“O feísmo galego non existe, é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio de comunicación”

Os profesores Xosé Manuel Santos Solla e María de los Ángeles Piñeiro Antelo veñen de publicar un traballo moi crítico sobre a campaña contra o chamado ‘feísmo’ en Galicia. Falamos co catedrático da Universidade de Santiago.

Por Alberto Quian | Madrid | 20/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

É Galicia a terra do feísmo? Que é o feísmo? Existe o feísmo? Para Xosé Manuel Santos Solla, catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), “o feísmo non existe”. Trátase, na súa opinión, dun concepto ideado para unha campaña de “culpabilización” do rural galego artellada desde elites urbanitas e que vai máis aló do estético para situarse no plano do poder.

Imaxe de portada da 'guía de campo sobre o feísmo' editada pola USC
Imaxe de portada da 'guía de campo sobre o feísmo' editada pola USC

Santos Solla vén de publicar na revista académica Landscape Research un artigo moi crítico con quen artellaron un movemento contra o que chaman “feísmo”. O traballo, asinado canda a súa colega de departamento María de los Ángeles Piñeiro Antelo, apunta a unha “estratexia de poder dirixida a impoñer os códigos culturais das elites dominantes”.

La Voz de Galicia comezou a espallar o termo feísmo a principios desta centuria para describir o que se considera un deterioro paisaxístico-ambiental do territorio galego

Quen son os actores implicados neste movemento? Os autores escriben: “Os medios de comunicación utilízanse para xerar, naturalizar e difundir o problema, mentres que os actores institucionais de diversos niveis (desde o autonómico ao europeo) regúlano e estandarizan, e os expertos que invisten no fenómeno con carácter científico xustifican a necesidade de intervir”.

A orixe da campaña remóntase ao comezo desta centuria, cando La Voz de Galicia comezou a espallar o termo feísmo para describir o que se considera o deterioro paisaxístico-ambiental do territorio galego ante un urbanismo caótico, principalmente no rural.

Coa chegada das redes sociais, algúns expertos sumáronse á increpación pública de construcións e solucións domésticas que consideran un “maltrato da paisaxe”, espallando aínda máis a campaña contra o feísmo. Mais lonxe de ser esta unha iniciativa restauradora da paisaxe rural, Santos Solla e Piñeiro Antelo consideran que o que se procura realmente é unha “subxugación do mundo rural ao urbano”.

“O rural en Galicia foi un lugar de resistencia cultural fronte á homoxeneización urbana dominada polas elites económicas españolas”, argúen os autores no seu traballo, no que engaden: “Pola súa localización periférica, os espazos rurais galegos escapan aos circuítos inmobiliarios ortodoxos e, por tanto, aos criterios estéticos da nova Galicia urbana”.

Os profesores da USC ven no Festival de Cans, no Porriño, un “exemplo destas iniciativas de resistencia”, ao “aportar agro-glamour” ás proxeccións de filmes en instalacións rurais que entrarían, segundo o criterio doutros, no catalógo do feísmo.

Sobre estas e outras cuestión relacionadas co feísmo falamos co profesor Santos Solla.

Á marxe doutras definicións, que é para vostede o feísmo?

Para min o feísmo non existe, ou polo menos procuro non ter prexuízos estéticos. Porén, o concepto de feísmo, que se popularizou no último decenio, fai referencia a aquelas intervencións no medio que son consideradas disruptivas en canto a súa estética, aplicándose de xeito particular ao rural e ás periferias urbanas.

"O do feísmo é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio que se limita a criticar cuestións estéticas sen profundar no abandono do rural"

O feísmo é algo novo, destes tempos?

Como concepto eu penso que é novo, entre outras cousas porque a vivenda rural do campesiñado e da xente do mar non era obxecto de interese. Outra cousa é como se consideraban as innovacións introducidas nas vivendas e edificacións das elites, desde as urbanas ás rurais. Aínda que non sei moito dese tema, entendo que eran valoracións estéticas máis relacionadas coa arte. Obviamente, as críticas estéticas van acompañadas de valoracións morais que, entendo, nese caso son de carácter horizontal, é dicir entre grupos sociais dominantes. Agora o que se produce é unha valoración moral de arriba para abaixo.

Pódese falar de feísmo como un estilo singular de Galicia?

Eu penso que non. Entendo que o singular é a organización territorial e a desorganización que se estendeu sobre todo a partir da década de 1960 co abandono masivo dos campos, o crecemento incontrolado das cidades e a nova ruralidade vinculada primeiro aos emigrantes galegos e logo á neo-ruralidade.

Que opinión lle merece o movemento contra o feísmo?

Como non creo que exista o feísmo, a miña opinión é moi crítica. Opino que é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio de comunicación que se limita a criticar cuestións estéticas sen profundar noutros aspectos máis relevantes, como o abandono do rural. Como contrapartida, impulsa campañas sobre as paisaxes máis bonitas nas que, paradoxalmente, sempre están ausentes as persoas.

"A campaña contra o feísmo lémbrame á actual relacionada coas ocupacións de vivendas na que, de novo, o problema da vivenda é banalizado"

En relación co anterior, está xustificada a campaña en redes sociais e prensa contra o feísmo?

Non. En certa medida, lémbrame unha campaña actual relacionada coas ocupacións de vivendas na que, de novo, o problema da vivenda é banalizado.

Desde un punto de vista crítico, falan no seu artigo da existencia dun Discurso Autorizado da Paisaxe. Que caracteriza este discurso e que se pretende con el?

A idea de Discurso Autorizado da Paisaxe resulta dunha adaptación do concepto de Discurso Autorizado do Patrimonio. Na realidade, xa desde algún tempo esta idea está presente cando se fala de paisaxe canónica. Por exemplo, a paisaxe de montaña vinculada con Cataluña. O discurso paisaxístico galego está inspirado na interpretación da obra de Rosalía, destacando conceptos como harmonía, rural, chuvia, verde, morriña… que transcende o carácter da xente: dócil, inxenua, pouco segura de si mesma (non sabe se sobe ou baixa), etc. É interesante a obra de Helena Miguélez que profunda nestas lecturas en feminino de Galiza e, por tanto, na submisión.

Como encaixa na actualidade esa paisaxe canónica?

A paisaxe canónica galega deriva, segundo autoras como María López Sández ou Helena Miguélez Carballeira, da interpretación de Rosalía de Castro. Esa imaxe mental é a dominante no conxunto de España e a que asumimos nós mesmos. Como toda imaxe mental, é perdurábel no tempo e creo que aínda hoxe funciona perfectamente.

"Ao discurso alarmista sobre o feísmo responderon e sumáronse a Xunta e a Academia"

No seu traballo sinalan que o feísmo é parte dunha estratexia de poder dirixida a impoñer os códigos culturais das elites dominantes. E mencionan os medios de comunicación como ferramenta necesaria, os actores institucionais de diversos niveis (desde o autonómico ao europeo) e os expertos que invisten no fenómeno con carácter científico. Pode detallar un por un o papel que xogan e por que? 

Historicamente, o poder sempre tende a impoñer as súas ideas e códigos culturais; está na esencia mesma do poder. Nós o que fixemos foi analizar o papel desenvolvido por eses tres actores, que se foron retroalimentando. Primeiro foi un medio de comunicación quen comezou a evidenciar o que pensaba que era un problema que servía para desvirtuar o paraíso rosaliano con tanto apelo para o turismo. A ese discurso alarmista responden e súmanse as administracións públicas, designadamente, a Xunta, e a Academia. Só hai que ver as campañas institucionais que se puxeron a andar e as reunións ‘científicas’ para debater sobre este tema.

Pódese interpretar o feísmo como unha mostra de resistencia e autonomía? Ou como debemos interpretalo?

Nós estamos convencidos de que si. Non creo tanto que o chamado feísmo sexa unha mostra de resistencia, pero si de autonomía no sentido de que mostra unha realidade alternativa á do discurso oficial. Quen fai unha casa a cachos ou imitando un chalé suízo faino por un motivo que pode ser práctico ou simplemente sentimental; e a súa valoración estética pode ser moi secundaria, pero actúa de xeito autónomo ao que debería ser o que outra xente entende por paisaxe galega.

"As famosas cancelas con somieres son o caso máis chamativo e criticado. Porén, eu teño visto estes feches en Canadá ou noutros países europeos occidentais"

Hai quen considera que iso chamado feísmo é un xeito creativo de reciclaxe. Está de acordo?

En certa medida pode ser certo. Por exemplo, as famosas cancelas feitas con somieres son o caso máis chamativo e tamén criticado polo feísmo. Porén, eu teño visto estes feches en países como Canadá ou noutros europeos occidentais. Desde o confort das nosas casas podemos apostar por unha paisaxe canónica onde todo sexa harmonía: prados, viñedos, casas de pedra, etc., pero a realidade é moito máis complexa. A min, particularmente, moléstame moito todo o que está acontecendo na actualidade coa Ribeira Sacra. Moitos dos concellos que forman ese espazo son dos máis envellecidos e abandonados de Galiza, porén, iso parece algo secundario porque o importante parece que é o recoñecemento internacional e, consecuentemente, a turistificación e estetificación da comarca. A greentrefication.

Como deberiamos explicar este fenómeno?

Non é doado explicar ben este tema, sobre todo porque hai unha aceptación xeneralizada da existencia do feísmo. Para min, como para moita xente, hai vivendas ou paisaxes que me gustan máis ou menos. Porén, eu procuro non facer valoracións estéticas que levan sempre aparelladas outras de carácter moral. O problema de fondo é moito máis relevante e o que nos debería preocupar realmente son cuestións como o abandono do rural e as consecuencias culturais que iso supón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

9 Catuxa

Evidentemente que non lin a entrevista enteira porque carece de sentido e aburre. Negan o evidente. O feísmo non é un termo nin asignado por xornalistas nin por élites urbáns. A xente das aldeas tamén o vemos. O feísmo existe digan o que digan. Se estes entrevistados tendo estudos e supostamente amplitude de miras o negan, entón nin entenderon nada nin sei que pintan. O feísmo existe e demostrable con milleiros de fotos, paisaxes, etc. Por favor, téñovos por un xornal serio. Non caiades en entrevistar para recibir opinións absurdas.

8 Sentidiño

Non debe haber estética sen ética. Ver beleza nas favelas de Rio mola mazo, nas fotos quedan guai, pero o problema é que dentro vive xente...

7 Pangea

Darlle de beber a unha burra nun bidé non é feísmo é cutrez e ignorancia. As cidades galegas e españolas en xeral son as máis feas de Europa (polo menos da occidental, o rural galego non resiste ningunha comparación co irlandés, inglés, galés, dañés, holandés, francés ou alemán, que son os que coñezo. Pechar unha finca con un metálico dunha cama é "art déco". Non hai asoballamento do rural ao urbanita, porque o urbanita en Galiza é moito máis cutre que calquera lugar do mundo civilizado.

6 Gustavo

Lendo moitos comentarios, vese ata qué punto callou esa opinión "urbano-centrista", e eu diría que "provinciana" difundida dende a Voz. Hai construccións obxectivamente inapropiadas ou "feas", se se quere, non sei se tanto no rural coma no urbano ou semiurbano. Pero o concepto "feismo" aplicado a certas estructuras do rural ("chapuzas gallegas", chámalle a Voz; se son chapuzas, non son exclusivas dos galegos) é un estigma inventado e amplificado por quen non considera feismo os eucaliptais, as mil e unha pistas forestais, os eólicos, e que atribuen o uso de materiais baratos no rural á "ignorancia" do "populacho" (como fan aquí algúns comentaristas). Señoritos de cidade, dá igual que sexan de esquerdas que fachas, é o desprezo de clase de sempre.

5 anonimo

Por favor. Seica pedir que non se deixen as casas con ladrillo visto é impoñer os códigos culturais das élites dominantes, ou decir que as cutradas son uhna " realidade alternativa". Claro, son unha mostra alternativa ao que se fai noutros sitios, ao lado mesmo, coma Portugal ou Asturias, donde hai mais coidado cas cousas. O autor tenta desesperadamente non condenar as cutradas froito da ignorancia, pero a cousa é algo rídícula.