Por GC Tendencias | Ourense | 12/10/2012 | Actualizada ás 13:22
O cantante e produtor vasco Fermín Muguruza será un dos protagonistas da semana previa do 17 Festival de Cinema Internacional de Ourense (17OUFF) coa presentación do seu documental 'Zuloak', o venres 26 de outubro.
Nun comunicado, a organización do festival detallou que este evento terá lugar no Auditorio de Ourense, onde Muguruza estará acompañado por integrantes da banda que dá nome ao documental. Tras a presentación proxectarase a cinta e ao final o director vasco e as Zuloak manterán un coloquio co público.
Xestación dunha banda feminina
A cinta, que xa se estreou no Festival de San Sebastián, narra a xestación dunha banda feminina, as súas primeiras actuacións e a relación entre as integrantes á vez que se mergulla na escena 'underground' de Euskadi.
Ademais, os interesados poderán asistir ao concerto que Zuloak ofrecerá o sábado 27 ás 22.00 horas na Sala Berlín da cidade, un espectáculo que custará 10 euros. A entrada á presentación do documental terá un prezo de 4 euros, aínda que haberá un bono para ambas as actividades que custará 12 euros, apunta a organización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.