Guía básica sobre a COVID-19: isto é o que realmente saben os científicos sobre o coronavirus

Esta reportaxe é o resultado da revisión de case 200 estudos e textos publicados por científicos de todo o mundo, seleccionados de entre centos de documentos publicados xa en bases científicas cos primeiros resultados e análises sobre a enfermidade COVID-19. Trátase dos primeiros resultados e, por tanto, deben ser tomados con cautela: desde a orixe do virus –ocultada pola ditadura chinesa–, ata as súas características epidemiolóxicas e clínicas, pasando polas taxas de contaxio e letalidade, ou a subestimación de casos asintomáticos, que serían responsables de contaxios masivos.

Por Alberto Quian | Madrid | 20/03/2020 | Actualizada ás 23:26

Comparte esta noticia

Unha das principais frontes de batalla contra a enfermidade COVID-19 está nos laboratorios. Miles de científicos de todo o mundo están a traballar a un ritmo frenético –non hai precedentes de semellante esforzo colectivo no mundo da ciencia– para comprender o coronavirus desde múltiples perspectivas e atopar estratexias e solucións efectivas para frear a súa propagación e, finalmente, acabar coa pandemia. Nin sequera hai antecedentes da publicación en masa de traballos científicos en acceso público, libre e gratuíto como a que se está producindo. A idea: axilizar o proceso colaborativo que caracteriza a ciencia poñendo ao dispor de todos, sen límites, os primeiros resultados científicos. E nisto, os chineses levan vantaxe por ser os que máis experiencia e casos acumularon por ser o seu país a orixe da pandemia.

Test realizado desde coche no Hospital Meixoeiro de Vigo para a detección do coronavirus COVID-19
Test realizado desde coche no Hospital Meixoeiro de Vigo para a detección do coronavirus COVID-19 | Fonte: © Miguel Núñez.

Desde que o coronavirus pasou de ser un problema local en China a converterse nunha crise de magnitude global, a comunidade científica publicou xa centos de traballos cos primeiros resultados sobre a COVID-19. Dispoñemos xa desde estudos clínicos realizados por médicos que atenderon a enfermos, até traballos sobre o impacto na saúde mental da poboación, pasando por simulacións baseadas en matemáticas e intelixencia artificial sobre como evolucionará a pandemia, o desenvolvemento de probas de detección do virus rápidas e baratas, análises sobre a eficacia das medidas aplicadas polos distintos gobernos para conter a propagación… e, por suposto, os primeiros ensaios con potenciais vacinas. Dos laboratorios científicos sairá a arma definitiva para vencer o coronavirus SARS-CoV-2. Ninguén dubida diso, agás os apocalípticos e conspiranoicos.

O Goberno chinés ocultou os primeiros contaxios e represaliou o médico que detectou os primeiros casos, ata que a epidemia se lle foi das mans

ORIXE DA PANDEMIA: CENSURA DA DITADURA CHINESA

É unha evidencia que se perdeu a oportunidade de atacar cientificamente o virus de forma temperá pola neglixencia e a censura do Goberno chinés. Aínda que nos pareza en Europa que esta crise acaba de comezar, a historia da COVID-19 remóntase, como mínimo, a novembro de 2019. Pero foi silenciada pola ditadura chinesa ata que se descontrolou.

O Goberno daquel país represaliou o médico que detectou e avisou en decembro dos primeiros casos, relacionados co mercado de mariscos de Huanan, en Wuhan (provincia de Hubei), zona cero da pandemia. Cando ao Partido Comunista, que goberna con man de ferro China, se lle foi das mans a epidemia e o doutor Li Wenliang faleceu tamén contaxiado, unha onda de indignación expandiuse por China e parte do mundo por esta censura.

NA PROCURA DO "PACIENTE CERO"

Os científicos afánanse agora en atopar o “paciente cero”, é dicir, a primeira persoa infectada, clave para identificar a fonte do contaxio, que se dá por seguro que é de orixe animal (non imos mencionar, para non infectar o lector co virus da mentira, as maliciosas e absurdas teorías da conspiración que circulan pola Rede sobre a orixe do virus). Aínda que non se descarta que o “paciente cero” podería ser o identificado como o “paciente un” en Wuhan, o 17 de novembro, é posible que fose outro e, por tanto, que o virus se tivese transmitido aos humanos mesmo antes de mediados de novembro.

En base ás análises filoxenéticas, dáse por feito que é un virus  zoonótico, é dicir, transmítese de animais a humanos. E moitos científicos dan case por confirmado –aínda que con cautela– que o hóspede e propagador do virus sería un morcego. Así o afirmaron, por exemplo, 29 científicos adscritos ao Instituto de Viroloxía de Wuhan –administrado pola Academia de Ciencias de China–, o Hospital Jin Yintan desta cidade, a Universidade da Academia Chinesa de Ciencias e o Centro Provincial de Hubei para o Control e Prevención de Enfermidades.

Hai indicios de que o virus puido ter a súa orixe nos morcegos e de que os primeiros contaxios se produciron xa en novembro de 2019

A comunidade científica xa sabía que os morcegos son un reservorio natural dos tipos de coronavirus causantes da síndrome respiratoria aguda grave (SARS) que resultou en epidemia no ano 2003 no sueste asiático. Pero tamén se sinalou que debe haber algunha especie que actuou como ponte entre morcegos e humanos para que estes virus chegasen a nós. Cal ou cales especies foron os hóspedes que farían de elo entre morcegos e humanos segue sendo unha incógnita.

O que descubriron os científicos chineses, ao analizar as secuencias xenómicas completas de cinco pacientes nunha etapa temperá do brote, é que esas secuencias eran case idénticas (99,9 %) e compartían un 79,5 % de secuencia xenómica cos coronavirus do SARS. Ademais, atoparon que o SARS-CoV-2 é un 96 % idéntico, a nivel de todo o xenoma, a un coronavirus de morcego.

O SARS-CoV-2, segundo os resultados destes investigadores, comparte sete proteínas non estruturais co virus causante do SARS e penetra nas células a través da mesma ruta que os coronavirus SARS, a través do receptor de células ACE2.

É por iso polo que suxeriron que os morcegos serían a fonte máis probable do novo virus, unha hipótese que tamén defendeu outro equipo de 19 científicos da Universidade de Fudan en Xangai, a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Huazhong, o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades de Wuhan, o Centro Chinés para o Control e Prevención de Enfermidades, e a Universidade de Sidney (Australia).

Neste caso, analizaron un único caso, o dun traballador do mercado de Wuhan, un home de 41 anos ingresado o 26 de decembro de 2019. Os científicos realizaron a secuenciación xenómica nunha mostra de secreción pulmonar (lavado broncoalveolar) tomada do enfermo e identificaron o SARS-CoV-2, descubrindo que o seu xenoma compartía o 89,1 % cos coronavirus da familia causante do SARS achados en morcegos.

Aínda que non se pode afirmar categoricamente que fosen os morcegos a fonte do novo virus, ata o momento é a hipótese que máis forza cobrou na comunidade científica.

“Rastrexar a fonte do virus, controlala e esclarecer o hóspede intermedio do virus son as ligazóns claves para controlar a transmisión continua do virus dos animais ás persoas”, resaltaron noutro traballo científicos adscritos ás facultades de Medicina das universidades de  Shenzhen e Sidney.

O que si sabemos é que, como mínimo, o salto do SARS-CoV-2 aos humanos se produciu hai xa catro meses.

O Partido Comunista chinés impediu coa súa censura que se puidese localizar o "paciente cero", clave para entender a orixe do virus e frealo

Agora sábese, por datos do Goberno chinés aos que accedeu o xornal South China Morning Post, que o primeiro caso coñecido de infectado por este virus –o “paciente un”– rexistrouse o 17 de novembro en Wuhan. Foi un home de 55 anos que logo contaminou máis persoas. A partir de aí, a propagación exponencial foi silenciosa –e silenciada–, ata que as autoridades chinesas xa non tiveron máis remedio que informar á Organización Mundial da Saúde (OMS) do brote da epidemia, a finais de decembro. En apenas un mes, durante xaneiro, xa se instalara en toda a China continental e o virus acabou traspasando fronteiras ata expandirse por todo o mundo. A data de hoxe, son máis de 250.000 as persoas que se infectaron en todo o mundo e máis de 10.000 os mortos

Mesmo aínda que descartásemos o caso detectado en novembro, a ditadura chinesa quedou exposta e comprometida cos datos oficiais dos primeiros infectados identificados. A comunidade científica e a OMS situaron os primeiros  contaxios contrastados a principios de decembro, pero o Goberno chinés non informou do brote dun novo tipo de coronavirus ata o 31 dese mes. Ata ese momento, tentara ocultar ao mundo a existencia dun novo virus mortal.  Represaliou o doutor Li Wenliang –médico que detectou os primeiros contaxios–, ao que acusou de "dfundir rumores" e pretender "perturbar severamente a orde social" establecida polo réxime comunista.

Agora, o Partido Comunista Chinés tenta lavar a súa imaxe cunha campaña de propaganda interna e mundial para facer esquecer a súa neglixencia e censura, ademais de alentar teorías conspiranoicas sobre a orixe do virus.

Ninguén pode saber se a epidemia se tería estendido ou non por todo o mundo de notificarse eses casos antes, pero si que se podería, polo menos, frear con medidas de contención temperás e gañar tempo na loita científica contra a COVID-19. Localizar o "paciente cero" teria resolto moitas incógnitas e aforrado moito tempo na loita contra o virus.

EPIDEMIOLOXÍA: INFLÚEN A IDADE E O SEXO?

Os estudos epidemiolóxicos son fundamentais para comprender como se comporta o virus entre a poboación e así poder tomar decisións e poñer en marcha medidas de protección como as que se están aplicando, como o distanciamento social, confinamentos e corentenas, etc. Neste campo, a produción científica sobre o coronavirus é ampla.

Investigadores do Centro Chinés para o Control e Prevención de Enfermidades presentaron os resultados dunha análise exploratoria descritiva de casos diagnosticados naquel país ata o 11 de febreiro, con datos sobre as características dos pacientes, distribucións por idade e sexo, taxas de letalidade (proporción de persoas que morren entre os afectados) e de mortalidade (proporción de mortes entre a poboación xeral), análise espazo-temporal da propagación viral, curvas epidémicas (gráficos que mostran a evolución dunha epidemia durante un período de tempo e permite coñecer o patrón do virus) e análise de subgrupos.

Os resultados, publicados en dous traballos, o 17 e o 24 de febreiro, cando aínda non se alcanzara o pico da epidemia en China, indican que, do total de 72.314 rexistros de pacientes, 44.672 (61,8 %) eran casos confirmados, 16.186 (22,4 %) foron clasificados como sospeitosos, 10.567 (14,6 %) eran casos unicamente con diagnóstico clínico (só en Hubei, foco da epidemia) e 889 (1,2 %) foron identificados como casos asintomáticos.

Varios estudos apuntan a un maior impacto do virus na poboación masculina, pero aínda non está claro se isto é así e por que

Entre os casos confirmados, a maioría tiña entre 30 e 79 anos (86,6 %) e foron diagnosticados en Hubei (74,7%), mentres que os menores de idade só representaron o 2 % dos casos confirmados. De todos, oito de cada dez foron considerados casos leves (80,9 %).

Producíronse un total de 1.023 mortes entre os casos confirmados, cunha taxa de letalidade do 2,3 % entre os enfermos. As mortes concentráronse principalmente entre as persoas máis maiores: un 50 % tiña máis de 70 anos, mentres que un 19 % estaba entre os 20 e os 60. Ademais, unha de cada tres mortes rexistrouse en pacientes sen patoloxías previas e unha de cada cinco, en menores de 60 anos.

Entre os falecidos tamén había sanitarios. Ata o 11 de febreiro, un total de 1.716 traballadores do sistema de saúde chinés infectáronse e cinco morreron (0,3 %).

Por sexo, viron que o virus afectaba case por igual a homes (51,4 %) e mulleres (48,6 %). Con todo, as mortes disparábanse entre os homes: 64 % do total de falecementos. As primeiras hipóteses suxeriron que esta fenda podería deberse a que os homes fuman máis que as mulleres e, por tanto, son máis propensos a sufrir complicacións respiratorias graves, e a que as mulleres adoitan ter unha resposta inmunitaria máis potente, aínda que se manexan outras variables.

Outro estudo realizado por científicos do Departamento de Cardioloxía da Universidade de Wuhan afirma que entre os casos de falecidos por COVID-19 que analizaron había “unha maior porcentaxe de homes, eran maiores e tiñan taxas máis altas de hipertensión, enfermidade coronaria e  cardiomiopatía [enfermidade que causa que o corazón aumente o seu tamaño]”.

A diferenza entre homes e mulleres foi notablemente alta nun estudo no Quinto Hospital de Wuhan, onde se analizaron os casos de 36 pacientes falecidos. A idade media destes foi de 69,22 anos e o 69,44 % eran homes. Ademais, o 72,22 % dos falecidos tiña enfermidades crónicas, principalmente hipertensión, enfermidades cardiovasculares e diabetes. En definitiva, “a maioría dos pacientes eran homes maiores con comorbilidades”, clarifican.

Con todo, noutro estudo sobre 51 pacientes en Chongqing a media de idade dos pacientes caeu a 45 anos, aínda que é necesario aclarar que no momento de realizarse este estudo os investigadores non rexistraran enfermos maiores de 68 anos, que é a poboación que está a ser máis golpeada polo virus en todas partes. Iso si, de novo os homes volveron ser os máis afectados, representando o 62,7 % dos ingresos.

E noutra investigación cunha poboación máis ampla –140 pacientes ingresados en Wuhan– achouse practicamente unha paridade entre homes e mulleres (50,7 % vs 49,3 %), cunha idade media de 57 anos. Con todo, isto parece ser unha excepción, xa que a maioría dos estudos consultados coinciden en maiores taxas de infección en homes. Por exemplo, noutro traballo de investigadores da Universidade de Nanjing sobre unha mostra aínda maior, con 457 pacientes, os homes ingresados eran máis que as mulleres: 58 % vs 42 %.

Un dos maiores estudos en China incluíu 1.099 pacientes de todo o país con COVID-19 confirmados por laboratorios de 552 hospitais en 30 provincias, rexións autónomas e municipios daquel país. A investigación realizouse en xaneiro, cando a epidemia aínda era algo afastado para Occidente. Por tanto, estamos a falar dunha fase temperá. Aquí, tamén a media de idade dos enfermos foi inferior a outros estudos posteriores: 47 anos. E, de novo, os homes foron a poboación máis afectada: 58,1 % fronte ao 41,9 % de mulleres.

Outro traballo de similar envergadura, con 944 pacientes infectados na provincia chinesa de Zhejiang, calculou en 49,5 anos a idade media dos infectados.

Científicos da Universidade de Fudan en Xangai presentaron outro estudo sobre os riscos de incidencia e mortalidade da infección en función da idade, mediante a análise dunha poboación de 5.319 pacientes infectados, 76 casos fatais e 1.144.648 cidadáns en xeral.

Como noutras investigacións, destacan que “a enfermidade pode ocorrer en todos os grupos de idade”, mentres que, a diferenza dalgúns estudos que sinalan unha incidencia significativamente maior en homes, coinciden con outros científicos en que “non existe unha diferenza significativa entre homes e mulleres”.

Respecto á mortalidade, en base aos 76 casos analizados de pacientes falecidos, estiman unha “taxa de mortalidade do 2,38 % en caso de infección xeral”. Con todo, advirten, estas taxas poden varias en función de rexións xeográficas, pois no caso de China foron “significativamente diferentes entre casos identificados na provincia de Hubei e outras partes do país”.

En particular, calcularon que a taxa de mortalidade por COVID-19 é cinco veces maior na zona cero da pandemia (Hubei) que noutras partes de China, algo que podería explicarse, entre outros factores, “por recursos médicos insuficientes debido a unha cantidade tan grande de pacientes” nesta provincia. Ademais, o estudo suxire que “un bo servizo médico pode reducir efectivamente a taxa de mortalidade da infección viral ao 1% ou menos”.

Doutra banda, datos informados polos Centros Chineses de Control e Prevención de Enfermidades indicaron que entre os 44.672 casos confirmados de COVID-19 ao 11 de febreiro de 2020, o 0,9 % dos diagnosticados tiña entre 0 e 10 anos e o 1,2 %, entre 10 e 19 anos.

Noutro traballo con 191 pacientes ingresados no Hospital Jinyintan e o Hospital Pulmonar de Wuhan –dos cales 137 foron dados de alta e 54 morreron– observáronse “maiores probabilidades de morte no hospital asociadas coa idade avanzada”.

E nunha revisión da literatura científica realizada por membros do Departamento de Ciencias Médicas e Enfermidades Infecciosas da Universidade de  Turín confirmouse que “os casos publicados ocorreron principalmente en homes (a idade variou de 8 a 92 anos)”.

Aínda que o virus pode afectar a todos os grupos de idade, hai evidencias de que ten maior incidencia na poboación máis maior

Por tanto, en base a estes e outros estudos consultados, parece haber consenso en que o coronavirus afecta máis á poboación máis maior e a súa incidencia diminúe a menor idade, sendo a poboación nova a menos vulnerable. Con todo, existen diferenzas notables na media de idade dos infectados, que poderían deberse a múltiples factores, aínda que case todos parecen roldar ou superar os 50 anos como media de idade dos contaxiados.

Tamén hai acordo na alta porcentaxe de enfermos con síntomas leves ou asintomáticos: case todos os estudos sitúan en ao redor do 80% estes casos.

Este consenso non existe no que se refire ao sexo dos enfermos. Mentres algúns estudos sinalan unha prevalencia maior en homes e, sobre todo, unha maior porcentaxe de mortes nestes, outros apuntan a unha paridade ou diferenzas pouco significativas entre homes e mulleres, polo menos en  contaxios.

Investigadores do Departamento de Política de Saúde da Escola de Economía e Ciencia Política de Londres (London School of Economics and Political Science), a Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade Simon Fraser (Canadá) e a Escola Johns Hopkins Bloomberg de Saúde Pública (Estados Unidos) aseguran que “os datos desagregados por sexo para o COVID-19 mostran un número igual de casos entre homes e mulleres ata o momento”, aínda que matizan que “parece haber diferenzas de sexo na mortalidade e vulnerabilidade á enfermidade”.

“As evidencias que están a aparecer suxiren que están a morrer máis homes que mulleres, posiblemente debido a diferenzas inmunolóxicas de xénero ou diferenzas entre sexos, como os patróns e a prevalencia do tabaquismo. Con todo, os datos desagregados por sexo actuais son incompletos”, polo que, advirten, os datos deben ser tomados con precaución.

Queda, por tanto, aínda moito por aclarar sobre isto.

TAXA DE CONTAXIOS

Outra cuestión que interesa especialmente aos científicos é a taxa de contaxio deste virus, o R0 (r sub-cero): o número medio de contaxios que xera un individuo infectado ao longo dun período infeccioso.

O  R0 é o número reprodutivo dunha enfermidade que indica o seu índice de contaxio, un dato fundamental para estimar o ritmo e a magnitude da propagación do virus e tomar medidas preventivas.

Aínda que non se estableceu unha cifra definitiva, a maioría de expertos coinciden en fixar unha taxa media de contaxio de entre 2 e 3, sendo 2,5 a que concentra un maior acordo: cada individuo infectado pode contaxiar a 2,5 persoas. Trátase dunha media importante, aínda que non é das peores: para o sarampelo, por exemplo, o R0 é de ao redor de 15 (unha persoa pode contaxiarllo a outras 15) e para as papeiras é aproximadamente 10; con todo, no caso da gripe común é de aproximadamente 1,2.

O que preocupa aos científicos é que a taxa de contaxio deste coronavirus sería maior que, por exemplo, a da mal chamada gripe española de 1918 (recibiu este nome porque a prensa española non censurou información e dedicou máis espazo a esta pandemia que os medios de países implicados na I Guerra Mundial), considerada a máis devastadora da historia da humanidade, xa que en só un ano calcúlase que matou entre 20 e 50 millóns de persoas e infectou uns 500 millóns. O que puideron resolver os científicos é que se tratou do virus da influenza A  H1N1 e tivo un R0 de ao redor de 2,1, por baixo do que se estima agora para o  o SARS-CoV-2. Para controlar unha epidemia o R0 necesita diminuír por baixo de 1.

Tamén hai que ter en conta que a taxa de contaxio pode variar en función de distintas variables: desde as propiedades do patóxeno e as súas posibles mutacións, ata características nutricionais da poboación afectada, pasando polas condicións xerais da saúde dos cidadáns, condicións ambientais, factores demográficos, socioeconómicos e climáticos…

Así que o obxectivo das autoridades sanitarias de cada país é aplicar as medidas adecuadas e axustadas ás características das súas poboacións para tentar reducir a taxa de contaxio por baixo de 1. Se se consegue, a enfermidade erradícase, porque un individuo infectado vai contaxiar, de media, a menos dunha persoa susceptible de ser infectada.

Aínda que os datos sobre a taxa de contaxio varían por estudos e zonas, parece que cada individuo infectado pode contaxiar a 2,5 persoas

Como diciamos, aínda que son varios os traballos que sinalan unha taxa de contaxio de 2,5 para o coronavirus, resulta complicado establecer unha cifra exacta. Outros factores que complican o cálculo, segundo Joseph Einseberg, profesor e xefe de Epidemioloxía da Universidade de Michigan, son as dificultades para identificar o 100 % dos casos de contaxios, xa que pode haber un elevado número de individuos infectados pero sen síntomas que non foron detectados polas autoridades sanitarias e que poden estar a esparexer o virus.

Einseberg tamén destaca que a maioría das persoas con COVID-19 recupéranse e, probablemente, vólvense inmunes a sufrilo de novo. “Non está claro como a cambiante susceptibilidade da poboación afectará o contaxio futuro da infección”, apunta nun artigo no medio especializado en información científica The Conversation.

“Por último, e probablemente a razón máis importante, ninguén sabe cal será o impacto futuro das medidas de control da enfermidade que se aplican agora. As estimacións actuais de R0 que fan os epidemiólogos non din nada acerca de como as corentenas ou o illamento de infectados impactarán no contaxio futuro do virus”, conclúe.

Por tanto, non é estraño que se fale de taxas de contaxio distintas en función do momento e do lugar, aínda que as diferenzas non adoitan ser amplas. Por exemplo, un traballo de investigadores do Centro Médico Baylor Scott & White e da Escola de Medicina de Baylor –o Centro Médico de Texas, o maior do mundo– estimou a taxa de contaxio do SARS-CoV-2 en 2,2, en base aos datos que se manexaban en febreiro. A Organización Mundial da Saúde (OMS), nuns cálculos temperáns, situou esta taxa entre 1,4 e 2,5. Algúns investigadores mesmo a colocaron por enriba de 3. Por exemplo, un estudo situou esta taxa en China en 3,56 e outro, en 3,39; datos que hai que coller con moita precaución debido ás múltiples variables que se deben ter en conta nestes cálculos.

Outro estudo de expertos da Universidade de Warwick, en Coventry (ReinoUnido), estimou que o R0 será máis alto en Xapón e Europa do Leste (os investigadores inclúen Italia, o país europeo máis afectado ata o de agora), e máis baixo en África, América Central e Asia  suroccidental. “Este patrón está impulsado en gran medida pola proporción de nenos e adultos maiores en cada país e a propensión observada de casos clínicos en anciáns”, sinalan os seus autores.

TAXA DE LETALIDADE

A taxa de letalidade distínguese da de mortalidade. A primeira refírese á porcentaxe de mortos entre a poboación contaxiada, mentres que a segunda mostra a porcentaxe de falecidos entre a poboación xeral (por exemplo, entre todos os cidadáns que residen nun país).

Calcular a taxa de mortalidade é relativamente sinxelo, xa que a menos que un goberno pretenda ocultar os datos de decesos, estes son públicos e incontestables. Con todo, está a resultar moi complicado calcular a taxa de letalidade para o SARS-CoV-2, xa que hoxe se descoñece o número real de infectados en todo o mundo. Os datos varían por continentes, países, rexións, provincias, cidades…

As enormes diferenzas que existen entre países poderían explicarse por múltiples factores: porcentaxe de casos asintomáticos identificados, nivel de detección precoz de casos, sistema sanitario e recursos dos que se dispoñen, nivel de envellecemento da poboación e outros factores sociodemográficos e económicos, salubridade e hixiene…

Se atendemos aos datos actuais, a data 20 de marzo de 2020, no mundo detectáronse 250.625 contaxios e contabilízanse 10.255 falecementos, o que resulta nunha taxa de letalidade global do 4,1 %. É dicir, 4 de cada 100 infectados morren. Se atendemos á taxa de mortalidade global, esta é de ao redor do 0,00013 %, cunha poboación mundial duns 7.700 millóns de persoas.

En España, a taxa de letalidade sitúase de momento no 5 % e a de mortalidade, en aproximadamente o 0,002 %.

En Galicia rexistráranse ata este venres 567 casos de contaxios e seis mortes. Isto supón unha taxa de letalidade bastante baixa, de momento, dun 1 % e unha taxa de mortalidade do 0,0002 %.

A taxa de letalidade nos dez países máis castigados polo coronavirus, ademais de Galicia (datos a día 20 de marzo de 2020):

Países Total de casos Total de mortes Taxa de letalidade
China 80.967 3.248 4 %
Italia 41.035 3.405 7,4 %
España 19.980 1.002 5 %
Irán 18.407 1.284 7 %
Alemaña 16.626 44 0,2 %
Estados Unidos 14.366 217 1,5 %
Francia 10.995 372 3,4 %
Corea do Sur 8.652 94 1,1 %
Suíza 4.222 43 1 %
Reino Unido 3.269 144 4,4 %
GALICIA 567 6 1 %

CONTAXIADOS ASINTOMÁTICOS, CLAVES PARA FREAR A PROPAGACIÓN

Unha das liñas de investigación máis interesantes céntrase na detección e rol das persoas que, sendo contaxiadas, non presentan síntomas de enfermidade. Ata o de agora parece non haber un consenso científico sobre a taxa de  asintomáticos, pero si se sabe que son claves para frear o virus. Por que? A priori, que haxa xente inmune ao SARS-CoV-2 pode interpretarse como algo positivo –as súas vidas non corren perigo e non padecen nin tose nin febre nin problemas respiratorios–. Con todo, os científicos venos como –sirva esta analoxía– potenciais armas de destrución de vidas. O problema é que son potenciais propagadores “pantasmas” do virus, xa que ao non ter síntomas confían en estar limpos e poden relaxar as medidas de precaución, mantendo contactos estreitos con outros individuos aos que poden contaxiar, poñendo mesmo en perigo as vidas das persoas máis vulnerables, principalmente anciáns, pacientes con enfermidades crónicas e  inmunodeprimidos.

Neste grupo de risco para o resto da poboación tamén entran os  presintomáticos, isto é, persoas infectadas que aínda non desenvolveron ningún síntoma pero que os padecerán.

É urxente distribuír masivamente probas de detección do virus para identificar os contaxiados que non teñen síntomas e que están a propagar o virus de maneira incontrolada e inconsciente

Por tanto, a identificación de individuos asintomáticos e presintomáticos converteuse nunha das obsesións da comunidade científica para conter a propagación do coronavirus. De aí a urxente necesidade de desenvolver e aplicar entre a poboación probas de detección rápidas, masivas e baratas.

Segundo un estudo de científicos da Facultade de Saúde Pública da Universidade de Pequín, a investigación sobre suxeitos  asintomáticos e presintomáticos “é moi escasa por agora, aínda que hai algúns estudos que suxiren que o portador presintomático ou asintomático pode causar a transmisión de COVID-19”.

Con todo, advirten, boa parte da literatura científica atópase en fase de preimpresión, isto é, son estudos que, pola urxencia desta crise, están a publicarse en repositorios científicos sen pasar aínda a clásica revisión por pares que aplica a comunidade científica como mecanismo de control de calidade e fiabilidade dos estudos, principalmente nas metodoloxías aplicadas, que son as que garanten a credibilidade dos resultados. Isto non quere dicir que eses estudos en preimpresión non deban ser tidos en conta, aínda que con cautela: científicos de todo o mundo están a compartir publicamente os seus primeiros resultados sen revisión por pares para acelerar a investigación colaborativa ante a urxencia que vivimos, coa idea de que outros investigadores teñan acceso o máis rápido posible a todos os datos que se están recompilando e poidan amplialos, melloralos, corrixilos,  refutalos, reutilizalos… E isto estase dando practicamente en todos os campos de investigación sobre a COVID-19.

“Case a metade da literatura está en estado de preimpresión sen revisión por pares”, polo que “a cuestión do grao en que as infeccións presintomáticas ou asintomáticas se poden transmitir aínda non se comprendeu completamente”, achegan os investigadores chineses, que sinalan “a urxente necesidade de detectar portadores infectados en contactos próximos máis grandes ou na poboación xeral, e avaliar o seu risco de transmisión”.

Outro grupo de investigadores chineses, estes do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística da Universidade Xi’an Jiaotong, presentou un estudo sobre falsos positivos en individuos asintomáticos que estiveron en contacto con pacientes contaxiados (un falso positivo é o resultado dunha proba que indica que unha persoa ten unha enfermidade ou afección cando en realidade non a padece).

O que atoparon é que “nos contactos próximos de pacientes con COVID-19, case a metade ou mesmo máis dos individuos infectados asintomáticos informados na proba de detección de ácido nucleico activo poderían ser falsos positivos” (segundo os científicos, a proba de ácido nucleico é o método máis importante para diagnosticar a infección e vital para a súa detección temperá).

Algúns casos asintomáticos poderían ser xente nova que estaría a contaxiar, sen sabelo, á poboación máis maior, de aí a importancia de evitar o contacto entre netos e avós durante os confinamentos e corentenas

Científicos da Universidade de Nanjing analizaron tamén as características clínicas de 24 casos con infección asintomática, a partir de contactos próximos, para determinar o potencial de transmisión destes portadores do virus SARS-CoV-2. Neste estudo, ningún dos 24 casos presentou síntomas durante as probas de ácido nucleico, aínda que a maioría deles si mostraron posteriormente evidencias de estar enfermos, durante o período de hospitalización. De todos eles, sete non evidenciaron ningún síntoma nin evidencia tras probas da enfermidade; foron os pacientes máis novos, cunha media de idade de 14 anos. Isto podería explicar por que non se detectan tantos casos entre a poboación de menor idade: podería haber máis casos dos que se coñecen entre os máis novos, que nun gran número poderían ser inmunes ao virus. Isto tamén reforzaría a idea de que é prioritario evitar o contacto entre a poboación máis nova e a maior, para evitar contaxos da primeira á segunda, a máis vulnerable. Ou dito doutra forma: é necesario evitar o contacto entre netos e avós para evitar mortes masivas de anciáns. De feito, os investigadores chineses observaron que se produciron transmisións asintomáticas do virus entre familiares que convivían nunha mesma residencia.

Isto foi corroborado por outros estudos que confirmaron que “a transmisión da COVID-9 se produce entre contactos próximos durante o período de incubación, o cal pode conducir a unha lagoa nas corentenas”.

En Europa, sabemos que o “paciente un” –o primeiro caso de infección aquí– pode ser un home de negocios alemán de 33 anos. O seu caso foi identificado o 24 de xaneiro. Os seus primeiros síntomas foron dor de garganta, calafríos e mialxias (dores musculares). Ao día seguinte sufriu febre, alcanzando os 39,1 ºC, acompañada de tose. A tarde do día seguinte empezou a atoparse ben e volveu ao seu posto de traballo o 27 de xaneiro, informaron científicos alemáns.

Sábese que este home asistira naquelas datas a varias reunións sen presentar ningún síntoma. Nelas coincidiu cunha compañeira de Xangai que estivera en Alemaña do 19 ao 22 de xaneiro e que enfermou no seu voo de regreso ao seu país, onde deu positivo o 26 de xaneiro. Un día despois informouse á compañía da súa enfermidade. Foi entón cando se iniciou a procura de contactos que mantivera esta muller, identificándose catro casos leves en cidadáns alemáns, incluído o chamado “paciente un”.

“A infección parece transmitirse durante o período de incubación do paciente índice [sintomático], en quen a enfermidade foi breve e inespecífica”, explicaron os científicos alemáns que seguiron o caso.

En base a este caso, os investigadores advertiron de que “o feito de que as persoas asintomáticas sexan potenciais fontes de infección” do coronavirus “pode xustificar unha reevaluación da dinámica de transmisión do brote actual”.

Foi así como empezamos a saber que durante o período de incubación, no que o paciente pode non presentar síntomas, tamén se pode contaxiar o virus. Varios estudos así o corroboraron.

A identificación de todos os infectados  asintomáticos ou preasintomáticos é clave para frear a propagación da COVID-19, xa que ese censo permitiría tomar as medidas oportunas para evitar máis contaxios. Ademais, é crucial para establecer a taxa real de letalidade do virus, que só se poderá coñecer cando se saiba –se algún día é posible– que número real de persoas se infectaron. Pero do que ninguén ten dúbida é de que a taxa de letalidade real é menor do que agora se estima, pois o aumento de casos asintomáticos detectados “afecta proporcional pero inversamente a taxa de letalidade”. É unha simple cuestión matemática.

En definitiva, a medida que o virus se foi expandindo e coñecémolo mellor, establecéronse máis protocolos de vixilancia, rastreamentos de contactos e probas de detección entre a poboación que permitiron identificar cada vez máis individuos asintomáticos. De momento, segundo algúns estudos, parece que a extensión dos casos asintomáticos é de aproximadamente o 9,8% do total de contaxios, pero esta cifra variará a medida que se prosiga con máis probas de detección. Por desgraza, aínda estamos moi lonxe de poder aplicar os tests á maioría da poboación. O ideal sería facer as probas á totalidade, pero semella unha utopía científica.

De momento, algúns científicos estimaron que, por cada caso confirmado, o máis probable é que haxa entre cinco e dez persoas máis infectadas non detectadas. Na súa maioría serían casos leves e serían un 52 % tan contaxiosas como as documentadas, sendo responsables do 79 % dos casos novos, segundo un informe baseado en datos da situación en China realizado por expertos do Imperial College London e as universidades de Columbia, California, Hong Kong e Tsinghua. É dicir, eses casos non detectados serían os responsables da rápida e ampla propagación do virus.

A súa análise baseouse nun modelo matemático en base ás infeccións documentadas en China e datos de mobilidade, así como nun modelo de interacción social entre a poboación, para estimar o número de casos indocumentados e as taxas de infección.

Os científicos calculan que antes de que o Goberno chinés prohibise as viaxes e aplicase probas masivas, entre decembro do ano pasado –cando se detectaron os primeiros casos– e o 23 de xaneiro, seis de cada sete casos non foron detectados.

Con estes datos, afirman que se en Estados Unidos existen 3.500 casos de COVID-19 confirmados, en realidade poderían ser 35.000. A escala global, poderiamos estar, no peor dos casos, nun escenario moitísimo máis dramático, con máis de dous millóns de infectados no mundo, aínda que esta é unha cifra hipotética.

Estes científicos advirten de que o número de casos non detectados por cada un documentado podería variar ata o dobre segundo o país e as medidas que tomasen os seus gobernos. En todo caso, pediron que se realicen probas a grande escala e baratas na poboación para achegarnos ao número real de contaxios e comprender mellor a magnitude da pandemia, que dan por feito que é maior que o que os datos oficiais din.

Identificar os individuos asintomáticos e presintomáticos é clave para frear a propagación do virus e para establecer a taxa de letalidade real da COVID-19

Doutra banda, investigadores da Universidade de Texas (Estados Unidos) aseguran que máis do 10 % dos pacientes de coronavirus foi contaxiado por alguén que nin sequera presentaba síntomas. O alto número de persoas que infecta cada portador da COVID-19 e o pouco tempo que tarda en propagarse (menos dunha semana) confirman que estamos diante dunha epidemia cunha elevada velocidade de transmisión.

“A transmisión asintomática fai que a contención do virus sexa tremendamente complicada”, advertiu a investigadora principal, Laura Meyers, quen xustificou as medidas de control máis drásticas, como as corentenas, os confinamentos ou as restricións de viaxes.

CARACTERÍSTICAS CLÍNICAS: FEBRE, TOSE E  DISPNEA, OS SÍNTOMAS

Febre, tose e dispnea (dificultade respiratoria) son os tres síntomas comúns que se identificaron nos casos detectados (ocasionalmente tamén se pode dar diarrea  acuosa), polo que a súa detección debe acender a alarma en calquera persoa que os padeza.

No traballo xa citado previamente de investigadores do Centro Médico Baylor Scott & White e da Escola de Medicina de Baylor destacouse que a infección sintomática parece afectar predominantemente aos adultos, cun período de incubación estimado duns cinco días de media entre a infección e o inicio dos síntomas, aínda que este período pode ser maior nalgúns casos, chegando ás dúas semanas ou máis. Os síntomas de presentación máis comúns que identifican son febre, tose, dispnea e mialxias (dor muscular) e/ou fatiga.

Un estudo de investigadores da Universidade Jiao Tong de Xangai e de varios centros hospitalarios da provincia chinesa de Zhejiang, realizado sobre 149 pacientes positivos confirmados, atopou que a febre, a tose e a expectoración foron os síntomas máis comúns. Ademais, 14 pacientes diminuíran a saturación de osíxeno (nivel de osixenación do sangue), 33 tiñan leucopenia (baixa produción de leucocitos ou glóbulos brancos), 53 tiñan linfopenia (número de linfocitos inferior ao normal) e 82 tiñan proteína C reactiva elevada (proteínas producidas polo fígado).

En todo caso, e como están a confirmar os casos diagnosticados en todo o mundo, “a maioría dos pacientes presentan unha infección leve”.

Outro traballo de investigadores do hospital chinés de Shishou realizado sobre 89 casos atopou que os síntomas comúns no momento do inicio da enfermidade foron febre (86 de 89 enfermos), tose (83) e mialxia ou fatiga (30), mentres que a dispnea ocorreu en 27 afectados.

No estudo xa mencionado de científicos do Departamento de Cardioloxía da Universidade de Wuhan afírmase que os falecidos mostraran “taxas significativamente máis altas de febre e dispnea”. E ao seu ingreso “mostraron maiores recontos de leucocitos e linfocitos e plaquetas máis baixos”.

No estudo realizado no Quinto Hospital de Wuhan atoparon que estes tiveran síntomas clínicos comúns de febre (94,44), tose (77,78 %), dificultade para respirar (58,33 %) e fatiga (47,22 %).

No realizado sobre 51 pacientes en  Chongqing o 84,3 % presentou febre, a 74,5 % tose e a 43,1 % fatiga. Tamén se observou linfopenia no 51 % e un nivel elevado de proteína C reactiva no 62,7%.

Na investigación antes mencionada con 140 pacientes ingresados en Wuhan as manifestacións clínicas máis comúns foron febre (91,7 %), tose (75 %), fatiga (75 %) e síntomas gastrointestinais (39,6 %), mentres que a hipertensión (30 %) e a diabetes mellitus (12,1 %) foron as comorbilidades máis comúns.

No traballo realizado por investigadores da Universidade de Nanjing sobre unha mostra de 457 pacientes atopouse que as comorbilidades máis comúns foron as enfermidades cardiovasculares e cerebrovasculares e a hipertensión. E os principais signos e síntomas incluíron febre (89 %), tose (63 %) e mialxia ou fatiga (51 %).

Nun dos maiores estudos en China, que incluíu 1.099 pacientes con COVID-19 confirmados por laboratorios de 552 hospitais en 30 provincias, rexións autónomas e municipios daquel país –xa citado–, tamén se identificaron como síntomas máis comúns febre (43,8 % no momento de ingreso e 88,7 % durante a hospitalización) e tose (67,8 %). Os seus autores destacan que a diarrea foi pouco frecuente (3,8 %).

Entre as patoloxías que comportan máis risco nos infectados identificáronse “enfermidades cardiovasculares, dixestivas e do sistema endocrino”, pero non enfermidades pulmonares crónicas previas, que “sorprendentemente non se informaron”

Aínda que as porcentaxes varían, parece que todos os estudos apuntan ao mesmo. Así, noutro traballo con 191 pacientes ingresados no Hospital Jinyintan e o Hospital Pulmonar de Wuhan ­–dos cales 137 foron dados de alta e 54 morreron­– identificáronse comorbilidades no 48 % dos casos, sendo a hipertensión a máis común (30 %), seguida da diabetes (19 %) e enfermidade coronaria (8 %).

Entre as enfermidades que comportan máis risco en caso de infección por coronavirus, os investigadores do Centro Chinés para o Control e Prevención de Enfermidades identificaron as cardiovasculares (10,5 % de pacientes mortos), diabetes (7,3 %), as respiratorias crónicas (6,3 %), hipertensión (6 %) e cancros (5,6 %).

Doutra banda, os investigadores da Universidade de Turín observaron que nos estudos presentados pola comunidade científica eran comúns “as enfermidades cardiovasculares, dixestivas e do sistema endocrino”, pero non así as enfermidades pulmonares crónicas previas (por exemplo, EPOC, asma, bronquiectasias), que “sorprendentemente non se informaron”. Tamén comprobaron que se deron cadros de febre en todas as series de casos dispoñibles, acompañados de tose, dispnea, mialxias e fatiga.

En definitiva, aínda que a epidemia de COVID-19 “se asocia principalmente con enfermidades respiratorias e poucos signos  extrapulmonares, hai unha baixa taxa de comorbilidades respiratorias preexistentes asociadas”, conclúen en base á súa revisión.

Con todo, parece que as enfermidades cardiovasculares son o principal factor de risco na mortalidade por COVID-19. Así o destacan tamén científicos da Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Huazhong, en Wuhan: “Cabe sinalar que os pacientes con enfermidades cardiovasculares teñen un risco significativamente maior de morte cando están infectados”.

Doutra banda, membros da Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Huazhong, en Wuhan, identificaron varios factores que conduciron á progresión da pneumonía por COVID-19. Os prognosticadores clínicos son: idade, antecedentes de tabaquismo, temperatura corporal máxima ao ingreso, insuficiencia respiratoria e proteína C reactiva.

Outro estudo realizado con pacientes na provincia chinesa de Hubei destaca que “a vellez, as comorbilidades médicas, a dispnea, a confusión e a dor torácica ao ingreso asócianse cun maior risco de morte en pacientes con COVID-19”.

CONCLUSIÓN: CONFIANZA NA CIENCIA

Aínda que a comunidade científica traballa arreo e contra reloxo, aínda quedan algunhas incógnitas por resolver sobre o coronavirus SARS-CoV-2 claves para frear e erradicar a pandemia. Os resultados obtidos ata o de agora deben ser collidos con cautela, xa que están, en moitos casos, en fase de  prepublicación (preprints en inglés), o que quere dicir que están a ser adiantados antes da clásica revisión por pares que debe validalos. Isto estase facendo para establecer unha rede de colaboración aberta e a discusión entre expertos que acelere e amplíe o coñecemento sobre o virus e a pandemia que xerou, e para corrixir posibles erros metodolóxicos e nos resultados. Incluso aqueles traballos científicos que xa pasaron a fase de validación científica por pares deben ser agora  escrutados polo conxunto da comunidade científica internacional.

De todas as maneiras, parece que xa van existindo consensos sobre algunhas cuestións claves que están a permitir ás autoridades sanitarias e gobernamentais de todo o mundo tomar decisións en base a ese coñecemento científico acumulado, que se reparte xa en miles de papers. Un coñecemento do que máis pronto que tarde sairá ademais a solución médica á COVID-19, xa sexa en forma de fármacos ou de vacina.

Só a ciencia nos sacará deste pesadelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

5 anonimo 2

E seguindo com o meu comentário, e claro que os centralistas consideram as “províncias” como colônias e para manter o status quo por suposto tenhem que mantê-las pobres e mendicantes, os demais vivemos graças a Madrid, e se o feche de Madrid era um desastre para Madrid...feche do estado e a difuminar responsabilidades, já o dizia Castelao no Sempre em Galiza o único que podemos esperar de um estado centralista é o reparto das misérias!

4 MDze

Certamente as autoridades chinesas forom irresponsáveis por não comunicar e tomar medidas mais rapidamente, 10 por cento da população confinada e mais de 3000 mortos. A gestão centralista do estado, a comunidade de Madrid (PP) que tinha as competências em sanidade e tinha o dever de decretar a alerta sanitária e solicitar o feche de Madrid, e o governo central (PSOE) que tem a competência das forças de segurança, e tinha o dever de fechar Madrid não figerom nada. Perdão, sim, decidirom que era discriminatório confinar 7.5 milhões de residentes em Madrid, e prefirierom confinar 45 milhões em todo o estado! Artigo 155 para os incompetentes governantes da comunidade de Madrid...e para os governantes centralistas do governo do estado.

3 Ana

De pouco serve todo isto se logo non se pecha o principal foco do virus (en China si o fixeron e xa esta a pandemia controlada). Pechar Madrid e blindar Galiza evitaría moitos contaxios e permitiría que as comunidades con menos contaxios aportasen axudas medica ao resto. Seria bo para Galiza e tamen para Madrid mais os españolistas son incapaces de esixir isto. Ainda estamos a tempo de blindar Galiza, mais se non o fan os galegos falaremos nas urnas pq a saude esta antes que o centralismo.

1 nostrus

Ana, la obsesion que teneis con aislar Galicia no es de ahora, viene de mucho antes y el estado de alarma que tenemos hoy excepcionalmente es el que tendriamos que soportar perpetuamente si el nacionalismo tuviera la fuerza que quiere, pero ya sabemos que representais a los que no podemos contar con ellos cuando los necesitemos. Con respecto a las medidas que se deberian adoptar yo opino que se deberia ampliar a no acudir al trabajo, excepto aquellas actividades imprescindibles.

2 José

A reportaxe está mui ben e agradécese o esforzo, un bó traballo e parabens ao autor. Alén diso, reforzaríase a boa obra cunha pouca de ponderación. Esixirlle a China nos primeiros e inéditos momentos da pandemia o que non foi capaz de facer Europa e USA estando avisados non é razonable.

1 Gamela

Alguén vai ter que explicar por que os gobernos europeos (?) están apostando pola confinación e a parálise total da poboación (que non dos capitais) cando este virus non imos ter maneira humana de parar a infección (agás que metamos a todo quisque nunha burbulla) ! Sabedes que os arxentinos teñen solución para todo (menos para as súas crises financieiras permanentes) https://youtu.be/wJOFSoS8Qmw Igual este será o único resultado de tanta RECLUSIÓN FORZOSA = Unha crise económica descoñecida ata o momento! E cicais esa sexa a única explicación sensata desta TOLEMIA COLECTIVA !!!

1 nostrus

Gamela, moi bon o enlace. Un saudo.