A USC sanciona dous alumnos polo colapso do Campus Virtual

A institución impídelles o acceso preventivamente e asegura que foi vítima dun ataque informático utilizando "boots".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela bloqueou o acceso preventivamente ao Campus Virtual a dous alumnos polo colapso rexistrado esta semana na plataforma.

A institución académica asegurou que estes usuarios utilizaron ferramentas de repetición de accións ou función para xerar un tráfico desmesurado no espazo virtual nun breve espazo de tempo o que, segundo indican, impediu o acceso á plataforma a un numeroso grupo de alumnos.

A USC xa notificou a suspensión cautelar da conta a estes dous estudantes, tras ser identificados e recoñecer a autoría e implicación nos feitos.

Segundo indica a institución, xerouse un tráfico equivalente a máis de 12.000 conexións simultáneas, que vulnerou "o correcto funcionamento" das ferramentas virtuais.

Neste sentido, realizou un chamamento "á responsabilidade" da comunidade universitaria, tras insistir en que a maioría do alumnado utiliza o servizo con normalidade e advirte de que este tipo de accións, que "prexudican ou impiden o acceso doutros usuarios", representan actuacións "sancionables tanto no contexto do regulamento do uso do TIC na USC como do propio ordenamento xurídico", a través do Código Penal.

PROTESTA DE ALUMNOS

Os feitos déronse por mor dunha protesta do alumnado pola xestión da crise sanitaria e do final do curso. As redes sociais e os grupos de estudantes en 'whatsApp' fixéronse eco da convocatoria a colapsar os servizos da plataforma virtual ás 12,00 horas do martes e repetiuse novamente durante a tarde, chamando aos alumnos a facer uso desta ferramenta para visibilizar os problemas desta infraestrutura.

Os servizos da institución resentíronse e varios alumnos compartiron 'pantallazos' dos erros informáticos a través dos seus perfís sociais. O obxectivo da convocatoria era evidenciar as carencias tecnolóxicas da institución académica para soportar a carga de tanto alumnado conectado ao mesmo tempo, e a preocupación polas avaliacións finais que se realizarán de forma telemática.

A USC, pola súa banda, asegura que os servizos técnicos se atopaban traballando en tarefas orientadas en fortalecer o sistema, que "xa funciona correctamente", o que suscitou as queixas dos usuarios e participantes na protesta.

A través do seu perfil de 'Twitter', a institución informaba de que se trataba de probas de tensións ao sistema que foran solicitadas desde a CRUE-TIC, que se executaron a esa hora aproveitando "o ataque 'bot' por parte dun colectivo do alumnado" como "unha boa oportunidade de análise".

"De modo consciente, non se estableceron devasas previas", indican, o que levou a que parte dos usuarios non tivesen acceso durante uns minutos. "Sistema asegurado, mellorado e listo para o funcionamento masivo", conclúen na súa mensaxe. O alumnado, con todo, non se mostrou convencido coas explicacións achegadas, sobre todo despois de que a protesta chegase a ser trending topic estatal co lema '#AsiNonUSC'.

REFORZO DO SISTEMA

Pola súa banda, a institución asegurou que a área TIC implementou medidas para fortalecer o sistema para asegurar "o correcto funcionamento" do Campus Virtual e "evitar situacións non desexadas". "A partir da análise dos resultados obtidos ata o momento, trabállase agora xunto co grupo TIC da CRUE na planificación doutras medidas preventivas como o reforzo dos sistemas de avaliación dos campus virtuais das universidades con sistemas externos redundantes".

A USC tamén engadiu que a información obtida a partir deste suceso foi solicitada, á súa vez, por outras universidades do Estado, que na súa maioría utiliza Moodle como ferramenta de referencia nos campus virtuais.

Convocatoria en redes sociais do alumnado da USC. AAM
Convocatoria en redes sociais do alumnado da USC. AAM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta