O BNG esixe á Xunta que deixe de "mirar para outro lado" e que retire o ERTE das fábricas de Cee e Dumbría

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que á Xunta "dixémoslle que non permitise a venda destas fábricas, sabía que había unha fraude".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/09/2020 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta "non mirar para outro lado" e reclamar a retirada do expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) para os traballadores de Xeal (antes Ferroaltántica) das plantas de Cee e Dumbría.

"Está a repetirse unha especie de estafa ao conxunto da sociedade, primeiro Villar Mir e agora este fondo, traballando para desmantelar unha empresa fundamental no tecido desta comarca", sentenciou Pontón tras manter unha reunión co comité de empresa.

Da actual situación nas centrais, Pontón dixo que é "responsabilidade directa" da Xunta. "Dixémoslle que non permitise a venda destas fábricas, sabía que había unha fraude", recalcou a dirixente nacionalista para quen Galicia non está "para que se perda un posto de traballo".

Pontón arremeteu tamén contra a política industrial do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da que dixo que "se resume en permitir a Villar Mir, empresario vinculado con financiacion irregular do PP, facer caixa con estas centrais e mirar para outro lado cando a empresa non cumpre cos compromisos".

"Comprometeuse a que ía haber un plan industrial, anunciáronse investimentos, non hai investimentos nin plan industrial só un ERTE que pon en risco moitos postos de traballo", resumiu en referencia á Administración autonómica e a xestión actual. E ante esta situación, reclamou "un plan industrial que dea futuro" e garantir investimentos.

Tamén expuxo recuperar as centrais se non se garante o emprego e o investimento. "Que  poña ás pilas", esixiu ao Executivo galego en materia de política industrial.

VISITA A CORCUBIÓN

Por outra banda, Pontón tamén acudiu a Corcubión, onde mantivo un encontro cos responsables municipais e locais do BNG, cos que abordou a situación do centro do día e das demandas en materia de infraestruturas portuarias.

Do primeiro, dixo que está rehabilitado "e podería entrar en funcionamento, pero está pendente de que a Xunta decida recibir o centro para que os veciños dispoñan dun servizo básico". Respecto diso, avanzou que o BNG levará este asunto ao Parlamento galego.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese co comité de empresa das plantas da antiga Ferroatlántica. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese co comité de empresa das plantas da antiga Ferroatlántica. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta