Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/04/2013 | Actualizada ás 15:47
O presidente da Xunta empregou cinco minutos, da hora que durou en total a súa intervención, para aclarar as dúbidas que puidera haber na súa amistade con Dorado. E iso, a pesares de que a súa comparecencia era, enteiramente, para falar dese asunto. Fíxoo a través de 23 cuestións que el mesmo se respostou.
Nestas preguntas volveu insistir no que xa dixera con anterioridade, que a súa amizade co narco era "só de ocio" e que a cortou en 1997 cando soubo da súa implicación en xuízos relacionados co narcotráfico.
Sen embargo, e como desvelou o xuíz Taín, houbo conversas entre Feijóo e Dorado entre 2001 e 2003. E de que falaron entón?. "Chamoume para felicitarme un cumpreanos ou un Nadal, xa non lembro ben", dixo e volveu insistir en que rompeu a relación con el en 1997 "e xa non o volvín ver". "Que curioso. A min ninguén que non coñezo ou que non é un bo amigo me chama polo Nadal ou para felicitarme o cumpreanos", ironizou o socialista Pachi Vázquez.
As viaxes
O presidente galego tamén aclarou que nunca estivo só en compaña de Marcial Dorado, senon con outra xente, "con algúns tiña máis contactos que con outros", matizou. E a onde foi?, "estiven con el nos Picos de Europa, Baleares, Tenerife e Portugal pero nunca en Suiza ou Inglaterra", engadiu.
"E como é posible que non estivera ao tanto das súas actividades delictivas cando todos na Arousa sabía quen era?", espetoulle Jorquera. "Mentres o coñecín non sabía que estivera preso e non sabía que tivera procesos xudicias", foi a resposta de Feijóo. E iso que, na altura, xornais como El Pais, La Voz, ABC ou El Mundo xa publicaran destacadas reportaxes sobre as actividades contrabandísticas de Dorado.
"Non lle importan" máis fotos
Sobre a posibilidade de que haxa máis fotos, "nin o sei nin me preocupa. Quizais Pachi Vázquez o saiba", ironizou.
Feijóo resumiu, así, en cinco minutos as cuestións máis candentes da súa amistade con Dorado. "Son as 23 preguntas que se faría calquera galego e xa están contestadas", díxose a si mesmo ao tempo que insistiu en que el "deu a cara" e a oposición "non deu a talla".
GC publicará nos próximos días novos datos sobre as relacións do PPdeG cos narcotraficantes, labor para o que pide a contribución informativa e económica dos seus lectores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.