Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/02/2013 | Actualizada ás 10:04
A pasada madrugada a patronal estatal de grandes superficies, ANGED, asinaba cos sindicatos FASGA e FETICO un novo convenio que, en opinión da central CIG, supón unha enorme involución para os dereitos laborais e condicións de traballo no sector dos grandes almacéns.
A CIG-Servizos realizou este xoves concentracións de urxencia contra un acordo que calificou de "dereito de pernada" e de "barbaridade". O sindicato nacionalista tamén cualifica de "amarelos" ás dúas centrais que suscribiron os convenios.
O novo convenio pacta unha devaluación salarial, pois conxelan o salario até o ano 2016. Ademais o periodo de vixencia do presente convenio e aumentan de 1770 a 1798 a xornada anual, supondo 28 horas de máis respeito á situación actual. Iso si, estabelece unha disposición pola que existirá actualización salarial se o sector produce "beneficios superiores aos acadados en 2010". En definitiva, traballarán máis reducindo o salario e perderán poder adquisitivo, por moito que os balanzos e directivas dos Alcampos, Carrefour, etc sigan a percibir notábeis gaños.
Festivos e domingos ao igual que o resto da xornada
Unha das regresións máis duras atinxe ao horario. Así, os traballadores e traballadoras poderán ser chamados festivos e domingos sen por iso percibiren maior salario, independentemente da categoría. Dificúltase, así, a compatibilización entre vida laboral e familiar.
Ademais, segundo analiza a CIG-Servizos nunha voandeira que distribuiu nas concentracións urxentes que tiveron lugar este mesmo xoves en grandes superficies como os dous Alcampo de Vigo, "o grupo de inicio amplíase a cinco anos, podendo chegar a tres máis", alén de que "o salario dos contratos formativos será igual ao Salario Mínimo Interprofesional".
Ademais das protestas, que terán continuidade como parte da campaña informativa, a federación de servizos fai un chamado a boicotar "os sindicatos sen escúpulos que nos venden á patronal, elimando dereitos que tanto custou conseguir". Por iso, a CIG continúa a demandar convenios galegos.
Velaquí o vídeo da protesta en Vigo:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.