O PP tomba unha proposta para acordar un protocolo "claro e conciso" para o curso escolar

A oposición censura as "carencias" do proxecto e os 'populares' defenden as medidas da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2020 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

Os votos do Grupo Popular tombaron unha proposta do BNG para instar á Xunta a acordar de modo urxente un protocolo coa comunidade educativa, claro e conciso, para facer fronte á COVID-19, ademais de impulsar medidas de conciliación, a dotación de persoal e de medios técnicos necesarios.

Inicio do curso en Secundaria
Inicio do curso en Secundaria | Fonte: Europa Press.

O nacionalista Manuel Antonio Lourenzo Sobral defendeu a proposta na Comisión 4º, na que denunciou que a crise sanitaria evidenciou as "carencias e a ausencia" dun proxecto para Galicia, en contraste co "exemplo de rigor, responsabilidade e traballo" da comunidade educativa por unha Xunta "na retagarda, desaparecida".

O deputado ironizou co "sainete por entregas" representado cos protocolos autonómicos desde o mes de xullo, que apostou polo metro de distancia desatendendo as recomendacións de 1,5 metros que tiveron que implantar posteriormente o 31 de agosto, sen tampouco recibir ás ANPAs ou aos sindicatos docentes para acordar as actuacións.

A pesar diso, volveuse a recuperar a posibilidade de reducir a distancia a un metro de separación mediante a instalación de biombos que, a diferenza do que defende a Xunta "non eran unha opción" para os casos nos que non se aceptaron as solicitudes de reforzo de profesorado, o que puxo aos centros de Pontevedra "en pé de guerra".

O socialista Luís Álvarez coincidiu co parlamentario do Bloque e lembrou que o documento da Xunta "foi rexeitado por todos os sectores da comunidade educativa", a pesar de que Feijóo se presentou como "campión da xestión" tras unha desescalada "precipitada e mal feita". "O nivel de indignación non ten precedentes", advertiu.

Ovidio Rodeiro, do PP, defendeu con todo o traballo realizado e censurou que se fale de consenso por unha banda mentres se "alentan folgas" polo outro. Neste sentido, quixo lanzar unha mensaxe de "tranquilidade" e reclamou aos representantes da oposición que presenten "medidas concretas" que permitan enriquecer os mecanimos de acción.

NORMALIDADE DE INICIO DE CURSO

Previamente, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luís Mira, acudiu á mesma Comisión para responder a unha pregunta formulada polo deputado socialista Luís Álvarez, que reprochaba a falta de proactividade e de compromiso da Xunta coas competencias educativas e pedía os datos concretos sobre os desdobres aplicados no sistema educativo.

Mira Lema enmarcou á situación como parte dun escenario "distinto" defendeu o traballo desenvolvido polos centros e a administración para organizar o curso, e que desembocou na contratación de 847 profesores para atender as necesidades da COVID-19 en secundaria e bacharelato, 260 para a oferta ordinaria, xunto a outros 240 en infantil e primaria e 543 do programa ARCO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta