Ecoloxistas piden prohibir a caza da rula tras diminuír drasticamente nun sitio protexido pola UE

A Unión Europea tamén fixo requerimentos neste sentido. Desde o 2014 cazáronse case 4.000 exemplares desta ave e 50.172 paspallás na ZEPA da Limia.

Por Galicia Confidencial | Limia | 17/04/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As asociacións ecoloxistas (ADEGA, Ecoloxistas en Acción, GN Hábitat, SEO/BirdLife, SGHN, SGO e Verdegaia) propuxeron este mércores na reunión telemática do Comité Galego de Caza unha moratoria á caza da rula (Streptopelia turtur) para a tempada 2020-2021 nas distintas modalidades.

Até o de agora, a caza da rula estaba permitida na media veda no espazo natural protexido da Limia, desatendendo así os requirimentos da Comisión Europea e numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a súa caza e se declare especie protexida.

Rula ( Streptopelia turtur)
Rula ( Streptopelia turtur) | Fonte: wikipedia

A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009. “Recolle o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves”, apuntan desde Adega a través dun comunicado. Pero, o goberno galego ven permitindo a caza da rula en 9 concellos da Limia entre finais de agosto e mediados de setembro, período chamado media veda.

DECRECEMENTO NO NÚMERO DE RULAS

Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves na península ibérica. Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 téñense cazado nela 3.870 rulas, deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear.

Ademais da caza da rula, e tal e como apunta Adega, neste período da media veda, vense permitindo a caza do paspallás no espazo natural protexido, cando se ten constatado que nesta época aínda están criando os polos das postas tardías. Nos últimos 6 anos téñense cazando 50.172 paspallás na ZEPA da Limia.

PROTECCIÓN DA ESPECIE

A prohibición da súa caza fóra da media veda da Limia, non supón ningunha medida de protección efectiva para a especie. Cando se abra en outubro o período xeral para a caza no resto de Galicia, as rulas xa terán migrado a África. Xa que logo, esta prohibición non ten ningún efecto máis que o de simular que limitan severamente a súa caza”, denuncia Adega.

Na plataforma Change.org está aberta unha campaña espontánea de recollida de sinaturas en favor da prohibición da caza da rula. No momento de redactar estas liñas teñen asinado máis de 48.240 persoas. A sociedade expresa así o seu rexeitamento á matanza dun ave tan simbólica e querida como é a rula. Estas cifras demostran que o goberno galego non está atendendo ós intereses xerais por beneficiar a uns poucos cazadores, malia que isto supoña un grave deterioro do noso patrimonio natural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta