'Que quero ser de maior?', unha guía para que a resposta sexa a tecnoloxía e a ciencia

Impulsada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, recolle un total de 37 carreiras e as súas principais saídas profesionais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de publicar a guía 'Que quero ser de maior?'. Trátase dun traballo que parte do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, e que ten como obxectivo lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e que opten posteriormente por carreiras de CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Unha das ilustracións da guía 'Que quero ser de maior?'
Unha das ilustracións da guía 'Que quero ser de maior?' | Fonte: Parque Tecnolóxico de Galicia

Nesta guía ilustrada recóllense as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que de desempeña en cada unha delas e a súa utilidade na sociedade actual. Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia consideran que poden "contribuír en gran medida ao aumento da presenza feminina en carreiras STEM". "A promoción destas vocacións é unha das actividades pola que máis estamos a apostar nos últimos anos, sobre todo polo impacto que estas poden ter no desenvolvemento dun sistema de innovación competitivo, para o cal é indispensable contar co 100% da sociedade”.

No campo da Arquitectura e Enxeñería destácanse as seguintes titulacións: Arquitectura; Camiños, Canles e Portos; Minas; Montes; Agronomía; Topografía; Xeodesia e Cartografía; Automática e Electrónica Industrial; Telecomunicacións; Imaxe e Son; Naval; Aeronáutica; Industrial; Química; Reciclaxe e Informática.

E no eido das Ciencias da Saúde abórdanse estoutras: Enfermería, Farmacia, Fisioterapia, Medicina, Logopedia, Odontoloxía, Veterinaria, Podoloxía, Nutrición e Ciencias dos Alimentos, e Biotecnoloxía e Xenética. E no campo das Ciencias: Matemáticas, Estatística, Bioloxía, Bioquímica, Xeoloxía, Ciencias Ambientais, Antropoloxía, Oceanografía, Física, Química, xunto a Óptica e Optometría.

CURIOSIDADES CIENTÍFICAS

Ao longo da guía tamén se amosan unha serie de curiosidades para a rapazada máis moza, como por exemplo, o primeiro robot humanoide da historia, chamado Elektro, que se exhibiu no ano 1939. Tiña unha altura de 2,10 metros e 120 quilos de peso. Podía ver e distinguir cores grazas a unhas células fotoeléctricas. Tamén era capaz de moverse, levantar os brazos, contar cos dedos ou mesmo cantar.

Tamén se explica que é posible que unha persoa poida ter dous tipos distintos de ADN ou que a que a montaña máis alta da Terra é o volcán Mauna Kea, de máis de 10.000 metros de

altura, situado na illa de Hawai.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta