Por Walter Burns | Santiago | 01/04/2013 | Actualizada ás 14:20
A relación de Alberto Nuñez Feijóo con narcotraficante Marcial Dorado foi máis alá de paseos puntuais en iate polas rías. Tamén incluíu viaxes máis longas, que o político di non lembrar quen pagou. Unha delas poida que fose a Andorra, onde a Xustiza investiga se o delinquente preso blanqueou capitais.
Esta é unha das conclusións que se tira da rolda de prensa convocada este mediodía polo presidente da Xunta para dar explicacións das súas fotos con Dorado.
Andorra ou os Picos de Europa?
O político dixo que "equivoqueime cando falei con El País, creo que non fun con el a Andorra, había nieve, parece ser que eran os Picos de Europa (...) si que había neve (...) parece ser que eran Los Picos (...) no me acuerdo".
Cuestionado sobre quen pagou esa viaxe e outras Feijóo deu largas. "Cada un pagaría o seu ou sería invitado, pero non me pida facturas de hai 20 anos", indicou.
Contratos a empresas do narco
Preguntado se, como informou GC citando fontes de Compromiso por Galicia, adxudicara contratos a empresas do contrabandista, Feijóo foi taxante. "En relación con contratos no SERGAS, eu non tiven, nin asinei, nin fixen ningún tipo de contrato con ningunha empresa relacionada coa persoa que sae nas fotografías, aresposta é non en absoluto", engadiu.
Despois, o mandatario insistiu que tampouco cando traballou para a Administración Central adxudicou nada a compañías de Dorado.
Feijóo alega que non sabía que era un narco, malia que fora detido na Operación Nécora
Sobre a súa evidente relación co delincuete, a súa defensa pasa pola ignoracia porque "cando o coñecín non sabía nada sobre o seu pasado ou sobre a súa actividade", malia que era público e notorio en toda Galicia que Dorado fora detido na Operación Nécora.
O presidente da Xunta esgrimiu tamén a súa suposta "inxenuidade" e "ignorancia" respecto aos turbios negocios de Miguel Cruz López, dos que informou en primicia GC, quen introduciu ao político no círculo de amizades do narco.
Cruz López, a quen o propio Feijóo chamou "amigo", faleceu en extranas circunstancias tras actuar como testaferro e facer negocios con varios narcos e políticos do PPdeG.
Culpa ao seu amigo Cruz de non contralle a verdade sobre os negocios cos narcos
Sobre el, Feijóo dixo que "o señor Cruz negou sempre ser testaferro do señor Dorado e sempre negou que tivese algún tipo de negocio do señor Dorado". Ante a evidencia de que compartiran empresa Feijóo engadiu que "probablemente non me contase toda a verdade". O presidente tampouco quixo aclarar se non lle sorprendera o elevado nivel de vida do seu amigo cando era un simple chofer da Xunta.
Feijóo deu a entender que chamou a varias persoas para poder dar explicación "claras" da cronoloxía da súa relación co narcotraficante. Así relatou que "creo que o coñecín [a Dorado] a partir do 94, ou do 95, e no ano 98 coñezo a través dun medio que ten unha causa pendente e partir a relación diminúe (...) a última vez que o vin foi no enterro de Manuel Cruz no ano 99".
A mediados dos 90 os xornais xa publicaran a detención de Dorado na Operación Nécora, pero Feijóo asegura que cando se enterou disto preguntou e respondéranlle que o delincuente fora absolto, polo que só cortou a relación cando os medios publicaron que tiña causas pendentes coa xustiza. Ao respecto o político deu a enteder que pecou de inxenúo.
Advertencia aos medios
Na comparecencia, Feijóo acusou indirectamete aos medios de querer "estirar" unhas fotos de hai vinte anos. Tamén advertiu que denunciará a quen use as fotos para difamalo.
Mentindo sobre Anxo Quintana
Cuestionado porque el pedira a demisión do vicepresidente da Xunta por unhas fotos no iate dun empresario que nunca foi procesado, Feijóo mentiu. "Nin antes nin agora fixen ningunha tacha de honorabilidade ao señor Quintana" dixo tranquilamente malia que el pediu a dimisión de Anxo Quintana (BNG) polas imaxes no iate do constructor Jacinto Rey.
É máis, nun alarde de surrealismo tentou culpar ao daquela presidente Touriño (PSOE) de que el mesmo pedira a dimisión de Quintana, pois Touriño pedira explicacións públicas ao seu vicepresidente.
Por que saen estas fotos agora?
E quen está detrás da publicación agora dunhas fotos que Feijóo sabía dende 2004 estaban no poder dos medios de comunicación? O presidente da Xunta deu a entender que o PSdeG, quen no pasado fixo alusións aos vínculos do conservador co narcotráfico.
Mais é raro que os socialistas filtren agora imaxes cando non hai eleccións á vista en Galicia. O que si hai cada vez máis é rumores dun posíbel salto de Feijóo á politica estatal, na que se ten pronunciado a prol de que o PP dea máis explicacións sobre o caso Gürtel.
Feijóo desbotou que a filtración veña do PP de Madrid. O líder asegura que informou da existencia das fotos no seu intre a Manuel Fraga e Mariano Rajoy.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.