Temas: CRISE XACOBEO

A Xunta aposta todo ao Xacobeo para a recuperación da crise económica

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo este martes unha reunión telemática cunha quincena de representantes de distintas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, ante quen puxo en valor a fortaleza da Ruta e o Xacobeo 2021 como motor de recuperación de Galicia despois da crise do COVID-19.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reúnese con asociacións do Camiño.. Xunta de Galicia
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reúnese con asociacións do Camiño.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

O representante da Xunta, que analizou con estes colectivos a situación actual do Camiño por mor dos efectos da pandemia, apostou por "seguir peregrinando xuntos" como parte dunha tarefa na que todos, Administración e entidades, son "necesarios".

Este encontro enmárcase na rolda de contactos que o responsable de Cultura e Turismo realiza con entidades destes sectores para coñecer a afectación pola crise do COVID-19 e ir articulando medidas futuras de reactivación.

Durante a reunión, Román Rodríguez lembrou o papel do próximo Xacobeo 21 como "motor de recuperación" para Galicia, unha tarefa na que se buscarán liñas de "estímulo para a actividade económica en xeral" e, dun modo particular, para as industrias culturais e turísticas.

O conselleiro destacou que o Xacobeo 21 "deberá reforzar aínda máis os valores que fixeron grande ao Camiño de Santiago", como a solidariedade, unha vez superada esta situación, e fixo fincapé na Ruta Xacobea como "o gran emblema de Galicia".

A Xunta de Galicia, explicou, está en contacto coas máis de 300 asociacións de amigos do Camiño de Santiago repartidas en distintos países, coa finalidade de manter unha canle de comunicación estable. A todas agradeceulles o seu interese pola situación do país e os esforzos por manter vivo o espírito da Ruta.

Temas: CRISE XACOBEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta