Temas: CORONAVIRUS

Xa son 19 os mortos e 1.170 os contaxiados por coronavirus en Galicia, mentres o primeiro caso detectado sae da UCI

Os médicos consideran que a alta do primeiro paciente rexistrado é "un indicio de esperanza ante esta pandemia". O Sergas realizou 5.945 probas para detectar infectados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/03/2020 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

Un home de 81 anos de idade que estaba ingresado no Hospital Lucus Augusti de Lugo é a última vítima mortal relacionada coa pandemia de coronavirus en Galicia, cuxo balance de mortes se eleva a 19. Segundo informan as autoridades sanitarias, este home fora diagnosticado de coronavirus e presentaba patoloxías previas. Por outro lado, xa son 1.170 os contaxiados, o que supón 285 máis que os contabilizados o domingo, e 5.945 as probas realizadas polo Sergas para detectar positivos co coronavirus Covid-19 (PCR) desde o inicio da crise sanitaria. A boa nova é que o primeiro caso detectado en Galicia, na Coruña, xa saíu da UCI e foi levado a planta.

Un auxiliar de enfermería protexido contra o coronavirus transporta unha padiola desde unha ambulancia para trasladar un enfermo
Un auxiliar de enfermería protexido contra o coronavirus transporta unha padiola desde unha ambulancia para trasladar un enfermo | Fonte: © Miguel Núñez.

Durante a xornada do domingo faleceron en Galicia cinco persoas en relación á epidemia de COVID-19, entre elas dúas mulleres de 92 e 77 anos de idade na área de Ferrol, a primeira ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e a segunda no Hospital Juan Cardona. Ambas as dúas presentaban patoloxías.

Tamén faleceron durante a xornada do domingo outras tres persoas: unha muller de 90 anos que estaba hospitalizada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), un home de 72 anos que se atopaba no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez de Pontevedra e unha muller de 84 anos ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Pola súa banda, na xornada do sábado 21 de marzo rexistráronse catro mortes relacionadas coa pandemia: unha muller de 68 anos e tres homes de 93, 81 e 74 anos, respectivamente, todos eles ingresados no Chuac e con patoloxías crónicas previas.

Así mesmo, o venres rexistráronse catro falecidos: dous homes de 70 e 79 anos, respectivamente, tamén ingresados no Chuac; así como unha muller de 93 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); e un home de 89 anos de idade que estaba no Hospital de Monforte (Lugo). Todos presentaban tamén varias patoloxías previas.

OUTRAS VÍTIMAS

O xoves coñeceuse o falecemento da quinta vítima mortal, un home de 75 anos que tamén estaba ingresado no Chuac e que presentaba varias patoloxías crónicas previas. Pola súa banda, a cuarta rexistrouse o mércores 18 de marzo, xornada na que faleceu un home de 72 anos tamén ingresado na Coruña.

Previamente, a terceira vítima mortal en Galicia foi un home de 45 anos de idade que contaba, así mesmo, con patoloxías previas e que tamén estaba ingresado no Chuac.

Antes faleceu un home de 81 anos con varias patoloxías, ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira morte en Galicia foi a dunha muller de 92 anos, con múltiples patoloxías previas, que estaba ingresada no centro de Povisa, en Vigo.

ALTA DA UCI DO PRIMEIRO CASO EN GALICIA

O primeiro paciente que deu positivo por coronavirus en Galicia, un home de 49 anos procedente de Madrid, foi dado de alta da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e atópase ingresado en planta. Así o informou o xefe da UCI do Hospital da Coruña, David Freire, que confirmou que na tarde do domingo deuse de alta da Unidade de Coidados Intensivos "ao primeiro paciente diagnosticado por Covid-19 na área sanitaria da Coruña e Cee" e que supuxo tamén o primeiro en Galicia.

Ademais, confirma que se trata do primeiro paciente dado de alta de UCI en Galicia. Tras as probas practicadas e con dous negativos en senllos test realizados, atópase agora ingresado en planta.

Do seu prognóstico, confirma tamén que é "estable". Por todo iso, o xefe da UCI no Hospital da Coruña destaca a "noticia" que supón este feito, do que afirma tamén que é "un indicio de esperanza ante esta pandemia".

CONTAXIADOS

O número de casos de coronavirus en Galicia ascendía na mañá deste luns a 1.170, o que supón 285 máis que os contabilizados este domingo cando había rexistrados 885.

Segundo informou a Consellería de Sanidade, dos 1.170 casos de coronavirus en Galicia, 298 corresponden á área da Coruña; 278 á de Vigo; 189 á de Santiago; 164 á de Pontevedra; 142 á de Ourense; 62 á de Lugo; e 37 á de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 permanecen na UCI e 270 en unidades de hospitalización, mentres que 854 están no seu domicilio, indicou Sanidade.

Ata o momento, en Galicia rexistráronse 19 altas de pacientes, o que supón tres máis que as difundidas este domingo. E 19 persoas faleceron con coronavirus. 

NA UCI, EN PLANTA E NOS DOMICILIOS

En total, os hospitais galegos teñen 46 pacientes con coronavirus ingresados en UCI, dos cales 15 permanecen en centros da área da Coruña que, ademais, é a que concentra o maior número de infectados por Covid-19 na autonomía, con 298 casos. Segundo os datos facilitados por fontes das áreas sanitarias galegas, no caso da Coruña permanecen 109 pacientes ingresados, deles 15 na UCI do Chuac e 83 en planta. 

Na área de Ferrol hai 37 positivos, deles 18 pacientes hospitalizados --seis en UCI e 12 en planta-- e 19 persoas en seguimento nas súas vivendas.

A eles súmanse outros tres ingresados en planta no Hospital de Cee; catro no Quirón na Coruña; tres no Modelo; e un no San Rafael, concretaron as mesmas fontes.

Na área sanitaria de Santiago e Barbanza, dos 189 casos positivos, hai 47 pacientes hospitalizados, deles cinco en unidades de coidados intensivos. Do total de ingresados nesta área, na que se fixeron xa 941 test de coronavirus, dous pacientes atópanse no Hospital do Barbanza e tres no HM Rosaleda.

Na área de Vigo, 61 infectados permanecen hospitalizados, deles sete en UCI e 54 en unidades de hospitalización convencional nos hospitais Álvaro Cunqueiro --que concentra a maioría de ingresados co virus--, Fátima e Povisa. Ademais, 217 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Pola súa banda, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dos 164 casos activos, 29 pacientes están ingresados, seis deles en UCI. Do total de hospitalizados catro persoas permanecen no Hospital do Salnés. A eles súmanse 129 nos seus domicilios.

Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, concretaron fontes hospitalarias a Europa Press, hai cinco pacientes con coronavirus en UCI, 16 hospitalizados en planta e 42 en seguimento nos seus domicilios.

Temas: CORONAVIRUS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta