A Xunta saca peito cun agosto "relativamente positivo" en turistas a pesar do aumento de casos

"Creo que hai que lanzar unha mensaxe de esperanza, este mes de agosto está a ser relativamente positivo, sen chegar ao que se esperaría en condicións ordinarias", di o conselleiro de Cultura e Turismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, apuntou que, tras un mes de xullo de resultados moderados, agosto preséntase como "relativamente positivo" para o sector, aínda tendo en conta as expectativas dispares segundo o tipo de aloxamento e a zona e o escenario "tremendamente complexo".

"Os datos de ocupación, obviamente, non son os que nos gustarían a ninguén", dixo o conselleiro, quen, no entanto, explicou que Galicia, dentro das comunidades de España, "está nunha boa posición". Iso, a pesar de que nos últimos días se teñen disparado os casos en Galicia, ao pasar de pouco máis de 200 a case 800 en quince días.

Ademais, lembrou que, dentro do "marco tremendamente complexo" no que se move o turismo este ano, dentro de Galicia tamén hai áreas e tipos de aloxamentos que teñen "sensacións positivas". "Creo que hai que lanzar unha mensaxe de esperanza, este mes de agosto está a ser relativamente positivo, sen chegar ao que se esperaría en condicións ordinarias", dixo Román Rodríguez, para quen "o importante" é manter a actividade turística "viva" e en condicións de saúde para "volver no ano 21 con moita forza".

Entre as áreas que teñen mellores datos, lembrou o conselleiro, está a costa e as áreas naturais, mentres que as cidades van "máis lentas". Ademais, aloxamentos como os pisos de uso turístico ou os apartamentos teñen un nivel de reservas superior. "Facer comparacións co ano anterior é un exercicio de melancolía que non ten ningún sentido", apuntou Román Rodríguez, que, tras o "impacto tremendo" da crise da COVID-19 neste sector "é necesario pór o contador a cero".

Clientes nunha terraza
Clientes nunha terraza | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta