"Cada día cancélanse 20 ou 30 verbenas. Pedímoslle á Xunta que saque un protocolo para a súa celebración xa"

O sector das orquestras e derivados, así como os concellos, urxen a determinación das condicións que deben cumprir para salvar a tempada: "Se esperamos 15 días máis, igual non hai orquestras". O Goberno galego, pola súa parte, di que a elaboración dese plan de seguridade corresponde ao Executivo central.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/06/2020 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reclamou á Xunta que estableza un protocolo de seguridade para as verbenas ante o inminente comezo do verán e a próxima finalización do proceso de desescalada. Mentres, o Executivo galego trasladou esta demanda ao Goberno central, ao que sinalou que corresponde esta competencia durante o estado de alarma e explicou que, tras o mesmo, o control das celebracións deberá ser asumido polos concellos.

De feito, a elaboración desta guía permanecerá pendente ata a aprobación do real decreto lei no que se recollerán todas as medidas sanitarias que será necesario manter fronte á COVID-19 unha vez se levante o estado de alarma nos distintos territorios.

O sector tamén urxiu que se detallen as condicións nas que se deberán realizar estes eventos co obxectivo de evitar o peche das empresas ligadas aos mesmos que, segundo asegura, verán reducida a súa recadación anual entre un 60% e 70% en 2020.

Os representantes de orquestras insistiron ademais na necesidade de que se articulen axudas que permitan evitar o peche deste colectivo, que xera 5.000 empregos directos en grupos musicais, ademais de beneficios á hostalaría, empresas de pirotecnia e propietarios de atraccións de feira.

Nun contexto marcado pola suspensión das verbenas que se celebran cada ano na práctica totalidade das parroquias galegas e un proceso de desescalada que non contempla a continuación desta actividade en ningunha das súas fases, a Fegamp, a Xunta e o sector participaron en varios encontros nos que se contrapuxeron posicións respecto da administración que debe determinar as medidas de seguridade destes eventos.

Ante esta situación, en declaracións a Europa Press, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, lembrou que, aínda que segundo a Lei de espectáculos públicos e actividades de Galicia a seguridade dos eventos corresponde aos concellos, estes carecen de persoal cualificado para elaborar un protocolo de seguridade que preveña contaxios por COVID-19 nas verbenas. Por iso, reclamou que se lles facilite unha guía de actuación.

Neste sentido, o tamén alcalde de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) sinalou que "o seguinte paso" leva que se determine se ese protocolo será elaborado polo Executivo que preside Pedro Sánchez ou a Xunta. Así, remarcou que un concello que pretenda acoller un evento necesita coñecer, ademais da ocupación máxima, as medidas de desinfección que se deben aplicar no espazo no que se celebre.

"Non podemos entender que a responsabilidade (do control da seguridade) sexa dos concellos dada a situación actual", lamentou á vez que resaltou que, a diferenza do Executivo galego e o central, os gobernos locais carecen de competencias en materia sanitaria.

Na mesma liña, explicou que a Fegamp se mantén en contacto con distintas administracións e o sector co obxectivo de alcanzar "un punto de entendemento", aínda que advertiu que os municipios non poden "traballar a cegas" neste ámbito. "Hai plans de emerxencia para este tipo de celebracións, pero a particularidade (deste ano) é que medidas pomos para que non haxa un foco de contaxios", explicou o rexedor socialista.

Adicionalmente, remarcou a importancia de que as comisións de festas, que exercen como as principais contratantes na comunidade, dispoñan de "seguridade" para celebrar estes eventos.

POSICIÓN FAVORABLE DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta mostrouse favorable á celebración de verbenas durante este verán, aínda que incidiu en que a continuación da actividade debe estar "condicionada polas características derivadas da pandemia e a que se manteñan todas as medidas de seguridade necesarias".

O Goberno galego tamén asegurou que conta coas orquestras na súa "folla de ruta" para facilitar o seu labor e destacou que traballa en "varios escenarios posibles" para planificar a actividade do sector.

Así mesmo, volveu  sinalar que as condicións destas celebracións "deben ser marcadas polo Goberno central mentres dure o estado de alarma". Por iso, chamou a esperar a que se comuniquen as responsabilidades que o Executivo que preside Pedro Sánchez delegará nas comunidades autónomas no marco do avance do proceso de desescalada para abordar esta situación.

DEMANDAS DO SECTOR

Mentres, o director de Gaias Eventos Musicais, Víctor Antón, incidiu na necesidade de contar cunha guía nun prazo de dúas semanas e esperou que sexa o Executivo galego o que asuma a súa elaboración tras a finalización do estado de alarma.

"Pedímoslle á Xunta que dea un paso á fronte e que saque un protocolo xa", afirmou tras chamar a todas as administracións a "sumar esforzos" para evitar "consecuencias nefastas" para "toda a economía galega". Deste xeito, remarcou a importancia de que os distintos colectivos ligados a estes eventos, como feirantes, orquestras e establecementos hostaleiros móbiles, poidan adaptarse á 'nova normalidade'.

A este respecto, considerou que o Goberno autonómico debe deseñar esta guía de acordo con instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e apuntou que, despois, os concellos poderían "avaliar as súas necesidades e competencias para permitir estes eventos e asesorar a colectivos organizadores".

O secretario xeral da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega), Pablo Franco, criticou que se fixaron as medidas de seguridade para espectáculos celebrados con público sentado, pero non para os demais.

PECHES E CANCELACIÓNS

Victor Antón remarcou a importancia de dispor deste documento en xuño para "salvar os máximos postos de traballo (posibles)". "Se esperamos 15 días máis, igual recibimos o permiso para celebrar festas seguras, pero non hai orquestras", alertou tras sinalar que "cada día cancélanse 20 ou 30 verbenas".

Así, o director de Gaias Eventos Musicais avanzou que se espera que se pechen sobre o 80% destas empresas dado que se prevé que a facturación este ano represente o "30% ou 40%" da do anterior, así como que "máis do 50% do sector" non poida retomar a súa actividade este verán.

O director desta axencia de contratación de orquestras e artistas apuntou á posibilidade de que establezan medidas como a distancia social e a limitación dos horarios e da ocupación. No entanto, insistiu na necesidade de que se estude a ampliación da afluencia máxima "en canto sexa posible".

O responsable da maior oficina de orquestras da comunidade tamén sinalou que podería modificarse o modelo da amenización das verbenas para axustarse á normativa de seguridade. Así, Antón expuxo que as orquestras poderían levar a cabo "un espectáculo musical equivalente ao que podería representar un teatro ou un cinema" e mesmo que o público o presenciase sentado.

Ademais, o secretario xeral de Asevega recalcou que o confinamento causou que as comisións de festas non puidesen recadar fondos, o que, ao seu xuízo, dificultará a realización da maior parte das verbenas este verán.

Por este motivo, detallou que o sector reclama apoios para estas comisións, que representan as promotoras da maior parte das verbenas da comunidade, así como axudas que permitan retomar a actividade e programar eventos para este verán.

Verbena en Mesía.
Verbena en Mesía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta