José Cela asume a Alcaldía de Moraña substituíndo a Luisa Piñeiro, nomeada delegada da Xunta en Pontevedra

O novo rexedor avanzou que a acción do goberno será "continuista" porque non é preciso "cambiar o que funciona".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2020 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O goberno local de Moraña xa tomou unha decisión, tras reunirse os seus membros, e proporá ao ata agora tenente de alcalde, José Cela, como futuro rexedor do municipio en substitución da popular Luisa Piñeiro, nomeada este xoves como nova delegada territorial da Xunta en Pontevedra, cargo do que tomará posesión o vindeiro luns.

Segundo informa o Concello nun comunicado, o acordo do goberno foi "unánime" para que José Cela sexa proposto ao pleno da corporación municipal como novo alcalde, nunha sesión de investidura que aínda non ten data, pero que será en breve prazo, tras a reorganización das competencias e das áreas municipais.

O futuro alcalde ten 56 anos, é veciño do lugar de Alende, na parroquia de Santa Xusta, e ten dous fillos.

Concorreu no número dous da candidatura do PP nas municipais de 2019 e é o edil con máis experiencia do goberno local, xa que pertence á Corporación e ao goberno desde xuño de 2011, acompañando a Luisa Piñeiro no seu tres mandatos.

Cela agradeceu a Piñeiro a súa confianza ao longo desta década e tamén "o inmenso traballo e legado" que deixa en Moraña, e tamén estendeu a súa confianza aos seus compañeiros do goberno pola confianza que depositan nel para esta nova etapa.

Finalmente, avanzou que a acción do goberno será "continuista" porque non é preciso "cambiar o que funciona". "Cando emprendemos este proxecto, todos tiñamos moi claro e estabamos de acordo no camiño a seguir para Moraña", concluíu.

Luisa Piñeiro
Luisa Piñeiro | Fonte: pontevedra viva

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta