Un dos investigadores pide ao Goberno que solicite a execución da sentenza para a devolución de Meirás

Cualifica de "bastos e espurios" os argumentos da familia Franco no recurso do fallo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/10/2020 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Un dos autores do libro 'Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio", Carlos Babío, reclamou ao Goberno central que pida a execución provisional da sentenza para que o pazo se devolva ao patrimonio público, tal como ditaba o fallo ditado o pasado mes. "O Estado ten unha carta na man para corrixir esta anomalía democrática", esixiu.

Babío, en declaracións aos medios na presentación da cuarta edición do libro, mostrouse "absolutamente a favor" de que o Estado pida "facerse cargo do ben, como tiña que ser desde o ano 1975". Iso si, cre que unha vez que sexa asine a sentenza, "o pazo é do pobo galego" polo que esixe que reverta en "institucións galegas".

O historiador asegura que a familia Franco presentou a semana pasada recurso contra a sentenza e reprocha que os argumentos incluídos no mesmo son "bastos e espurios" xa que, di, tentan "desmontar o relato histórico" da publicación, na que se basearon algunhas conclusións da xuíza na sentenza.

"Aluden á nosa incapacidade por ser persoas ligadas ao activismo antifranquista e militantes do BNG; parece que nos incapacita para falar con rigor ou obxectividade de feitos históricos", denunciou Babío, que remarcou que é "incompatible ser franquista con ser demócrata". Ademais, defende que todo o que se narra no libro está "documentado e contrastado".

PROCESOS XUDICIAIS

Babío lembrou que hai varios procesos xudiciais en marcha por parte da familia Franco contra activistas galegos e cualificounos como "un intento de amedrentar a persoas que lles fan dano desde o punto de vista da normalidade democrática, no plano reivindicativo ou divulgativo".

El mesmo, explicou, comparecerá nuns días en Madrid por unha demanda por suposta vulneración da protección dos dereitos fundamentais á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe por unha intervención nun programa de televisión. "Seguiremos divulgando e traballando para que a sentenza de Meirás sexa firme e para que se recuperen outros bens como a Casa Cornide ou as estatuas do Mestre Mateo", concluíu.

Goretti Sanmartín e o investigador Carlos Babío. DEPUTACIÓN DA CORUÑA - Arquivo
Goretti Sanmartín e o investigador Carlos Babío. DEPUTACIÓN DA CORUÑA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta