Como re-aprender a convivir cos fillos adolescentes: "Ten que haber tempo compartido"

O actual confinamento estase volvendo difícil para as familias en varios aspectos. Un deles é a convivencia cos seus propios fillos, agora que están as 24 horas do día en casa. Os horarios lectivos e laborais “distanciaban” as familias, mais agora, coa longa corentena que queda, algunhas familias estarían sentindo as consecuencias desa falta de interacción dentro do fogar.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A sensación é que os días e as horas son eternos desde a instauración do estado de alarma. Máis aínda se as rutinas habituais das persoas se interromperon abruptamente coa declaración de estado de alarma. E sobre todo, cando nenos e adolescentes xa non poden saír á rúa, ir ao colexio ou socializar en persoa. Pola contra, pasarán todo o tempo cos seus pais ou titores quen, ata hai uns días, estaban pendentes de recollelos, levalos ás actividades extraescolares, que estudasen e o normal do día a día, só iso. Mais agora, están xuntos 24 horas diarias de luns a domingo, unha situación propicia para que salten tensións moito tempo agochadas, que aparezan diferenzas ou mesmo que situacións de violencia machista tamén acaben afectando aos máis novos da casa. Por iso é necesario saber afrontar escenarios que se están abrindo durante estes días dentro das familias.

Adolescente con móbil
Adolescente con móbil | Fonte: Arquivo


ILLAMENTO E REDES SOCIAIS

O illamento pode marcar profundamente o desenvolvemento de adolescentes e nenos. Durante estes días de peche dentro dos seus fogares, os mozos e mozas entre doce e dezaoito anos poden pasar horas coas redes sociais tentando buscar o contacto cos seus coñecidos. A adolescencia a día de hoxe pode semellar máis interconectada ca nunca e non obstante, esa interconexión estaos levando a unha situación de “zona de confort” de onde non queren ou non lles gustaría saír.

Ricardo Fandiño, de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia), destaca que o principal agora mesmo sobre este sector da poboación é necesario evitar o illamento. Dentro desta situación de peche, o acceso ao mundo dixital resultaría contraproducente en canto frear ese illamento entre os rapaces e rapazas.

ASEIA ten aberta desde a súa web unha iniciativa de apoio tanto a pais como fillos adolescentes para poderen afrontar situacións que non tiñan vivido ata o de agora. “Estes mozos e mozas poden comezar a desconectarse do mundo pensando que non sucede nada, mais si ocorren cousas das que deberan ter coñecemento” di Ricardo Fandiño.

A desconexión co mundo estaría propiciada precisamente por manter o contacto cos e coas amigas ou xente do seu círculo. Centrarse só en manter o contacto polas redes sociais acabaría por romper a comunicación coa familia e se se prolonga ese confinamento, a relaxación de costumes pode levar a unha reentrada difícil na vida diaria cando a situación volva á normalidade.

INSEGURIDADE E FRACASO ESCOLAR

“Non todas as familias teñen un funcionamento harmónico e cun bo clima de comunicación” sinala Ricardo Fandiño. Algúns adolescentes poden estar vivindo conflitos familiares moi intensos. Por iso de entrada, hai que ver se é posible manexar estes ambientes conflitivos. “Desde logo estes períodos de exposición tan intensa ao conflito non son situacións para resolver nada que antes non se puidera resolver”. Para Fandiño os momentos como os actuais serven para evitar precisamente para que non aparezan novas situacións conflitivas.

Entre as diferentes situacións que se poden vivir agora mesmo dentro dos fogares, está o momento social e económico que poden estar vivindo as familias. “Hai familias enteiras que están preoucupadas polo seu futuro, teñen problemas económicos e iso tamén lles repercute aos mozos e mozas”. A inseguridade laboral destes días, a pesar das liñas de axuda para empresas, autónomos e as paradas retribuídas non permiten albiscar unha certa seguridade dentro dos fogares.

Un factor máis para termos en conta é a parada dos centros educativos. Nestes momentos non son poucos os estudantes que están preocupados pola súa carreira académica. “O sistema ten que caer na conta de que vivimos un período académico excepcional, non se pode acceder a coñecementos académicos” deixa claro Fandiño. Isto porque os centros académicos están pechados, mais agora a maioría pode pensar na facilidade para acceder á Internet.

Isto non sempre é así, porque hai moitos fogares onde só se dispón dun ordenador e esa é a ferramenta do pai ou da nai para teletraballar. Tampouco todas as familias teñen wifi, ou se cadra, só teñen unha tarifa de datos, ás veces moi escasa. Por tanto, non todos os fogares están en situación de igualdade para afrontar unha paréntese coma esta. “Este período debera servir para non perder hábitos de estudo e non terían por que condicionar os resultados académicos”.

E aínda así, o fracaso escolar está moi presente e dependerá de onde estean as esixencias académicas do sistema escolar. Se segue onde estaba ata o momento da declaración de emerxencia, os resultados poden ser pobres, por iso é necesario lembrar que “isto é un período transitorio, non se debe esquercer, hai que motivar aos mozos e mozas a seguiren estudando”.

MUROS XERACIONAIS E ACCESO

A omnipresenza de Internet fai que o consumo suba de maneira esaxerada estes días. Iso inclúe tamén a xente nova que agora mesmo está na casa. Así, sen supervisión por parte dos país, poden acceder a todo tipo de contidos. “O consello de cara os adultos é que haxa un tempo de pantalla cos fillos, que sexa un tempo compartido” recomenda Ricardo Fandiño

É normal que o acceso a Internet dentro dunha mesma casa se faga desde un dispositivo diferente por parte de cada membrou. Por iso sería bo que os pais se interesasen polos contidos que ven os seus fillos adolescentes. O obxectivo é poder crear unha visión crítica sobre o que ven. Mais isto non sería romper a intimidade deses mozos e mozas?

“Ás veces teriamos que interesarnos polos contidos que consultan, ao mellor non nos gustan, mais tamén é interesarnos polo seu mundo” sinala Fandiño, que tamén lembra “se ese mozo ou moza está chateando é normal que lle pida ao pai ou á nai que os deixen tranquilos”. O esencial sería saber como compartir o mundo dos adolescentes e establecer vínculos con eles.

A actual situación de confinamento estase dando tamén en países onde non se concibía unha acción como esta. Son lugares onde as posibilidades económicas, os grandes desprazamentos e o consumo marcan o noso día a día. “Quizais isto poda axudar a reprensar a nosa maneira de vivir, vivir con menos e doutra maneira tamén é posible”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta