A Deputación de Pontevedra vai recorrer a sentenza que recoñece como empregados a 38 exbolseiros

"Imos chegar, se é necesario, ao Tribunal Supremo", asegura Carmela Silva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra recorrerá ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a sentenza que recoñece como empregados a 38 exbolseiros da administración provincial. "Imos chegar, se é necesario, ao Tribunal Supremo", asegurou a presidenta provincial Carmela Silva ao anunciar o recurso da Deputación.

Así se pronunciou en relación á sentenza do pasado 12 de maio, do Xulgado do Social número 4 da cidade do Lérez, que condena a institución provincial a recoñecer como relación laboral e non formativa a que mantiña con 38 exbeneficiarios do seu programa de bolsas, despois de que Inspección de Traballo levantase acta en 2018 e atopara que estas persoas eran traballadores encubertos.

Carmela Silva respondeu á pregunta formulada no Pleno pola deputada do Partido Popular Pepa Pardo, que se interesou polas medidas que vai adoptar a Deputación ante esta sentenza desfavorable. "Imos defender o público", anticipou a presidenta, que quixo que fosee o deputado Carlos López Font o encargado de facer "algunhas aclaracións" sobre este asunto.

UN PLAN "HERDADO" DE LOUZÁN

Carmela Silva lembrou que este plan de prácticas laborais é "un plan herdado" que foi posto en marcha no ano 2012 cando era presidente da Deputación o popular Rafael Louzán. Di que cando se produciu un cambio político no ano 2015 "a este goberno non lle gustaba" e modificouno, polo que agora está en vigor un modelo de contrato en prácticas.

Con todo, durante algún tempo mantívose porque se considerou que "aquel plan cumpría coas normas" e estaba "asumido" polo Goberno do Estado. "Imos defender ese plan aínda que non sexa o noso plan", insistiu Silva.

López Font explicou que no ano 2016 "co obxectivo de tentar cambialo e melloralo" introducíronse cambios no Plan de Prácticas Laborais anterior e no ano 2017 púxose en marcha o novo plan "máis garantista e con máis dereitos". No 2019 tivo lugar "un cambio definitivo" e apróbase o novo plan, denominado 'O teu primeiro emprego', que se basea nun contrato de prácticas con "todas as garantías".

"Sorpréndeme moitísimo que veñan cuestionar este goberno por este tema", dixo o deputado socialista. "Lamentamos moito que hoxe sexa o mundo ao revés", engadiu.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta