A Xunta asumirá a tutela de todas as residencias privadas para evitar que aconteza o de Madrid

"Todos vimos noticias e cuestións que preocupan. Por suposto nós apoiamos que se actúe agora", dixo ao tempo que recoñeceu que aumentarán o número de contaxios nestes centros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/03/2020 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta anunciou este martes, logo do acontecido en residencias de anciáns de Madrid, onde apareceron usuarios mortos nos xardíns, que "todas as residencias privadas pasarán a ser residencias tuteladas baixo o seguimento das autoridades sanitarias" e chamou á responsabilidade dos seus xestores.

"Seguen á fronte das mesmas, e a súa obrigación é conseguir ao persoal para que sigan funcionando de acordo aos protocolos. Teñen a responsabilidade de mantemento e organización que se esixe nestes tempos de pandemia", trasladou aos xestores tanto de residencias como de centros nos que viven persoas con discapacidade.

En todo caso, Feijóo realizou "un chamamento á tranquilidade" e transmitiu "unha mensaxe de confianza" aos usuarios das residencias e ás súas familias. "Todos vimos noticias e cuestións que preocupan. Por suposto nós apoiamos que se actúe agora, que se actúe antes e despois contra calquera centro que non teña as condicións adecuadas; estaremos vixiantes para que non haxa situacións anómalas e, se as houbese, denunciariámolo", garantiu.

Pero trasladou o recoñecemento aos profesionais das residencias e rexeitou "xeneralizar a falta de responsabilidade" entre este colectivo. Ao seu modo de ver, iso sería "inxusto e alarmista", ademais de producir unha mensaxe de "intranquilidade" que sería "irresponsable e innecesario".

"Os responsables das residencias están a facer un bo traballo, estiveron a facelo durante moito tempo e agora con maior intensidade, xa que teñen que tratar cun virus co que nin sequera poden os grandes profesionais sanitarios e a industria farmacéutica. Os maiores e persoas con discapacidade seguen en boas mans, e calquera anomalía que detectásemos, seremos os primeiros en actuar", insistiu .

57 INFECTADOS E FEIJÓO AUGURA: "CRECERÁN"

Feijóo remarcou, ademais, que responde as solicitudes da Fiscalía coa maior celeridade que é posible cando se produce, e tras subliñar que nestes centros vive poboación moi vulnerable, augurou que as cifras de contaxiados "crecerán" neste ámbito, igual que ocorre co resto de infectados.

En todo caso, precisou que dos máis de 22.000 usuarios de residencias en Galicia, neste momento os contaxiados son 57. "Sabemos que hai outras persoas ás que se lles fixo a proba e nos próximos días saberemos o resultado", esgrimiu, antes de insistir na "tutelaxe" das residencias, que teñen a obrigación de "informar dúas veces ao día do que alí está a suceder".

Os 57 casos están localizados en oito residencias: 13 na residencia de Celanova, 18 en DomusVi Barreiro (Vigo), 11 en DomusVi San Lázaro (Santiago), tres en Fogar Bellolar (A Coruña), un en Caldas, oito na Residencia O Portazgo (A Coruña), dous na nosa Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras), e un en DomusVi Cangas.

Dous militares da UME entran pola porta do Centro Residencial Carabanchel. Ricardo Rubio - Europa Press
Dous militares da UME entran pola porta do Centro Residencial Carabanchel. Ricardo Rubio - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta