Os opositores, tralo aprazamento: "Estamos ledas! Da nosa unidade saíu este logro"

A plataforma OpóñomeaestaOpo recibiu durante este tempo o apoio de gran parte do sector da cultura e levaba máis de 10.000 sinaturas recollidas para solicitar o adiamento da convocatoria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Miles de opositores e opositoras do país respiran con alivio este mércores logo de que a Xunta de Galicia rectificara na súa decisión de manter o proceso de oposicións no mes de xuño, a pesar da alerta sanitaria na que aínda estamos inmersos por mor do coronavirus. O día oito deste mesmo mes, a Xunta facía pública a súa intención de non aprazar a convocatoria; e como reacción, as persoas afectadas xuntáronse en torno á plataforma OpóñomeaestaOpo a modo de protesta ao entender que non era un "proceso xusto, nin equitativo, nin saudable".

Oposicións en Silleda (Pontevedra)
Oposicións en Silleda (Pontevedra)

Agora, logo dunha loita que deu a volta ao país e que, no seu camiño, foi apoiada por sindicatos, por diversas personalidades do eido da cultura e polos partidos políticos da oposición - Galicia en Común, BNG e PSdeG -, as opositoras acollen o aprazamento "con moita ilusión". "Cremos que a unión dos sindicatos estivo ben, pero foi tardía; cremos que o apoio de forzas políticas estivo estupendo na mesa do Parlamento; pero chegou hai dous días. Todo este movemento fíxose grazas aos compañeiros e compañeiras. Da nosa unidade saíu este logo. Estamos moi ledas!", fala Iria López, unha das impulsoras da plataforma OpóñomeaestaOpo.

Neste tempo, o colectivo de opositores e opositoras iniciou unha intensa campaña en redes sociais baixo hashtags como #AprazamentOpoXa e  #OPÓñomeaestaOPO, e ademais, impulsou unha recollida de firmas en Change.org que xa contaba con máis de 10.000 sinaturas. Detrás da decisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de manter a convocatoria de oposicións, a plataforma intuía un "afán electoralista", e por iso mesmo, consideran que este gran apoio da sociedade galega foi o que provocou "unha reacción" na Xunta de Galicia para que dese marcha atrás. "Ao final son os números os que importan", fala Iria.

AS OPOSICIÓNS EN XUÑO: "UNHA INXUSTIZA"

O mantemento da convocatoria era, a ollos do colectivo, unha decisión "nada xusta, nada equitativa" e tampouco saudable. O caso de Iria López resulta ben significativo. Ela deu positivo na proba do coronavirus logo de solicitala ao Sergas en varias ocasións e aínda a día de hoxe permanece en corentena no seu piso de Bande, lugar no que exerce como interina. "Non estaban sendo estas as mellores condicións para estudar, a preocupación tela", recoñece. "Non me quero imaxinar a esa xente que tamén oposita e que ten maiores ou cativos ao seu cargo, ou que lle morrera o pai e non puidera despedirse". Agora, que a Xunta se une á decisión tomada polo resto de comunidades autónomas e remata xa coa incerteza do colectivo, mestres e mestras respiran con máis descanso.

AGRADECEMENTO POLO APOIO

Dende a plataforma queren facer pública esta listaxe de persoas do eido da cultura e da música, con nome e apelido, que deron visibilidade á loita do colectivo e que fixeron forza para que as oposicións se aprazaran ata o 2021 e se puideran realizar con todas as garantías sanitarias: @Denis Gómez @Guadigalego @María Fumaça @PacoPakolas @Toni García Arias @Miguel de Lira @César Bona @Bea Campos de Kalandraka @Abel Barandela @Pepo Suevos @Tonhito de Poi @Toni Lomba @Suso Cortegoso @Paco Nogueiras @Ruben Riós @Kiko da Silva @O Carrabouxo @Xiana Lastra @Inés De Vacas @Paula De Vacas @La Seño @Éche o que hai @Benito Soto Troleada Galega @Andrea de Profesorareando @Yolanda Vázquez @Fer González @Federico Pérez @Susana Seivane @Sabela Hermida @Lucía Pérez @Paula Carballeira @Isi @Tiruleque @Xurxo Souto @Alberto Mvundi @Fran Lareu @Luiso García @Musicreques @Óscar Suárez @Fernando salgado @Rosa Estévez @Xico de Carinho @Ana Meilán @Luis Tosar @Josito Porto @Agustín Leirós @Miguel Ángel Alonso diz @Cé Orquestra Pantasma @Mónica Grapa Caramés @Mamá Cabra @Susana Seivane @Baia Fernandez @Paula Carballeira @Rony macarroni @Cris de Caldas @Sergio pazos @Xulio Ferreiro @Isable Risco @Tatán @Alberto da Sinda @José García Buitrón @Leandro Lamas @victorrivasdilustrador @EBarcala @senen08. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta