Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2020 | Actualizada ás 20:06
O BNG de Celanova denuncia o desleixo da Área Sanitaria de Ourense na xestión do brote de covid-19 na Residencia San Carlos deste concello e “a absoluta falta de previsión e improvisación constante no continuo tránsito de residentes contaxiados” entre a residencia, o centro intermedio de Baños de Molgas e o CHUO. “O SERGAS non só eludiu a súa responsabilidade de intervir na San Carlos, que foi a primeira residencia do país na que saltaron as alertas, e insistiu nese abandono de responsabilidades, senón que agora está a actuando con imprudencia e aumentando a incerteza entre familias,entre as traballadoras e entre os propios residentes”, manifesta Leopold oRodríguez, portavoz do BNG en Celanova nun comunicado.
As nacionalistas revelan que o SERGAS retornou un paciente, positivo de covid19, á residencia San Carlos de Celanova. O home, que levaba desde principios de abril ingresado no CHUO, volveu para a residencia a mediados desta semana. Mantense como positivo e, ademais, sofre unha fractura de cadeira, que se produciu precisamente o día no que ía ser trasladado e da que non puido ser operado.
TRASLADOS AO REVÉS
“Até o momento producíranse traslados de casos de covid da residencia cara o CHUO; da residencia cara a Baños de Molgas; e o regreso de negativos do CHUO á residencia ou desde Baños de Molgas á residencia; mesmo houbo algún caso de traslado do CHUO a Baños de Molgas”, denuncian os nacionalistas. “O tráfico tivo, até hoxe, sempre o mesmo sentido: sacar positivos da residencia de Celanova e levalos para o CHUO ou para Baños; e devolver negativos, en teoría inmunizados, a Celanova”, explica Leopoldo Rodríguez.
“Mais isto é novo,parece froito do descontrol no que seguen a incorrer as autoridades sanitarias con Celanova, unha improvisación contraditoria co protocolo que aconsellou trasladar 33 pacientes entre o 24 e 27 de marzo cara a Molgas”. Na Residencia de Celanova continúan a convivir negativos con positivos. O número de infectados non variou, segundo as cifras que reporta cada día Política Social, xa que unha das covid que permanecían no centro desde o principio deu negativo na segunda proba, realizada a este grupo esta semana.
En Baños de Molgas, segundo as cifras de Política Social, permanecen 10 residentes de Celanova con positivo; e hai outros 3 que seguen ingresados no CHUO.
TRABALLADORAS CON POSITIVO
Por outra banda, o BNG coñeceu este sábados que ademais da traballadora que deu positivo o luns, algunhas outras do grupo de 17 que se someteron aos test de contraste esta semana, “tamén deron positivo”
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.