Procurando Maggy desesperadamente

Nesta cuadraxésimo segunda entrega de 'Viaxes sen Lee', o navegante emocional Gabriel Rei-Doval sobe a por aire á vila de Roslyn (Washington), coñecida por moitos como Cicely (Alaska)

Por Gabriel Rei-Doval | Roslyn (Washington, USA) | 20/08/2020 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A historia das feridas familiares de Ed deixárame tocado en Seattle e subín a por aire ata Roslyn. A subida -emocional e física- con desniveis montañosos de vertixe, retou por momentos a virilidade automotriz de Auris. Mentres Snoqualmie Falls quedaba á esquerda da Interestatal 90, esperaba deixar tamén atrás aquel inquietante black lodge que me viña retando desde Wisconsin en duelo interminable coma demo sobre rodas.

Procurando a poesía en Cle Elum Lake
Procurando a poesía en Cle Elum Lake

Roslyn parecía un lugar empático. Aparquei en Pennsylvania Avenue onda a abandonada KBHR e deixeime conquistar polo seu engado de vila pequena onde a rexouba é ben de interese cultural e non se pon o intermitente porque todo o mundo sabe onde vas. Alí, na montaña de Washington de alces en ralentí, minería extinta e tótems policromados, respirei aliviado e morriñento coma doutor en Wisconsin, ou era Alaska?

Maggy, que de cando en vez seguía roldando os meus pensamentos, marchara abofé do meu corazón. Ás veces o maxín xóganos malas pasadas e percibímo-las rosas vermellas coma perennes malia as espiñas térennos ensanguentado os dedos mentres aramos en alterado mar.

O instinto de chamán en adestramento dicíame que Maggy tornara en sombra fuxidía e tan arruinada coma as outrora eternas almeas de Gormaz. Un pregúntase pola persistente obnubilación coas procuras desesperadas e as resistencias numantinas que desacougan a mente coma treboadas estériles en teteiras de papel charón.

Así son as procuras desesperadas: prolegómenos de afundimento seguro, competencia absurda con Neptuno por aboiar en maresía displicente. Sabémolo desde o principio dos tempos e porén teimamos na insoportable levidade co ser encadeado ó amargo áloe. Mesmo así, nada é de balde: áloe vera é tamén remedio natural ás doenzas da pel e a alma humanas.

Agardando por Lucidity en The Brick
Agardando por Lucidity en The Brick

Abandoneime a procurar Maggy por toda Pennsylvania Avenue coma se dunha idea ou sensación se tratase, desesperadamente quixen entrar nun Roslyn Café pechado, cavilei en obter respostas lacónicas de Marilyn e ata cismei en pedir consello á verbosidade infinda de Joel. Mais foi no silencio do cemiterio de Roslyn onde visualicei os calotes do vendado que me vendera demasiado tempo. 

Era tempo de soltar amarras e deixar marchar pantasmas derradeiras coma follas caducas de outono serodio. Con esa determinación baixei ata o museo local onde Garrett, músico comarcal fascinado por Santiago e con intuición para os acentos xacobeos, me convidou a unha Lucidity Pilsner en The Brick Saloon

Alí, a dous mil douscentos viente e dous pés de altura das Cascade Mountains, de súpeto algo mudou o meu punto de encaixe. Sen saber como, acordei nun concerto tipo verbena oitenteira mugardesa con mozos e pícaras locais a bailaren con desenfado as pezas de Free Beer at Exit 80. 

Nunha destas enganchóuseme no pescozo unha pícara de liso cabelo curto e traidores ollos verdes, bailando coma Maggy en ronsel de avioneta. Con forza de siroco e danzar sinuoso foime arrastrando ata un extremo do salón estreito e rectangular, onda uns candelabros de base dourada. 

Cando quixen preguntar sobre o seu liderado dancístico a música rematou e a morena de ollos verdes arriou as mans do meu pescozo cal beliscado cabo de norai. Ó meu fite escrutador respondeu con ollar supernova e présas de Cincenta a medianoite. E así, falándome con silencio ausente de estrela afastada, enxerguei a absurda mitificación de Maggy en estéril torre de Nembrot. Ela saíu en raudo silencio da sala mentres o seu aroma a carmín vermello acababa de esvaerse ó longo de Pennsylvania Avenue.

E así acordei daquel soño lúcido coa máis temperamental piloto de avionetas estadounidense. O seu arrecendo fuxira silandeiro coma bolboreta de soño murcho en noite constelada. E, sen decatarme como, aparecín en Cle Elum Lake, ceibe de procuras desesperadas e aceptando como propia unicamente a procura do maletín de Walter Benjamin, a procura da poesía.

No corazón de Roslyn (Washington), tamén coñecida como Cicely (Alaska)
No corazón de Roslyn (Washington), tamén coñecida como Cicely (Alaska)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA