Por Galicia Confidencial | Madrid | 18/07/2020 | Actualizada ás 22:00
O quecemento do mar pode conducir á extinción de macroalgas nas Rías Baixas nas próximas décadas. Así o conclúe un estudo asinado por investigadores do Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab da Universidade de Vigo, do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal) e do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía da Universidad Rey Juan Carlos (Madrid).
O estudo, liderado por Marisela Des Villanueva (Ephyslab) e publicado na revista científica Marine Environmental Research, analiza a evolución da distribución de dúas especies de macroalgas (Himanthalia elongata e Bifurcaria bifurcata) coas temperaturas e a estratificación estimada para finais de século. O que se predí é que H. elongata (coñecida como correola, espaguete de mar ou cinta) e macroalgas con similar tolerancia térmica “poden extinguirse localmente” polo quecemento do mar, que á par “favorecerá a B. bifurcata [da clase das algas pardas] e outras macroalgas de tolerancia térmica similares”.
“Os resultados mostran que H. elongata se extinguirá nas Rías Baixas a fins de século, mentres que B. bifurcata persistirá e pode ocupar o espazo libre potencial que deixa o declive de H. elongata”, explican os científicos.
Isto débese a que a B. bifurcata ten un umbral de supervivencia térmica superior ao de H. elongata. A análise da idoneidade do hábitat térmico para B. bifurcata mostrou que “as condicións térmicas para fins de século poden favorecer o asentamento destas macroalgas e outras especies formadoras de hábitats cunha tolerancia térmica similar, o que fai que as Rías Baixas permanezan como refuxios para estas especies”, destacan os autores do estudo.
Os investigadores valéronse dun modelo numérico para calcular a temperatura da superficie do mar nos meses de xullo e agosto entre os anos 1999 e 2018, e a súa evolución cara a finais de século, entre 2080–2099. A temperatura media da superficie do mar diaria usouse para desenvolver e calibrar un modelo de distribución xeográfica baseado no limiar de supervivencia térmica de Himanthalia elongata cuxo límite de tolerancia (18 °C) e Bifurcaria bifurcata 24,7 °C), macroalgas que se someteron a unha análise de estrés térmico na que se consideraron varias ondas de calor con duracións entre 6 e 13 días.
PRESENTE E FUTURO
Os datos indican que “as condicións térmicas actuais das Rías Baixas son na súa maioría favorables á presenza de H. elongata”, coas rías de Muros e Arousa coas “condicións máis adecuadas, mentres que as de Pontevedra e Vigo mostran condicións térmicas “lixeiramente menos favorables”.
De cara ao futuro, a finais deste século, as proxeccións no escenario máis pesimista sobre o cambio climático (o RCP 8.5, que contempla un incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro ao longo do tempo) indican que “as condicións térmicas nas Rías Baixas serán letais para H. elongata, o que implica que se prevé que esta especie desapareza”, expoñen os investigadores.
De feito, xa hai claros sinais deste ocaso no mar Cantábrico e na costa portuguesa, onde a súa presenza se foi reducindo notablemente nas últimas catro décadas, como lembran os autores deste estudo.
Os investigadores consideran que os resultados xustifican que a Himanthalia elongata se inclúa na lista vermella de especies en perigo de extinción en España.
Con respecto a B. bifurcata, cuxo limiar de temperatura letal é 6,7 °C maior que o de H. elongata, “os resultados para o presente mostran que as condicións térmicas das Rías Baixas son favorables á presenza desta alga”. “E a finais de século esta situación pode non variar moito, podendo só a parte máis interna das rías volverse inadecuada para estas algas”, esclarecen no estudo.
O quecemento da temperatura do mar ameaza, polo tanto, coa extinción de algas como a H. elongata nas Rías Baixas, que poderían convertese nun “refuxio climático” para a B. bifurcata e outras especies de tolerancia térmica similar, xa que a tendencia ao quecemento aquí é “menor que en áreas costeiras adxacentes”, conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.