Por Galicia Confidencial | Barcelona | 17/04/2013 | Actualizada ás 13:58
O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) ultima con Banco Sabadell a "previsible e inminente" adxudicación de Banco Gallego, ao considerar que a oferta presentada pola entidade catalá é a "máis adecuada", segundo informou o organismo dependente do Ministerio de Economía nun comunicado.
O FROB adopta esta decisión tras recibir as ofertas vinculantes por Banco Gallego --do Sabadell, do portugués Banco Espírito Santo e do venezolano Banesco--, das que tomou razón este martes a súa comisión reitora. As partes agora negocian os termos do contrato que permita que Sabadell adquira Banco Gallego.
A adxudicación está condicionada ao cumprimento dos requisitos legalmente previstos e á obtención das autorizacións das autoridades competentes nacionais e internacionais, segundo explicou o organismo liderado por Antonio Carrascosa.
Con esta adxudicación dáse cumprimento ao mandato de resolución da entidade galega, co obxectivo de minimizar os apoios públicos e garantir a estabilidade do sistema, precisou o FROB. O organismo dependente de Economía considera que esta decisión garante a viabilidade de Banco Gallego, que quedará integrado na entidade presidida por Josep Oliu.
Confirmación do Sabadell
Banco Sabadell xa confirmou, segundo pubica EP, á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) as negociacións co FROB para adxudicarse banco, ata agora, galego.
O prazo para adxudicar Banco Galego expiraba o próximo 30 de abril, aínda que fontes do fondo estatal indicaron a Europa Press que a intención era que o desenlace non se atrase máis aló desta semana. A falta dos últimos flocos, a operación previsiblemente cumprirá coas datas establecidas.
Así pois, a oferta do Sabadell é a que se acabou impondo ás presentadas pola entidade portuguesa Banco Espírito Santo e a venezolana Banesco. Esta última entidade entrou no mercado galego a finais de 2012, cando se fixo coa maior parte das accións de Banco Etcheverría.
O proceso para a venda de Banco Gallego arrincou a finais do mes de febreiro, cando o FROB distribuíu o caderno de venda entre varias entidades e abriu o prazo até o 5 de abril para presentar propostas en firme. O propio director do fondo anunciou en xaneiro que a venda debería estar resolta antes de que comece maio.
As contas do Banco Gallego
A poxa de Banco Galego non inclúe, como xa ocorreu con Catalunya Banc, un esquema de protección de activos (EPA). O FROB controla actualmente o 99,95% de Banco Gallego, a través de NCG Banco, tras provocar unha 'operación acordeón' na entidade, aprobada cos seus votos na xunta de accionistas celebrada en xaneiro.
De acordo coas contas aprobadas nesa mesma xunta, até outubro do ano pasado o banco acumulaba unhas perdas de 275 millóns de euros. En decembro de 2012 transferiu á Sareb activos por 1.025 millóns de euros e en febreiro deste ano o propio FROB cifrou en 150 millóns de euros o desfasamento patrimonial de Banco Galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.