A Xunta: "Sería unha hecatombe que se recorte o 10% das axudas da PAC en Galicia"

Perderianse 200 millóns de euros. A Xunta confía en "ser quen de darlle a volta a esta proposta" coa axuda de Francia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

Galicia perderá 200 millóns de euros procedentes da política agraria común (PAC) no novo período (2021-2027) respecto do recibido no actual (2014-2020) se se aplica de forma proporcional ás comunidades autónomas o recorte previsto, situado en torno ao 10%. Sería "unha hecatombe" para o sector, en palabras do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros Guinarte.

Así se pronunciou Balseiros Guinarte a preguntas da deputada do PP Elena Candia, na comisión de agricultura, na que a popular se interesou polos fondos, en concreto para a provincia de Lugo, e mostrou o "rexeitamento" do seu grupo a que finalmente se materialice "un recorte" no orzamento da PAC.

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias advertiu de que se está "nun momento crucial" e "tremendamente importante en canto ao posible resultado" desta política comunitaria.

Neste escenario, "Galicia está a actuar dunha forma leal", de apoio ao Goberno central, e confía en "ser capaces", co respaldo doutros países como Francia, "de darlle a volta a esta proposta e que a definitiva non teña ningunha redución e sexa polo menos a mesma que había ata agora". E é que a Xunta, subliñou, non entende que o orzamento comunitario se incremente "e con todo a PAC" sufra "unha redución do 10% aproximadamente".

EFECTOS DA COVID

Aínda que si comprende "que como consecuencia da covid haxa que facer unha redistribución dos fondos", o Executivo autonómico, segundo expuxo o alto cargo da Consellería de Medio Rural, cre que "non debe ser a conta da redución da PAC".

E é que, ao seu xuízo, a pandemia fixo ver "a representatividade e eficiencia" do sector primario, xa que agricultores e gandeiros "souberon seguir producindo nun momento complicado". "Se o recorte previsto do 10% se aplica de forma proporcional ás comunidades autónomas, para Galicia significaría unha hecatombe, coa perda de 200 millóns de euros", incidiu.

O director xeral de Gandaría, en comisión. CAPTURA
O director xeral de Gandaría, en comisión. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta