gavias. Este uso substituiu usos puramente mecánicos para manter limpas esas áreas. A alternativa mecánica para manter limpos os terreos “subiría enormemente os custes de produción dentro das explotacións agrarias” afirma González.

No que respecta ao modelo de produción agraria, Vilalba sinala que “ten que haber outro modelo, detrás del debe haber unha remuneración digna para ese produto, mais non aprobamos unha produción masiva grazas a unha substancia que probablemente é canceríxena”. Non obstante, o cambio de modelo é difícil de levar adiante hoxe en día. “Existen produtos ecolóxicos que se poden mercar, mais os prezos dos mesmos son elevados para a maioría dos e das consumidoras” explica José Ramón González.

“Estamos vendo como as grandes empresas detrás destes produtos conseguen cambios lexislativos para que retirar os seus produtos sexa máis dificil” sinala Vilalba. A práctica que describe a secretaria xeral do SLG, denomínase lobby. A Conferencia de Presidentes prohibiu a presenza de lobbistas de Monsanto-Bayer no Parlamento e institucións da UE. O motivo é que a multinacional non quixo asistir a unha comisión de investigación da Unión Europea sobre o glifosato. A compañía alegaba que non era o lugar axeitado para debater sobre o seu produto e os posibles efectos secundarios.

APLICACIÓN DO GLIFOSATO

O glifosato leva catro décadas aplicándose, aínda que a profusión do seu uso comezou nos anos oitenta. O produto non é selectivo, é dicir, afecta a todas as plantas por igual. Mais houbo empresas que conseguiron crear soia, millo e outras gramíneas resistentes ao glifosato. En principio os herbicidas presentarían unha acción inhibidora para a xerminación de plantas non desexadas, ou tamén aplicadas sobre plantas que medraron, paralizarían o seu crecemento.

A polémica está en que se están empregando de maneira abusiva, de maneira inadecuada” di Damián Romay. “O risco está en que se usa perto das poboacións, en xardíns privados e de maneira recorrente en limpeza de vías”. Aínda así, Romay tamén fala da documentación da OMS que denomina de causa “probable” como causante de cáncer. “Hai moitas casuísticas detrás e moito por investigar”.

Sempre hai quen fai uso abusivo de produtos fitosanitarios, non todo o mundo respecta as normas, para iso está a penalización dese abuso” di José Ramón González, quen remarca que nese sentido os controis poderían ser máis exhaustivos, aínda que é unha tarefa difícil.

Sobre a afectación como canceríxeno, en agosto de 2018 un informe do que era daquela Ministerio de Sanidad y Seguridad Social, deixaba ver como diferentes axencias sanitarias, mostraban posturas ambiguas, cando non contrarias sobre a perigosidade do glifosato. Así, a IARC, Axencia Internacional de Investigación contra o Cancro, declaraba como probable axente canceríxeno o herbicida. En base a isto, a UE deu orde a Axencia Europea para a Seguridade Alimentaria (EFSA), para o estudo das conclusións da IARC.

A EFSA concluía que non veu evidencias de que o glifosato fose un axente canceríxeno, baseándose nas probas coas que contaba. Despois disto, a renovación do uso deste composto dentro da UE, foise renovando e prorrogando, sendo a última prorroga de cinco anos, fronte aos quince que se pedían en princio. Esta prórroga remata en 2022. A base para estas prórrogas é que outra axencia europea, Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas, chegaba á mesma conclusión que a EFSA.

A día de hoxe as conclusións sobre a cancerixenosidade do glifosato está no terreo do “probable”. As investigacións da UE conclúen que o uso abusivo pode crear problemas de saúde. Mais, cando a empresa produtora, Monsanto-Bayer, foi chamada para aclarar dúbidas sobre o seu herbicida, rexeitou falar. O mesmo aconteceu coa EFSA, a quen o Tribunal de Xustiza da UE obrigou a desclasificar documentos sobre o glifosato. De momento só está claro que hai moitas dúbidas e que a UE busca retiralo do seu territorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta